por Luís Álvarez Pousa
En Ribadavia renacemos á cultura moitos dos que agora estamos máis alá da media vida en case todo. Daquela sentiámonos fillos da clandestinidade. Era un inmenso peso que apenas nos deixaba respirar. Baixo as augas fétidas do réxime derámonos conta do que nos mantiña apegados á tradición dos patriarcas. Buscabamos os aturuxos doutras lumieiras máis experimentais e lavercas. Impúñanse outra necesidades e urxencias para o día despois. Había pois que lanzar mil berros sobre o país para que espertara no ventre de todas as maternidades, e se fixese coa iniciativa e co ritmo cultural. Abrente foi un dos máis provocadores.
Acaso non eran igualmente desasosegantes as interrogantes que nos interpelaban naqueles anos setenta, sometidos como estabamos a un estado de sitio real pero non declarado? Se daquela foi quen o teatro de repoñerse poñendo ao día a súa estratexia ética, estética e comunicativa, por que non o vai seguir facendo agora, reactualizándoa?
Que alguén abrise as fiestras baldeiras para asomármonos á praza pública e embebérmonos de ruídos, de noites en vela, de debates interminables, de ideas e proxectos, de complicidades e de reclamos solidarios, de músicas e de teatro…, constituíra todo un desafío. Abrente fómolo todos a partir de entón. E Abrente foi tamén Galicia para moitos de nós, que chegabamos do frío e buscabamos a calor dentro e fóra das tabernas, en noites de viño tinto, de farsas, de historias e testemuños que ían e viñan de Trasalba a Rianxo, da Auria blancoamoriana ao Mondoñedo cunqueirán.
Abrente e a Mostra de teatro que naceu dela alentaron outra maneira máis creativa de resistir. Liberáronnos do agobio de sentírmonos clandestinos. Resistir comezou a ser un proceso de comunicación, atopármonos aquí e acolá, tomar a iniciativa cultural marcando o ritmo á marxe da autoridade. Fixémolo ben. Despois veu a transición, e con ela o relampagueo dun tempo novo. Se non fomos máis alá é porque todo o que debe acompañar a evolución dunha cultura en liberdade ralentizou o paso a pesar nosa e chegou á fin mediatizado e descolorido. Pero fixémolo ben. Ribadavia seguiu a ser adro e rúas para a cultura rebelde do encontro, e a Mostra a plataforma na que creadores e público referendaron o acto fundacional dun teatro con patria.
A vila e a Mostra internacionalizáronse nos 80. E todo proseguíu sendo un escenario de apostas expresivas. Estreabamos autonomía, e con ela a necesidade dunha política cultural propia e ambiciosa que empezase por darlle ás iniciativas populares a lexitimidade que sempre se lles negara. Que outra cousa podía facer eu, que era daquela Director Xeral de Cultura, que provocar a reapertura da Mostra, en Ribadavia, co espírito Abrente e con outras propostas adaptadas aos novos tempos? Ollo, aquelo de Ribadavia foi un niño de roxos!, escoiteille a un alto funcionario da Consellería co ánimo de censurar a miña decisión. Non o permitín. Diso vai para 40 anos.
Certo é que as interrogantes de agora interpélannos en medio dun vendaval de crises, e condicionan de maneira ben diferente a vida e o acto creativo. Como falar de teatro nesta nova arribada globalizadora sen ter en conta o desnaturalizador marco tecnolóxico e comunicativo no que se manifesta, un tempo no que só parece ter consistencia aquelo que se somete aos ditados éticos e estéticos dunha realidade virtual? Como ignoralo se estamos a falar asomados todos a un corredor de difícil retorno, no que para subsistir é necesario desafiar as trampas desa realidade virtual, para o que se precisa conciencia de colectividade, que non vai chegar por autoidentificármonos no pasado, senón por autoproxectármonos na Galicia real de onte, na desta hora e na do inmediato futuro, asumíndoa non só como a sociedade diferenciada que é, senón tamén como a sociedade conflitiva que lle fan ser?
Porén, acaso non eran igualmente desasosegantes as interrogantes que nos interpelaban naqueles anos setenta, cando outras crises carcomían a nosa capacidade de resistencia, e de creatividade, sometidos como estabamos a un estado de sitio real pero non declarado? Se daquela foi quen o teatro de repoñerse poñendo ao día a súa estratexia ética, estética e comunicativa, por que non o vai seguir facendo agora, reactualizándoa?
Só así poderá o teatro galego cumprir coa súa función catártica, social, lúdica, política e propiamente cultural que Galicia, esa realidade diferenciada e por iso mesmo conflitiva, lle demanda. Unicamente poderá así levar ata o final o ritual da comunicación, que é en definitiva no que alimenta a súa razón de ser. Un proxecto que as xentes da farándula deberían acometer coa forza da intelixencia e do corazón, e á vez con humildade, achegándose de novo aos públicos con aquela limpeza de espírito coa que, hai xa 50 anos, irromperan coma ciruxáns no corpo mergullado dunha cultura en busca de patria.
Por desgraza, non é alleo o teatro a esa concepción da cultura que se esgota no consumismo rápido, nese fast food en que deu, preto de nós e lonxe, unha cultura que os poderes estandarizaron coma uns empresarios do montón en supermercados e háppenings festivos. Naufragou así a palabra, que en si mesma é rebeldía e revelación, e triunfou o espectáculo, que é en si mesmo perecedeiro. Unha mutación desafortunada. Porque só no diálogo entre a palabra e as poéticas da representación, sen concesións ao vampirismo dun tempo líquido, tan preñado de posverdades, se pode entender o verdadeiro acontecemento teatral.
E recoñezámolo: nese facer do espectáculo e dos seus códigos un seguro de vida, as tendencias na escena eluden, salvo contadas excepcións, o territorio da tensión. Todo un contrasentido, e máis nesa Galicia forzosamente conflitiva, porque o teatro ten na tensión a argamasa pola que unha representación pode ser recoñecida como un acontecemento social, que por selo é artístico e político a un tempo. Aceptalo sen máis pode que comporte o beneficio do poder (subvencións, contratos…), pero a costa de contraer o peor dos maleficios: a desconexión.
Que se propón para remedialo? Sen renunciar a ningunha nova técnica comunicativa, unha volta ás regras dun teatro artesán, facendo posible o desexado reencontro co novo espectador que está medrando. Ese que nestes tempos globalizadores busca unha ponla de carballo á que agarrarse, para non acabar sendo vítima das augas caudalosas nas que emerxe unha nova, complexa e contraditoria sociedade.
Non digo que o consiga o teatro en solitario. Pero si que o sector teatral é un actor imprescindible nese gran pacto cívico arredor dun proxecto xeral de Cultura que precisa Galicia. Un pacto que inaugure un discurso acrático, ese que por contraposición ao de carácter encrático situaba Roland Barthes fóra das marxes do poder.