Mércores 27, Outubro 2021
HomeOpiniónSENTE AQUÍ, SEÑOR!

SENTE AQUÍ, SEÑOR! [RELATO]

Ignoro que lugar é este onde me atopo
cos meus ósos e os silencios das palabras.
(Xela Arias, Denuncia do equilibrio).

 Un relato de Xosé Antón Jardón

Coa malura da pandemia, da zarapallada dos confinamentos e dos toques de queda, coa lea dos achegados e co regreso da danza da polca aos boletíns oficiais, cústame ben lembrar a última vez que o vin, ata o punto de que xa non lle dou posto cara, malia coincidirmos tantas veces á mesma hora, durante máis de dous anos, ao pé da barra do mesmo bar.

Antonte vin a Carlos e pregunteille por el. Díxome que leriaran algo hai cousa dun mes ao cruzarse nas escaleiras do edificio e que o atopara algo desmellorado. Ao parecer, Gumersindo –Gumer para nós, Sindo para os demais− estaba moi doído co novo xefe, un raparigo traxado con cabeza de bombilla que, amais de abafalo tódolos días animándoo a pedir a xubilación anticipada, optou por tratalo constantemente de vostede, como se fose un ancián. E Gumer, farto de advertirlle que a el de vostede non o tratan nin os fillos, non lle aguanta esa chulería disfrazada de boa educación. Fora mellor que lle espetara unha somanta de hostias antes ca tratalo así. Nin sequera lle mudou o ánimo cando se meteu na conversa, disposto a excitarlle as papilas gustativas, aquel arrecendo da tortilla de pataca con cebola que lle estaba cociñando Lola, trinta e pico chanzos máis arriba. Gumer debe atoparse moi amolado co trato −o de vostede− que lle dispensa o novo director do banco xa que, no canto de consideralo unha cortesía, estalle sentando como unha desas doenzas que fan avellar a calquera dez anos en menos dunha semana.

Ao velo tan desacougado, e sabendo como sabe que o tipo sempre viaxa en transporte público, tratou de alivialo como puido, mesmo sentenciándolle con absoluta contundencia: «Ata que, ao entrar no autobús, vexas unha señora que se ergue do seu asento para dicirche ‘sente aquí, señor’, non tes porque sentirte un vello». O consello do Carlos debeulle ser remedio de santo porque Gumer seica se botou a correr escaleiras arriba, ansioso de saborear a tortilla que o agardaba no último piso do edificio.

Uns días despois, Carlos telefonoulle para saber como lle ía e, de paso, preguntarlle se xa atopara a señora que lle ofrecera o asento. A resposta de Gumer non se fixo agardar: «Non, aínda non a atopei nin a vou atopar, porque dende que me xubilei nin subín nin teño pensado subir ao autobús».

[O meu tío Lisardo é dos que pensan que o mellor antídoto contra as maluras do ánimo nunca é o que che receita o entendido. Sempre é o que un mesmo é capaz de fabricar].

Novidades