
Volver as raíces. Botar unha ollada o pasado, recordar as orixes e deixarse arrastrar pola melancolía. Vilamor (2012, Ignacio Vilar) recolle todos os elementos que poderían considerarse indispensables para retratar problemáticas da sociedade galega: o rural fronte o urbano, a familia fronte a independencia, a imposición e a tradición fronte a liberdade e a capacidade de elección…Unha serie de conflitos que recaen sobre Breixo (Rubén Riós), un seminarista que ó regresar ó seu fogar atópase coa aldea revolucionada por unha comuna asentada nunhas casas abandoadas, o que perturba a tranquilidade do párroco e das autoridades da localidade.
Porque se ben a acción está localizada nunha vila dos Ancares a mediados dos anos setenta, o espírito combativo e independente que representa a comuna hippie de Vilamor atópase máis presente que nunca. Porén, a mirada nostálxica do director contén un cariz tan cándido e idealizado que dificulta que todos os espectadores poidan conectar con ela. Os personaxes enfróntanse ós diferentes conflitos moi superficialmente, sen dar lugar a matices nin gamas de grises entre as eleccións dos protagonistas. Breixo, fascinado por Sonia (Sabela Arán) e o seus pensamentos e estilo de vida ata entón descoñecido na súa, toma decisións e comete actos cunha brusquedade impropia dun rapaz da súa educación.
A comuna, asentada nun refuxio idílico para unha xuventude que non pensa no futuro nin no pasado, co lema de ‘o aquí e o agora’, tamén se enfronta coas súas propias contradiccións, unha constante á que se atopan sometidos cada un dos personaxes, na que sobresae a relación de Breixo e Sonia, unidos polo amor, separados pola súa forma de entendelo. Máis alá da historia de amor que se erixe como o tema principal fronte ó resto, o marco no que se ambienta a historia regala impresionantes imaxes da paisaxe galega. Do verde ó branco polas neves do inverno, as montañas dos Ancares infunden unha atmosfera que marabilla e recorda que non hai que percorrer outros continentes para admirar as localizacións nas que se sitúa Vilamor.
Un último apunte. Non se pode obviar o esforzo fóra das pantallas que se está a realizar coa campaña de promoción da película e a súa curiosa distribución, sucedéndose as estreas nas distintas localidades galegas coa presenza do equipo chegados nunha Volkswagen dos anos sesenta. Vilamor non deixa de ser un canto á liberdade, a xuventude e a Galicia, no que, aínda que non todas as notas soen harmónicas, poucos se lanzan a entoar.