Domingo 28, Maio 2023
HomeOpiniónSodoma e Gomorra

Sodoma e Gomorra

Xesús Veiga

Nunha recente comparecencia parlamentaria, Luis de Guindos non tivo reparos en utilizar os seus coñecementos bíblicos.Despois de recoñecer que Bankia “é un caso paradigmático dos erros cometidos nesta crise” e que as chamadas participacións preferentes “nunca se deberon colocar entre pequenos aforradores porque é un produto híbrido, complexo e perpetuo que lles comezaron a vender cando os investidores institucionais deixaron de mercalos”, o ministro rexeitou esixir responsabilidades por todo o sucedido argumentando que el non é un “anxo vingador” e que non quere mirar para atrás para “non ficar convertido nunha figura de sal”.

Con esta metáfora, Luis de Guindos recoñece que Sodoma e Gomorra habitan no universo económico que padecemos dende 2007. El mesmo, antes de ser membro do goberno de Rajoy, participou activamente –entre 2006 e 2008- na xestión dunha das entidades mais emblemáticas do inmenso casino especulativo que padecemos:a compañía de servizos financeiros Lehman Brothers. Mentres adquiría experiencia nun xigante empresarial que se derrubaría como un castelo de area, o seu antigo xefe político –Rodrigo Rato- exercía como director xerente do FMI. Houbo, certamente, unha diferenza significativa entre os dous: Rato dimitiu en xuño do 2007, poucos meses antes de que estoupara nos USA a crise das “hipotecas subprime”, tal vez porque era coñecedor da burbulla que se estaba xestando e non quixo facer fronte ás interrogantes que lle ían formular a respeito das súa evidentes responsabilidades como integrante dun organismo regulador do sistema económico internacional. A vida ten estes paradoxos: Rato regresou sen queimaduras da súa aventura americana e rematou por atopar acubillo en Cajamadrid -unha entidade que pretendía ser a base dun poderoso grupo financeiro controlado por destacados dirixentes do PP- ate que foi devorado pola mesma crise que el contribuíu a alimentar. Os amigos están para as ocasións:de Guindos non quere mirar para o pasado e prefire formular un xuízo xenérico no canto de facer un catálogo preciso dos “pecados” cometidos por Rato no seu labor como administrador principal de Bankia.

A recente decisión tomada polo fiscal superior de Galiza promovendo unha acción xudicial a favor dos afectados polas preferentes é o mínimo acto de reparación que merecen todos eses milleiros de persoas que confiaron nos xestores dunha entidades que practicaron un abuso evidente coa intolerábel inhibición das autoridades políticas e administrativas encargadas de vixiar o correcto funcionamento das prácticas financeiras. Para quen foi vítima dunha fraude destas características, depurar o sucedido no pasado non é un acto de vinganza senón o lóxico exercicio dunha xustiza merecente de tal nome. O grave é que ministros ou presidentes non esixan as responsabilidades derivadas de semellantes feitos: están perdendo unha oportunidade para demostrar que defenden unha hixiene democrática que prestixie ás institucións e recupere a credibilidade das mesmas ante esa cidadanía que asiste, atónita e indignada, a este obsceno espectáculo.