Luns 4, Decembro 2023
HomeOpiniónSÍNTOMAS AGÓNICOS

SÍNTOMAS AGÓNICOS

por Luís Álvarez Pousa

Busca un palabras de autoridade que alumeen un diagnóstico do que está pasando en sociedades tan afastadas entre si como Francia, Hong Kong, Ecuador, Chile ou España. Algo que explique o que os medios de comunicación, sempre atentos á mordida, amosan con depurada estética belicista: as protestas de milleiros de xoves e non tanto por causas moi diversas, que acaban en enfrontamentos de suma violencia entre manifestantes e policías. “Non é a subida do Metro, é o pinochetismo que agoniza”, leo e asimilo por se o diagnóstico chileno serve para facelo tamén respecto desas noites de tele e lume que dramatizaron a revolta en Barcelona contra a dura sentenza do procés. Haberá que ver nese escenario os síntomas do “franquismo que agoniza”? Ou acaso mellor: do réxime do 78 que agoniza con el?

Non son o único que teima en visualizar o conflito político de Catalunya nesa clave. O catedrático Pérez Royo vén defendendo con gran coherencia argumentativa que o consenso que deu pé a ese réxime rompeuno o Tribunal Constitucional cando se cargou o Estatut. Nese que cualifica de golpe está a raíz da enramada de confrontación que non deixou de medrar e de condicionar a política na España dos últimos dez anos. Nada do que formou parte da axenda política –social e económica, por extensión– do Estado puido ter vida á marxe de Catalunya. Así é como nas vésperas do 10N os dous principais focos de axitación electoral non están sendo outros que a exhumación da momia de Franco, na confrontación esquerda/dereita, e a escalada de tensión provocada pola sentenza en Catalunya –na confrontación cataláns polo dereito a decidir/nacionalismo político e mediático español.

Diráseme: ben polo que toca ao movemento independentista, sempre pacífico, que se fixo notar de novo no aeroporto de El Prat, nas masivas Marchas polas estradas do país e na concentración multitudinaria do día 26. Pero, e os conatos de violencia localizados en Vía Laietana? Porque foi o que máis sorprendeu, por inusual. E o que acendeu as alarmas, dentro e fóra dese movemento. Moitos son xoves independentistas, xente que durante
moito tempo aceptou as regras de xogo, pero que din teren chegado ao límite coa sentenza contra os seus líderes. Rompen coas regras e abrázanse cos outros grupos de xente que, sen estaren motivadas polo conflito político, ven nel unha ocasión para amosar violenta e publicamente a súa frustración. A mesma que está na razón de ser das revoltas doutros países coas que as televisións abren os seus informativos.

Novos fenómenos para vellos conflitos. Haberá que estar alerta. Catalunya
é un dos síntomas da crise do réxime do 78. Todos, e non só os cataláns,
teriamos que estar empeñados en simpatizar con ela. Empezando por facer
presión para desencallar a sentenza. Sen líderes políticos en liberdade, o
conflito non fará senón rearmarse e cronificarse na rúa. Diso só nos pode
librar a política, non os xuices e os policías.

Carta de axuste do número 270 da revista TEMPOS NOVOS (novembro 270)