por Manoel Barbeitos
Temos hoxe unha información infinita grazas a mundialización dixital?, un exceso de información?, somos quen de procesala axeitadamente?, estamos diante dunha información libre?, ou mais ben dunha información dirixida e selectiva?. Preguntas moi pertinentes as que responde en TEMPOS NOVOS o Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Xosé Carlos Arias (“Poliédrica dixitalización”, TEMPOS NOVOS, xuño 2019).
Cabe tamén preguntarse si esta mundialización dixital nos fai uns cidadáns máis libres. Unha pregunta nada retórica dado que hoxe en día dispoñemos dun enorme fluxo de información diante do cal hai pensadores que nos avisan de que esta mundialización dixital ten os seus riscos e perigos. Perigos que camiñan cando menos nunha dobre dirección. Na dirección de que este acceso universal ten o conseguinte efecto inverso do control e a vixilancia dos receptores da información. Na dirección, asemade, de que dadas as características oligopolíticas do sector ese control é exercido por un reducido grupo de multinacionais, cinco en concreto (Microsoft, Amazon, Google, Appel e Facebook) que controlan a oferta. Un control que lles permite, por suposto, obter zumarentas ganancias que supoñen un enorme poder tal que hoxe en día son o grande irmán económico a nivel mundial. Un grande poder que goza dos privilexios da mundialización neoliberal como, por caso, a evasión fiscal e a deslocalización empresarial.
Un grande poder que fai tremer pola propia democracia. Velaí que cada vez sexan máis as voces que reclaman a necesidade de poñerlle coto a tal desmesura pois do contrario as consecuencias poden ser imprevisibles e incontrolables para a humanidade e a propia convivencia. Un grande poder que nembargante non evita, senón todo o contrario, que se manteñan as elevadas taxas de desemprego que se dan, por caso, nos estados europeos do Sur de Europa por que vivimos un momento histórico no que os enormes avances tecnolóxicos, como por caso a mundialización dixital, poden ser unha grave ameaza para moitos empregos actuais.
O novo negocio mundial que ten un crecente e aparentemente imparable apoio na dixitalización, que está en mans duns poucos oligopolios, crea relativamente pouco emprego ou menos empregos que outros oligopolios. Ao tempo que crean escaso emprego, en termos relativos, destrúen moitos empregos. Tanto é así, que segundo o profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Albino Prada (“As ameazas do hipercapitalismo dixital”, TEMPOS NOVOS, xuño 2019) a mundialización dixital por cada emprego que crea, destrúe tres.
Estamos, xa que logo, diante dun negocio mundial, pois diso se trata, que dadas as dimensións que está adquirindo pode chegar un momento en que non atope consumidores suficientes para os produtos que fabrica e pon no mercado a pesares da abdución de que aqueles son obxecto.
Un negocio a nivel mundial que, como era de esperar, non escapa ao control do capital financeiro, das finanzas. Si estas (bancos, fondos de investimento) xa controlaban o accionariado das grandes sociedades multinacionais, agora controlan o capitalismo dixital mundial. Dáse así un paso máis na crecente centralización do poder económico a nivel mundial.
Unha concentración que de ningures beneficia o emprego, o benestar social e o medio ambiente. Unha concentración que si pon en risco a democracia e a propia seguridade dos estados polo que compre poñerlle límites e controis polo ben de todos.
__________