Luns 5, Xuño 2023
HomeOpiniónSi que se pode

Si que se pode

por Antón Baamonde

Marasmo (substantivo masculino) 1. Fraqueza extrema dunha persoa, xeralmente consecuencia dunha enfermidade ou da vellez. Marasmo senil. 2. (Figurado). Falta de ánimo ou vontade, apatía profunda. Estes días de calmizo téñenme sumido nun profundo marasmo. Confróntese, desalento, desánimo. 3. (Figurado). Situación de estancamento, decadencia ou suspensión da actividade, en particular das institucións. Marasmo administrativo. O marasmo dos negocios é cada día máis acusado. 4. (Figurado) Gran desorde ou confusión. 
Perdeuse no marasmo da rúa. 
(Dicionário da RAG) 
 

Se o percibo ben, a palabra marasmo podería definir o estado da sensibilidade  ou o ánimo colectivo galego, no que se refire á posibilidade dun cambio político no país, coa posible excepción da primeira acepción que rexistra o dicionário da RAG. De onde provén? É unha discusión que se podería abordar e que tal vez tería moitas derivadas. 

Para o que nos interesa aquí, centrarémonos na vida política e especularemos coa idea de que os días de calmizo e sopor comezaron especialmente coa chegada á presidencia da Xunta de Alberto Núñez Feijóo.  

O tempo corre. BNG e PSdeG non poden perderse nos seus propios labirintos burocráticos. Teñen que acelerar, mostrar que poden gobernar, cambiar o país para ben. Despois, ofertar ideas e un programa de medidas concretas. 

Reproduzo agora unha cita dun artigo recente de Enric Juliana que se refire a Galicia. “En Galicia tamén se rexistra un apreciable fluxo de voto do PSOE cara á dereita. Ten sentido. En Galicia, a gran especialidade do Partido Popular é a desaceleración do tempo político. En Galicia combátese con silenciador e con algúns concellos actuando a modo de válvulas de escape. O fenómeno Abel Caballero en Vigo. O histriónico populismo do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. O PSOE, non o esquezamos, é a terceira forza política en Galicia, superado polo Bloque Nacionalista. Alí onde o Partido Socialista durme é onde hai máis transferencia de votos ao Partido Popular”. 

Toda a acción do PP en Galicia está destinada a mostrar que o seu control do goberno e as institucións autonómicas non son o produto dunha continxencia particular, ou un resultado  electoral reversible, senón a natureza mesma das cousas. Que, por así dicir, eles son a verdadeira emanación do espírito do país. Non só que o PPdeG, como se dicía do PSOE, sexa “o partido que máis se parece aos españois” na súa diversidade, senón que, nun nivel máis profundo, Galicia é o PPdeG. O último lema de campaña electoral “Galicia, Feijóo” traballaba sobre esa identificación. 

É unha tese que está instalada na sociedade galega. Non hai nada que facer porque o que non pode ser, non pode ser, e ademais é imposible. Agora ben, dende hai vinte anos, as vitorias do PP dependeron, case sempre, dun feixe de votos. Dito noutros termos, nos da socioloxía electoral. Para que exista alternancia na Xunta de Galicia ten que suceder que o electorado progresista e nacionalista se mobilice e/ou que o conservador se mostre apático ou desanimado. Ou que o voto ao PP descenda, que tamén pode ser, como de feito sucedeu nas décadas anteriores ao novo milenio. 

Esa é a clave. Está no interese do PPdeG promover a apatía ou o desánimo dos electores que non lle son favorables.  

O feito de que gobernara máis de trinta dos corenta anos de Autonomía dálle pábulo a ese ectoplasma instalado, coma unha nube de chumbo, na conciencia dos galegos. Pero onte era onte e hoxe é hoxe. Cambiou a sociedade. Moito. Hai novos tabús e novas manías. Novas demandas e novas sensibilidades. Nada é para sempre. Hai que saber ler a sociedade. O PP non é para sempre, tal vez tampouco para pasado maña, pero non vai caer como unha froita madura.  

Condicións para unha alternancia na Xunta 

 A segunda parte do problema que levanta Juliana radica en que o PSOE durme en Galicia. Máis radicalmente, na inexistencia do PSdeG. A “inexistencia do PSdeG” non quere ser unha tese polémica. É unha idea que calquera militante socialista repite como asunto obvio e evidente. Pode que a orixe do problema radique na longa fase en que o PSdeG estivo subordinado a Paco Vázquez. O famoso “municipalismo”. Ata onde sei, só no período en que Antón Louro foi secretario de organización, na época de  Touriño, houbo un verdadeiro interese por construír unha maquinaria galega. Antón Louro merece ese recoñecemento. 

Esa ausencia do PSdeG non só lle prexudica ao propio partido. Prexudica a posilidade da alternancia e, xa que logo, a todos os electores que entenden, entendemos, que outra Galicia é posible. Non sabemos o que pasará en Galicia nas próximas municipais e estatais. Sabemos o que pasou: lembremos que nas últimas municipais o PP perdeu poder a mans cheas, pero que nas xerais quedou á par do PSdeG. Pode que volva pasar o mesmo, ou pode que o PP recupere. Pero, neses dous ámbitos, o PP non é hexemónico per se. É un dato. 

Tamén sabemos que votantes do PSdeG nas municipais e, máis significativamente, nas xerais, votaron a Feijóo nas autonómicas. Por qué?. Responder a esa pregunta é decisivo porque nesa case paridade de forzas que marcaron os últimos vinte anos entre o PP e os seus opoñentes o acento está posto na capacidade de PSdeG e BNG de decantar ao seu favor electores do PP. A día de hoxe, segundo as  enquisas, o BNG de Ana Pontón sácalle dez puntos ao PSdeG, pero probablemente a maior parte desa ventaxa proveña de trasvases do interior do bloque progresista. Repito: se o PSdeG perde votantes tamén pola dereita, a alternancia na Xunta quedaría fóra do foco. Como pode o BNG entrar no electorado do PP? Que cuestións de fondo ou de estilo o permitirían? Esa é outra pregunta necesaria se se quere desempatar o partido e mudar as cousas en Galicia. 

As próximas eleccións á Xunta están previstas para o verán de 2024, pero moi ben podería Rueda convocalas antes, coincidindo coas xerais, se o considera conveniente para os seus intereses. O tempo corre. BNG e PSdeG non poden perderse nos seus propios labirintos burocráticos. Teñen que acelerar, mostrar que poden gobernar, cambiar o país para ben. Claro que poden mobilizar aos seus votantes, e gañar novos electores. Os seus deberes: primeiro, e sobre todo, dados os antecedentes, non tirarse os trastos á cabeza, máis aló das diferenzas de perfil. É máis, mostrar que a súa é unha entente cordiale. Iso animaría moito e mostraría un horizonte 

Despois, claro, ofertar ideas e accións posibles, un programa de medidas concretas. É moi importante demostrar que teñen xente cualificada para gobernar en beneficio de todos. Que Galicia pode ser outra cousa e que eles poden asumir o reto. En definitiva, insuflar optimismo, combater o marasmo.