Domingo 28, Maio 2023
HomeOpiniónUN TEMPO NOVO PARA GALICIA

UN TEMPO NOVO PARA GALICIA

por Pablo Arangüena

Iniciamos un curso político decisivo para Galicia despois do proceso electoral máis anómalo da nosa historia. A dramática e inesperada pandemia mudou as regras do xogo político -incluíndo un adiamento electoral aceptado de boa fe por todas as forzas pero que nunca se producira nin estaba contemplado na lexislación- e determinou que, tras unha campaña condicionada polos rebrotes e unha importante viraxe na psicoloxía colectiva, estas fosen as eleccións con maior abstención (51%) dende as primeiras autonómicas, hai xa 39 anos, en 1981. 

Tras tanta anomalía social e democrática, na lexislatura que temos por diante Galicia vai ter que facerlle fronte ás duras consecuencias económicas e sociais do coronavirus, cun desplome do PIB sen precedentes que debe ser compensado con políticas públicas á altura de semellante desafío. Ata o de agora foi o escudo social protector implantado polo Goberno central (EREs, axudas ós autónomos e Ingreso Mínimo Vital) o que foi permitindo que se capease o temporal, á espera dunha solidaridade europea que finalmente se plasmou nun acordo histórico que vai redimensionar a aposta europea para facer fronte a ese escenario, sen perder de vista as apostas pola economía verde e a transición dixital da economía. Pero Galicia non pode poñerse de perfil –como gusta o Sr. Feijóo- nun tempo tan difícil como o que vai vir.

A querencia dos poderes conservadores por un inmovilismo que lles favorece sempre, e a acusada tendencia dos Gobernos autonómicos do PP a deixar pasar o tempo agardando que os problemas se resolvan sos, e limitándose a facer que se fai sen facer nunca nada, non vai ser suficiente desta vez. O dinamismo natural da sociedade galega -erosionado nos últimos 11 anos polo lento devalar do envellecemento da poboación, o deterioro dos servizos públicos, o desacople da economía galega respecto das áreas máis dinámicas do estado, e a perda de oportunidades de futuro pola falla de apostas estratéxicas que desborden a burbulla de márketing e propaganda no que vive instalada a Galicia oficial do DOGA – non vai chegar para compensar o zarpazo económico e social dunha pandemia que ninguén agardaba hai uns meses, pero que vai marcar a nosa sociedade e a vida de moita xente durante moito tempo. A fórmula política do conservadurismo galego é radicalmente inadecuada para administrar o cambio dos tempos, que desborda por completo os seus esquemas e marcos.

Por iso temos que estar á altura dese novo tempo, que xa viñan anticipando fenómenos como a Gran Recesión de 2008 (síntoma do esgotamento do noso modelo económico) o cambio climático (síntoma do colapso ecolóxico global). Desta vez, Galicia non pode perder máis tempo sen defender e aproveitar os seus recursos, sen poñer en valor os seus sectores estratéxicos, sen engancharse á nova economía verde e dixital que Europa pretende implementar coas súas políticas e o rediseño dos seus fondos, dos que Galicia leva décadas sendo moi dependente.

Ese é o sentido do progreso no século XXI: unha aposta por unha transición ecolóxica xusta xeneradora de riqueza, polo feminismo, por un estado de benestar máis resiliente ante a aceleración dun mundo que cambia a un ritmo sen precedentes. Galicia non pode seguir bostezando lastrada polo conservadurismo. A Xunta ten que dinamizar, non entorpecer. Non podemos seguir carecendo de política industrial, de política forestal, de apoio ó rural, de ordenación do territorio, dunha estratexia fronte ó cambio climático, dun modelo turístico que vaia máis alá do Xacobeo. Galicia non pode ser o trampolín de ninguén para dar o salto a Madrid. E non pode estar ó servizo dos negocios dos de sempre. Tampouco Galicia merece distraerse en ensoñacións identitarias ou fórmulas de pensamento máxico fronte ós problemas complexos da nosa sociedade. Galicia non necesita ser salvada de sí mesma nin levada a ensimismarse cando o mundo é cada vez máis interdependente.

O PsdeG aposta por unha Galicia que aposte por sí mesma; unha Galicia que, partindo da autoidentificación, busque a solidaridade a través dun progreso inclusivo e ecolóxico. Unha Galicia na estela da que soñaron, dende parámetros diferentes, xentes como Piñeiro, Casares, Benxamín Casal ou Celso Emilio Ferreiro, que pensaban, como pensamos nós, que outra Galicia é posible.

Os 14 deputados e deputadas do PsdeG, con vocación de multiplicarse por dous, van estar ó servizo desa idea de Galicia compensadora da vertixe do novo tempo. Todo o PsdeG vai estar ó servizo dun novo proxecto de país, que será madurado a pé do territorio, dos sectores e da sociedade civil ó mesmo tempo que loitamos democráticamente contra o deterioro da propia democracia e dos dereitos, contra a involución edulcorada a base de moreas de marketing pagado con cartos públicos. Nesa loita democrática, seremos unha oposición firme pero de talante aberto a calquera proposta -veña de onde veña- que permita mellorar o noso país, unha oposición tan combativa como constructiva para abrir Galicia ó futuro.


Pablo Arangüena é Vicesecretario Xeral PSdeG-PSOE e Deputado electo.