Domingo 28, Novembro 2021
HomeOpiniónTHE WALKING DEAD E NOVO CONSERVADORISMO

THE WALKING DEAD E NOVO CONSERVADORISMO

por Juan R. Coca

A historia da humanidade está chea de voltas e reviravoltas. O mundo actual semella presentar unha serie de elementos que xa estaban nas sociedades pasadas. A idea do naturalismo, certa superficialidade ou o emotivismo actual xa o tiñamos no Barroco. O ecoloxismo pode ser entendido como un neotribalismo. E incluso aqueles que adoran á tecnoloxía semellan ter unha visión que xa estaba nalgúns pensadores gregos. En fin… no mundo temos imaxinarios que van e veñen constantemente. Posiblemente só podemos ir dando pasos na construción da nosa sociedade, apoiándonos na tradición. A cuestión no só é esa, o tema máis interesante está en se iso impide xerar novas alternativas non contempladas previamente. Precisamente disto imos falar agora.

A historia desta banda deseñada

        The Walking Dead é unha banda deseñada en branco e negro. Comezou a súa publicación en outubro do 2003, e amosa os sucesos aos que se ve sometido o protagonista (Rick Grimes), a súa familia e outro grupo de persoas próximas a eles. Todo acontece nun mundo onde os humanos están afectados por algo que os converte en zombis. Este feito é a escusa perfecta para que a narración poida ser primitiva e brutal. Grazas aos zombis, a historia no seu conxunto pode ir transcorrendo entre diferentes propostas de agrupamentos sociais. Unhas máis primitivas, outras medievais, ata chegar a unha sociedade semellante á occidental.

A serie foi editada pola editorial Planeta fai tempo e agora está a ser reeditada en España por ECC. Polo de agora só teñen editados cinco volumes, e o sexto sairá en novembro. Todos eles cubren os primeiros 72 números da edición estadounidense. Aínda falta unha manchea de números ata chegar aos 193 publicados dentro da serie oficial. Dicimos isto xa que Kirkman (o guionista) publicou posteriormente unha banda deseñada onde Negan (un dos personaxes máis carismáticos da serie oficial) era o protagonista e foi chamada Negan Lives.

Pois ben, a serie tivo unha equipa creativa constante. O guión pasou sempre polas mans de Robert Kirkman, e os debuxantes de referencia foron Tony Moore -nos primeiros sete volumes-, e posteriormente Charlie Adlard ata o 24, inda que Moore seguiu participando no proxecto debuxando as portadas. A historia foi un éxito innegábel de público e crítica. De facto, recibiu o Eisner no ano 2010 á mellor serie. Posteriormente fíxose unha versión para a pequena pantalla.

O neo-conservadurismo de Kirkman

Xa dixemos que esta banda deseñada percorre unha serie de ideas interesantes sobre a realidade social actual. Os zombis teñen moito a ver co concepto de masa do que falou fai tempo Ortega y Gasset. Ao fin e ao cabo, son un conxunto de persoas que só teñen un obxectivo, moi primario iso si, que é o de comer. Agora ben, o máis interesante non está nesa masa sen capacidade racional, senón nas respostas dadas polas persoas non infectadas.

A narración percorre un conxunto de opcións nas que as persoas poder verse relacionadas: violacións, amor, protección, sobreprotección, roubos, asasinatos, etc. Tamén amosa como os humanos “xogamos” có poder cando temos nas nosas mans unhas posibilidades que non tiñamos antes. É dicir, a banda deseñada pretende dar resposta á seguinte pregunta: que faríamos se somos o líder dun conxunto de persoas que depende de nós?

A posíbeis responsas son numerosas, pero podemos pensar se a opción da morte preventiva, a cadea perpetua ou a pena de morte ten sentido neste contexto. De calquera xeito, a historia opta por unha ollada sentimental e amosa unha especie de edén nunha reconversión dos elementos tradicionais do imaxinario social dos Estados Unidos de América. É dicir, unha volta ao mundo colonial, pero máis humanizado. Un mundo sen moita tecnoloxía onde volvemos estar en relación dialóxica coa natureza. Unha natureza que, por outra banda, pode ser creadora e destrutora.

Ideas finais

A narración escrita e visual de The Walking Dead é impresionante, dende logo. Coido que non deixa a ninguén indiferente. Porén, semella que está asentada nunha interpretación da humanidade lineal. As persoas soamente son quen de facer ou repetir o que se materializou previamente. De aí que as sociedades ou as opcións escollidas son as que se deron na historia, dun xeito ou doutro. En troques, a sociedade tamén muda os seus presupostos e as súas construcións. Poden volver ideas ou crenzas, pero tamén agroman outras novas.

Kirkman semella asentar toda a historia na necesidade do decrecemento do que falou no seu intre Serge Latouche. Precisamos, neste senso, dunha diminución da poboación humana para evitar catástrofes como a apocalipse zombi. Esta idea tamén é compartida por certos movementos ecoloxistas. Ben, a cuestión será entón decidir a nosa evolución. E o cuestionamento volve a ser semellante. Temos sempre que repetir o pasado ou poderemos ser anovadores?


 

Novidades