Domingo 1, Outubro 2023
HomeOpiniónVerdades incómodas

Verdades incómodas

Mentres escribimos estas liñas, aínda non concluíron os traballos da 21ª xuntanza dos estados asinantes da Convención da ONU sobre cambio climático, a COP21, reunida en París para negociar un novo acordo climático superador do Protocolo de Quioto. Porén, estamos certos de que o cumio de París non vai “salvar o planeta” –que non está en perigo, é a humanidade a que se enfronta ao abismo–, apenas suporá algúns avances, serodios e insuficientes, no combate a un cambio climático cada vez máis perigoso. O verdadeiro poder soberano mundial, o capital transnacional, non permite ir máis aló.

A estas alturas, sen unha viraxe moi difícil de imaxinar, a catástrofe climática está preprogramada. Non leremos isto nos informes de síntese do Grupo de Expertos da ONU sobre Cambio Climático (máis coñecido polas súas siglas en inglés, IPCC), que pola súa natureza e metodoloxía de traballo, son demasiado cautelosos e politicamente correctos, aínda que cada novo informe resulta máis alarmante que o anterior.  Mais é o que se conclúe se facemos caso de moitos científicos climáticos de prestixio e socialmente comprometidos. Perdemos xa moito tempo, as emisións globais de CO2 e outros gases de efecto invernadoiro medraron vertixinosamente nas últimas décadas de globalización neoliberal, impulsadas polo crecemento do consumo e a poboación. Hoxe só estamos a tempo de atenuarmos e de adaptármonos a un cambio climático catastrófico.

E non falamos só dunha catástrofe climática. Está é só a principal dimensión, xunto coa “sexta extinción”, dunha crise ecolóxica máis ampla provocada por un sistema económico produtivista. A humanidade está a chocar contra os límites ambientais, un dos cales é a capacidade de absorción de CO2. Emitir máis do que a vexetación, os solos e os océanos poden absorber é o que está a desestabilizar o clima.  Johan Rockstrom, director do Centro para a Resiliencia da Universidade de Estocolmo, lémbranos que “antes viviamos nun mundo pequeno nun grande planeta. Agora habitamos un mundo grande –con grandes impactos– nun planeta pequeno. E por iso polo que necesitamos respectar os límites ambientais.” Precisamos urxentemente un sentido do límite do que a cultura dominante carece totalmente.

O exvicepresidente estadounidense Al Gore definiu o cambio climático antropoxénico, verbo do que hai un amplo consenso científico desde hai 30 anos, como unha verdade incómoda. Unha verdade aínda máis incómoda é a imposibilidade de afrontarmos adecuadamente a crise climática –e por extensión, a crise ecolóxica– sen renunciarmos á fe no crecemento, sen substituírmos o “máis é mellor” por “o suficiente abonda”. O desvencellamento entre crecemento e deterioración ambiental é unha ilusión. Ben é certo que hai casos en que iso acontece, mais é só por períodos de tempo limitados, só para algunhas formas de destrución ecolóxica e/ou á custa de externalizar boa parte dos danos ambientais a outros territorios, algo que fan moitas economías (incluída a galega).

Outra verdade incómoda é a elevada achega de Galicia ao cambio climático, en relación ao tamaño da súa economía e da súa poboación, achega da que moi pouco se fala. O ecoloxismo retórico e selectivo predominante na nosa sociedade (e en moitas outras) actívase, mesmo ás veces vigorosamente, cando se trata de respondermos a unha agresión externa sobre o noso patrimonio natural, e ben está que sexa así. Mais cando se trata de asumir e afrontar os impactos que o noso modelo de produción e consumo ocasiona a escala global ou noutros territorios, a inmensa maioría prefire ollar para outro lado.

No que atinxe, en particular, ao cambio climático, hai acordo xeral en considerar “estratéxicas” para a nosa economía grandes industrias “asasinas do clima” asentadas no noso país, entre as que sobrancean as centrais de carbón (importado) das Pontes e de Meirama, esa parella de “elefantes no cuarto” invisíbeis para a case inexistente política climática autonómica. Instalados na autocompracencia do “vivamos como galegos”,  ignoramos a pesada pegada climática asociada ao noso actual estilo de vida. Vivimos, en xeral, por riba das posibilidades ecolóxicas, á custa doutros pobos e das xeracións futuras, dun xeito claramente insustentábel.

Respecto de 1990, o ano de referencia para o Protocolo de Quioto, Galicia non foi capaz de diminuír as súas emisións, nin sequera coa axuda da crise económica dos últimos anos.  As nosas emisións por habitante son moi superiores á media mundial e mesmo superan as do conxunto da UE. Se en lugar das emisións territoriais temos en conta as asociadas ao consumo, á demanda da economía galega, sen importar o lugar no que se realizan as emisións, semella claro que non só non se reduciron, senón que aumentaron considerabelmente, aínda que non dispomos de ningunha estimación sobre a súa evolución, outra proba de desinterese polo noso impacto climático.

O cambio climático xerado polos máis ricos (e non só polo 1% máis rico) golpeará brutalmente os máis pobres, os máis vulnerábeis. Nin mesmo facendo realidade todos os recortes de emisións prometidos polos gobernos.  Só resta tempo para evitarmos un cambio climático extremadamente devastador para toda a Humanidade. Porén, é máis que dubidoso que a marxe de manobra que deixa a maquinaria económica entregada á procura incesante da maximización do lucro abonde para evitar un desastre climático de grandes proporcións.  Perante este escenario, se un non acredita no potencial dun novo “capitalismo verde”, nin albisca unha “revolución verde”, o máis coherente é prepararse para o peor.