Venres 1, Decembro 2023
HomeDestacadasSISTEMA CRIMINAL

SISTEMA CRIMINAL

por Luís Álvarez Pousa

Diante do inferno de lapas que, á maneira dunha nova praga bíblica, ameaza a rexión latinoamericana na que todos coinciden en situar a maior biodiversidade da terra —a Amazonia ocupa sete millóns de quilómetros cadrados a través de nove países—, hai demasiados interesados en poñerse dramáticos sen outro recurso acusatorio que o da bolsonarización. Que o presidente brasileiro Jei Bolsonaro participa do aquelarre non admite dúbidas: deulles vía libre aos que producen “queimas” para eliminar a selva e multiplicar terreos aptos para a gandería e a semente de soia. Pero nunca se atrevería a tanto, se non se sentise apoiado polos que, coma el, e sen apenas diferenzas de norte a sur, optaron por seren os sacerdotes dunha relixión que somete todos os medios e todos os recursos ao fin último do progreso.

A actitude negacionista coa que Trump vende o seu ben dimensionado nacionalismo excluínte, botándose fóra do Acordo de París sobre a necesidade de reducir as altísimas emisións de CO2 que alimentan a eficacia destrutiva do cambio climático, ten nos negocios desa relixión a súa causa troncal. Aquela que lle dá corpo ao sistema capitalista. Porque a acumulación de gases de efecto invernadoiro na atmosfera e nos océanos é produto do modelo produtivo que o caracteriza. Nada como ignorar o que ata a timorata UE considera un asunto de seguridade nacional, para sacudirse o acordado —aínda sendo voluntario— e seguir producindo carbón sen límite.

Casos coma eses multiplícanse a escala. Porque en todas partes, e baixo ese sistema, cocen fabas: na Amazonia e África central ou no Caurel, nos océanos e no Polo Norte ou nas rías galegas… Vítimas, nuns e noutros lugares do planeta, das posturas políticas baseadas no soño da orde e o progreso do século XIX, malia terse evidenciado que xa non poden responder os desafíos sociais e ambientais do século XXI. É polo que, ante o que representa unha crise civilizatoria e global, o poder se limita a moldear un mundo que se fractura cada vez máis entre un pequeno club de privilexiados e un xigantesco enxame de desposuídos. Cos Bolsonaro e os Trump que sobreabundan polo mundo oficiando de sumos pontífices ao servizo desa relixión e desa estratexia.

Caben os proxectos emancipadores? Caben. Coa democracia como arma fronte aos autoritarismos. E coa activa participación das xentes que sofren os efectos dese capitalismo depredador. Á maneira en que o fan estes días os rebeldes da Amazonia, os que van á folga mundial polo clima este mes, os amotinados pola invasión irracional do Iribio, ou os concentrados en Celeiro pola contaminación das augas da ría e a ocupación industrial e privada da súa praia urbana.