Domingo 4, Xuño 2023
HomeOpiniónUn relato que produce agnósticos

Un relato que produce agnósticos

Sacan peito os gobernos de Rajoy e Feijóo ficcionando un relato da crise que se adapta exclusivamente aos intereses electorais do PP. Canalízano e amplifícano os seus respectivos voceiros mediáticos. Porén, a literatura dos discursos non casa ben coa descrición pura e dura da realidade que fotografan as cifras. Por caso, e de maneira especialmente dramática, os seis millóns de persoas sen emprego –un millón máis desde que goberna a dereita–, os 500.000 parados que deixarán de ter cobertura neste 2014, cunha Seguridade Social que pechará o ano cun déficit de 18.000 millóns derivado das 300.000 persoas que perderon o seu emprego e deixaron de cotizar, a progresiva quebra de empresas –un 20 por cento máis no 2013–, a débeda pública que xa ronda o billón de euros, a tan cacarexada exportación parou en seco despois da feliz primavera, e as condicións que a banca reformada impón para dar créditos a familias e pequenas empresas son peores que antes do rescate imposto pola Troika… Para que seguir?

Baixando á terra, o relato oficial aínda se contradí máis. A noutrora potente clase media perde aceleradamente peso, xerando enormes desequilibrios, acrecentando a desigualdade e a distancia entre ricos e pobres. En términos de Estado, tres millóns xa de persoas en situación de pobreza severa, seis millóns en situación de pobreza enerxética. Galicia? A Axencia Tributaria confirma que dende o arranque da crise o incremento entre as rendas máis altas e as máis baixas supera xa o 24 por cento. Cáritas di que un 21 por cento de galegos e galegas viven baixo o limiar da pobreza –82.000 nenos. Velaí as causas dunha nova emigración que lamina unha boa parte da mocidade mellor formada.

Con ese relato de ficción o único que conseguen Rajoy e Feijóo é multiplicar o número de agnósticos.

Abuso de poder

Andan Núñez Feijóo e o PP facendo contas para ver de que maneira burlar o temporal, que ameaza o seu poder, sen verse forzados a desandar o camiño recentralizador e antisocial ao que supeditan o autogoberno e o Estado de Benestar. Botan entón man da matemática e, coa calculadora en ristre, buscan a cuadratura do círculo. Empezando por acomodar a lei electoral, o Parlamento e a representatividade política aos seus cálculos electorais. Todo para que a suma de deputados conservadores elixidos nos vindeiros comicios lles regale a maioría absoluta coa que seguir gobernando. Con ou sen o seu líder actual, que a día de hoxe ten máis ambición madrileña que galega.

A liorta política está servida. Porque todo o que rodea o anuncio e a proposta de reducir o número de deputados ata o limiar mínimo de 61 que marca o Estatuto non dá máis que para sospeitas. Que Feijóo levantase a lebre só uns meses antes da última convocatoria electoral, sen que ninguén o reclamase, e sen que sequera o debatesen dentro do partido, non tivo mellor explicación que a das sondaxes da época, que non lle aseguraban a reelección. Non se atreveron daquela porque quedaron axiña en evidencia: a febleza  argumentativa da proposta, que a ollos de todos non era senón a confirmación de desprezar o debate e o consenso para conseguir o que pretendían indo polo atallo, contribuíu a iso. O barullo político que se armou fixo o resto, e todo quedou na promesa de levar a reforma ao programa electoral. Como así foi.

Todo un desafío partidista. Porque a reforma dunha lei básica como a electoral, o mesmo que a hipotética e máis ca necesaria reforma do Estatuto, nunca debera producirse unilateralmente, senón por consenso. Esa era a doutrina, e a reivindicación, que Núñez Feijóo propuxo en tempos do bipartito, cando era oposición. Por certo, cunha resposta tan xenerosa como democrática por parte tanto do presidente Touriño como do vicepresidente Quintana, que ante a negativa de Feijóo para iniciar de mutuo acordo o proceso de reforma estatutaria, decidiron pospoñela, malia que contaban coa maioría absoluta para levala adiante á marxe do PP. O mesmo consenso, por certo, que está reclamando agora, despois de constatar o desgusto doutros líderes rexionais, para a reforma da polémica lei do aborto que o dúo Rajoy/Gallardón quere aprobar en solitario.

E nesas estamos. Poñendo o programa electoral como escusa, o mesmo programa tan manifestamente incumprido noutros moitos compromisos previos, e utilizando o engado populista do aforro económico, que cae polo seu propio peso –a Xunta de Feijóo gasta nos 141 asesores seis veces máis que o que di querer aforrar pasando de75 a61 o número de deputados–, aseguran que a súa proposta será aprobada con ou sen o consenso cos demais grupos da Cámara.

Será sen el, a xulgar pola oposición frontal de socialistas, de AGE e BNG. Con razóns. Porque non é o número de deputados o que debera estar primando nun debate aberto e argumentado a prol dunha reforma da lei electoral. Nada impediría chegar á conclusión de que abonda con 61 deputados, se ao tempo se materializa o obxectivo democrático dun modelo electoral no que a relación voto/persoa fose proporcionalmente exacto. Non é ese, non obstante, o propósito de Feijóo e os seus. A clave de todo está non na diminución do número de escanos en si, senón en se ao mesmo tempo diminúen a proporcionalidade e a pluralidade.

Porén, é xusto do que non falan no PP. Un debate leal que buscase o reforzamento da democracia e do autogoberno, e non ao revés, tería que abrir o melón da circunscrición única –que destruiría os desaxustes marcados pola división provincial do país– e o da eliminación do mínimo do 5 por cento dos votos –unha imposición unilateral do PP en tempos de Fraga– para que un grupo ou partido consiga representación. Aceptalo en proceso, atando a proposta definitiva ao que os expertos concertasen e os grupos parlamentarios aprobasen nesa dirección, non parece que sexa asumido pola dereita. Queren asegurarse o poder. Que é para eles o da maioría absoluta. E para iso nada como ir polo atallo. A iso chamaríalle o conservador The Times “abuso de poder”.