Domingo 28, Novembro 2021
HomeOpiniónTEÑEN O GOBERNO, PERO NON TEÑEN O PODER

TEÑEN O GOBERNO, PERO NON TEÑEN O PODER

por Antón Baamonde

Cóntome entre os que consideran posible, e mesmo probable, que o tándem PP-VOX gañen as próximas eleccións xerais. Na miña opinión, o goberno de coalición non está acertando.

Hai que lembrar que, a día de hoxe, o legado de Rajoy segue inconmovible case na súa totalidade, trátese da Lei Mordaza ou da Reforma laboral ou do goberno dos xuíces, dende o CXPX, ou o TS ata o TC. No que fai referencia a Cataluña, o que hai, contante e soante, é unha diferenza de ton, de actitude (algo importantísimo, dende logo) pero sen que a lóxica neo-centralista fose, nin por un breve intre, desactivada.

Máis aló das portadas, isto é o que hai. A dereita o que está facendo, apoiándose no seu control dos medios e no dos órganos da xustiza, é impedir que o seu legado se revoque. Ela posúe o control dos tempos e ten capacidade para ditar a axenda: de que se fala e en que termos. PSOE-UP teñen o goberno, pero non teñen o poder. Viven como funambulistas, na corda frouxa co abismo ás dúas bandas.  As eleccións déronlles unha sorte de permiso para sobrevivir, pero non se aprecia que estean construíndo nada sólido a longo prazo. Non é fácil, por outra banda, nun mundo nesgado á dereita. O espírito do tempo sopra á dereita, e acaso máis aló. A propia democracia e os dereitos humanos poden estar en perigo. Así de grave é o momento.

As dereitas, que teñen unha visión común, confían en que as súas estratexias de dilación lles permitan chegar a tempo para volver ao goberno, dar unha nova volta de parafuso ao logrado e consolidar os seus logros nun período dilatado. Alí onde a dereita dá por terra, mar e aire unha guerra cultural para impoñer os seus puntos de vista, apoiado por toda a maraña de medios de comunicación con base en Madrid dos que dispón, o goberno -en especial o PSOE- só responde con xestión, non sempre, polo demais, eficiente.

O mesmo sucede coa guerra xudicial. Se non desactiva ese campo de minas, está perdido. Lawfare e culture wars son os dous anglicismos que marcan o período. Non por azar, dado que as estratexias de desgaste e deslexitimación do adversario están plaxiadas da forma de conducirse dos republicanos norteamericanos.

O goberno de coalición non está acertando, porque está tratando os asuntos públicos como unha cuestión técnica. Confía na maioría silenciosa, no tipo de xente á que desagrada o carácter bélico da nova dereita. No hipotético centro, cada vez máis galvanizado no entanto polos efectos polarizadores das redes. E así, as súas políticas son meramente reactivas. A dereita lanza a súa batalla e despois o goberno intenta ser razoable. Pero o elefante xa está no medio da pista. Se acaso, permítese unha certa iniciativa nos ámbitos do feminismo e LGTBI.

Pero, antes ou despois, dende o goberno ou dende a oposición, tanto PSOE como UP terán que reconstruír un horizonte: indicarlle á xente a onde nos queren levar e que estilo de vida propoñen. Esa cuestión, a do way of life é decisiva, nun momento en que o fundamento común da existencia está posto en cuestión e no que a política quere, falsamente, declararse impotente para garantir unha vida decente, en termos económicos e morais. Hoxe as políticas de goberno tenden a ser de acomodación das grandes liñas europeas -os fondos Next-Generation, a economía verde- sen aportar un deseño de casa común. Pero non abonda con iso.

Antes ou despois, as esquerdas terán que repolitizar o traballo. Pay them more afirmou Biden nun discurso. Trump ou o Bréxit mostran con toda evidencia que se non se recupera aos excluídos, o nacionalismo español máis regresivo será -xa está sendo- o cemento que une aos de máis abaixo e aos de máis enriba. O goberno de coalición, non pode -ou non debe- permanecer coma un espectador que ve os touros dende o tendido. Derívase de aí que tería, debería, afirmar unha idea de España en positivo. Unha España plural e en rede, inclusiva, que non fomente o actual “bucle melancólico” español. Que o faga será outro cantar, entre outros motivos porque o electorado xa está envelenado.

Naturalmente, a guerra cultural non pode ser tan groseira como a que Pablo Iglesias usou na campaña de Madrid, pero ten que darse. Peor aínda foi a falta de perfil do candidato Gabilondo que determinou a súa irrelevancia. Non sei exactamente que finuras e sutilezas teñen que poñer as esquerdas en circulación, pero está claro que se asisten impasibles ao proceso de destrución do chan de ideas que nutre as súas políticas, terán os días contados. Por suposto, e trátase dun problema aínda máis arduo, de pouco vale ter voz se careces de altavoz. E, fóra dos ecosistemas vasco e catalán, o certo é que a hexemonía mediática das dereitas é estarrecedora.

Que se produza a vitoria da coalición de dereitas tería consecuencias devastadoras en toda España e, por suposto, tamén en Galicia. Cabe que, como suxería Pablo Iglesias, intenten ilegalizar independentistas e, baixo ese albo, tamén ao BNG, aínda que non o sexa. As liberdades e os dereitos, tanto os do individuo coma os colectivos vivirían unha merma considerable. Sería poñer en marcha unha democracia iliberal posta en obra por xente coa cara máis dura que o cemento e que gusta de se denominar a si mesma “liberal”. Servidor é, ou cre ser, liberal -e, se a iso imos, individualista- e está atónito dende hai lustros polo modo en que se usan esas palabras. Se Locke ou Berlin érgueran a cabeza !…

Por suposto, esa vitoria de PP-VOX alimentaría a regresión centralista da dereita galega, xa considerable na Era Feijóo e, imaxino, convertería definitivamente a Galicia nunha nación falida. Tal vez non suceda, pero sería frívolo non imaxinar en que podería consistir a vida baixo a férula dun goberno á húngara.


 

Novidades