Domingo 4, Xuño 2023
HomeOpiniónO son do post punk: Trajano!

O son do post punk: Trajano!

Mario Pais Beiro
Mario Pais Beiro

Que Madrid resulta un referente musical ineludible non é nada novo. Pero si que alí nacese, resultado dunha fría noite de troula a comezos de 2011, este proxecto musical capitaneado por dous galegos, Juan Cea e Lois Brea, a quen se lles deu por pensar nas cousas que poderían saír dunha colaboración entre os seus talentos. Trajano! Comeza así a levantarse sobre os sons escuros e eclécticos da new wave e o post punk.

Non pasaría moito tempo ata que a banda dese novos pasos. Para pórlle ritmo e forza á batería chegou Carlos Mun. Pouco despois fixo a súa aparición Álvaro Naive, decidido a achegar melodías bizarras co seu teclado. “A nosa música é una mestura entre o claro e o escuro”, dinme durante a amena conversa que mantemos antes dun dos seus concertos.

Influenciados polas melodías de Los Bravos ou os falsetes de ABBA, a banda conta cun directo potente, incapaz de deixarche indiferente. O corpo pídeche movemento ao ritmo das súas distorsións.

Unha das características que máis me chamou a atención foi a ausencia de baixo, algo pouco común nas bandas de hoxe en día. Máis tampouco se bota en falta. Aos graves daquel instrumento os substitúe aquí a elegancia da guitarra do Sr. Cea, como ben se aprecia en “Discopatía” ou “Iker Jiménez”. Xunto a isto, a distintiva voz do Sr. Brea, que tanto nos recorda á de Ian Curtis -finado cantante de Joy Division- consegue transmitir profundidade a cada acorde.

O seu primeiro EP, Terror en el planetario, xa está na rúa. Cinco cortes de composición propia gravados na terra, e producidos e masterizados por Roberto Mallo -quen traballou con bandas consagradas como Triángulo de Amor Bizarro ou con promesas da calidade de SraSrSra.

Trajano! veñen para quedarse, contaxiándonos a súa alegría. Na nosa conversa evidencian a súa declaración de intencións: “Nestes tempos, pouco máis nos queda que a música e a bebida”. Canta razón!