Sábado 25, Marzo 2023
HomeOpiniónSUICIDAS

SUICIDAS

por Luís Álvarez Pousa

Andan os medios medindo os pasos dados polos negociadores do PSOE e Unidas Podemos. Inutilmente. A suma de despropósitos encontrados a un lado e a outro da mesa non xustifica en maneira algunha o resultado. O Estado está á deriva, sen un goberno que a deteña. E as esquerdas morden o pó do ciclón da investidura e están como se viñeran de protagonizar o penúltimo duelo en O.K. Corral. Coas dereitas pretas as filas, á espera de novembro, ávidas de poder e con ánimo de revancha.

Non hai relato que esconda tanta miseria política. Nin tan abultada chantaxe democrática como vimos en cascada nos tres fatídicos días de xullo. Porque non todo se explica baixo a excusa de que uns e outros veñen de culturas políticas moi diferentes. Se unha cultura se medise unicamente polos anos de vida, ese aserto non ofrecería dúbidas. Pero non é o caso. Tanto o PSOE como aquelas organizacións que están á súa esquerda —Unidas Podemos e as confluencias, pero tamén ERC, Bildu ou o BNG e as Mareas galegas— sobreviven en medio do magma neoliberal que veu ameazando desde os 90 as raíces dos seus respectivos idearios. Os 140 anos dos que tanto alardeou Pedro Sánchez para negarlle a UP estatura e cintura para acabar en partido coaligado non incompatibilizan que, a día de hoxe, ambas organizacións resistan esa embestida baixo un paraugas de principios e valores —laicos e republicanos— que configuran unha mesma cultura política de base. Iso non quita que, nese contexto común de resistencia democrática a canto pon en perigo con ánimo destrutivo e reaccionario as conquistas de tantos anos, cada unha desas organizacións se rebele con máis ou menos coraxe, con máis o menos radicalidade política e/ou estratéxica.

Se o goberno de coalición non saíu adiante non foi porque as culturas políticas do PSOE e UP sexan incompatibles. Senón porque uns e outros disinten na coraxe e na radicalidade política e democrática coa que se enfrontan ás estratexias dos que, sen pasaren polas urnas, son quen de impoñerlles aos gobernos as súas ordenanzas, cos mercados e o capitalismo depredador actuando á maneira dun desalmado Deus ex machina. Que a cariacontecida Carmen Calvo asuma o “inquietantes” que os de UP son para a CEOE explica, a modo de síntoma, as verdadeiras razóns polas que, de seguiren nesa mútua desconfianza en razón dos seus respectivos e diferenciados sinais de radicalidade política e democrática, esteamos abocados no outono a unha nova chamada ás urnas.

A peor das alternativas. Antes terían que poñerse dacordo sobre os desacordos e, partindo do documento orzamentario que lles tumbou o independentismo catalán, poñer sobre papel un programa de goberno para a lexislatura. En setembro. Antes de que Marchena poña en solfa a sentenza do procés. Non facelo asi, con coalición ou coa fórmula dun goberno á portuguesa, sería suicida.

Carta de axuste do número 267 (agosto 2019) da revista TEMPOS NOVOS