Xoves 28, Outubro 2021
HomeOpiniónUNHA LIÑA FRONTEIRIZA

UNHA LIÑA FRONTEIRIZA

por Luís Álvarez Pousa

Movémonos no alambre. E con nós, a democracia. Evidenciouno con toda crudeza a batalla que vén de librarse en Madrid. A situación é o suficientemente grave como para fixar con claridade unha liña fronteiriza que serva para reubicar aos que co seu ideario, discursos e actuacións públicas están poñendo en perigo o noso sistema democrático de convivencia. Os demócratas fomos excesivamente laxos con VOX, que aproveitou para escalar social, política e institucionalmente posicións alternativas con poder de decisión. Cómpre paralos. Antes de que sexa demasiado tarde.

E só caben dúas fórmulas. A da ilegalización, que non parece a máis acaída, cando menos ata que, como sucedeu cos gregos de Amencer Dourado, o seu planing de actuación cadre a xuizo dos tribunais co propio dunha organización criminal. E a do cordón sanitario, aillándoos ata que caian na irrelevancia. Esta é a maneira que escolleu Alemaña contra os ultras da AfD, que está sendo investigado actualmente polo Tribunal Constitucional. Que Ángela Merkel optase por facilitar no länder de Turingia a investidura do esquerdista Ramelow para non verse contaminada cos votos dos ultras a prol do seu candidato, tivo que ver con ese cerco antifascita.

A foto de Colón, representativa de todas as dereitas políticas, sociais e mediáticas, foi o marco no que o partido de Santiago Abascal recibiu un maior baño de lexitimación. Dándolle asimesmo capacidade para decidir gobernos en Andalucía, Madrid e Murcia, onde émulos seus controlan entre outras a consellería de Educación e Cultura. E foi durante o conflitivo tempo do Procés catalán cando a extrema dereita escala posicións no ranking lexitimador, naturalizador, pois que un dos seus eixos básicos, o da unidade e homoxeneidade de España, estivo sendo reforzado, apuntalado e reivindicado polos partidos políticos tradicionais e pola práctica totalidade dos grandes medios de comunicación. O berro do “a por eles” foi a consecuencia da foto de Colón.

A outra pata que explica esa escalada, cun alarmante respaldo electoral, é a dos medios. Para xustificar o trato equiparador que lle veñen dando a Vox, aos seus discursos de odio aos diferentes e ás súas cruzadas propagandísticas, as máis das veces de carácter negacionista, os medios botan man case sempre da “teoría dos dous diaños”: que hai dous males igualmente perigosos, e non sería neutral contar cun deles (Unidas Podemos) e silenciar ao outro (Vox). Sen advertir irresponsablemente a existencia dunha delgada liña que separa a demócratas (con todas as eivas criticables que se queira) e fascistas. Niso non hai neutralidade que valga.

Esa é a liña fronteiriza que entre todos (partidos democráticos, movementos cívicos, medios) temos a obriga e a urxencia de sinalizar.


 

Novidades