Pasou o día, pasou a romaría. A dos falsos
crentes na cultura e na lingua do país. A daqueles que se moven, por puro
cálculo, entre a beatería e a apostasía. Folclóricos de florido pénsil, con
Rosalía pasada por auga, os primeiros. Conversos ás portas do poder, ensaiando
retóricas leccións de urbanidade política, co santoral de maio entre algodóns,
os segundos. Neste 17 do 2013, poñéndolle a Roberto Vidal Bolaño amortecedores.
Útiles en todo caso para acomodar o seu corpo, grande e indomable, nos altares
do ritual. Lonxe, moi lonxe, dos escenarios nos que el rompera, a
contracorrente, tódolos clixés. O da santiña de Padrón, envarada en conciencia
social, no seu Agasallo de sombras. O do saltimbanqui, enclasado e profesionalizado,
plantándolle cara ao poder no seu Caprice de dieux.
O galego, para unir. Non para botarllo á
cara a ninguén. Lingua pura, ao natural. Sen mácula. Neutra e neutral. Vamos,
unha auténtica reliquia conservada en formol. Para sacala de romaría e comungar
con ela nas liturxias anuais do santo das letras. Polo demais, unha licenza -a
da Academia- que volveu funcionar como vía de escape. Serviu para que Alonso
Montero desafogase peticións diante, dixo, do Excelentísimo Señor don Alberto
Núñez Feijóo, ao tempo en que os compañeiros e amigos de RVB, plantados con
pancartas ás portas do cerimonial e, trescentos metros máis alá, milleiros de
cidadáns a voz en grito na Quintana, o identificaban como un perigosísimo
deconstrutor cultural e lingüístico.
Cun decreto que rompe unilateralmente
consensos e, aínda peor, que tronza a cadea de transmisión xeracional que
naturaliza, irriga e socializa unha lingua viva, non é para menos. O ministro
Wert non atopará resistencia en Galicia cunha lei de Educación que, con
españolísima visceralidade ideolóxica, invade entre outras as competencias
lingüísticas do autogoberno. Xa llas entregara Feijóo de motu proprio meses
despois de que a súa xente -por caso, o actual vicepresidente da Xunta e a
ministra de Fomento- apoiaran en manifestación as consignas galegofóbicas de
Galicia Bilingüe. Ignorándoa fronte a canto ten nas tecnoloxías da comunicación
e nos procesos industrializadores da cultura un dos seus maiores desafíos
existenciais, sen outorgarlle na súa forzada confrontación co español a discriminación
positiva que lle demanda estes días a Rajoy para o financiamento, non fai
senón negarlle os cabos que a amarren ao territorio físico e sociocultural do
país, para non naufragar e todos nós con ela no caudaloso mar da globalización.
Porque ter unha lingua é unha forma de
estarmos en medio do mundo. E poñela en activo, como fixo RVB coa escrita dun
dramaturgo comprometido e coas montaxes escénicas nas que unha cultura de
sempre literaria conectou coas novas linguaxes da contemporaneidade, é asumila
como un instrumento de resistencia e contestación na marexada de fluxos que
actúan homoxeneizando canto tocan. De subversión, en definitiva. O teatro
provoca, sensibiliza e interioriza estados de catarse colectiva. Eis polo que se
volve incómodo cando ten en dramaturgos e dramaturxias comprometidas -o real
reinventado e recreado en atmosferas nas que nos identificamos- a súa fonte de
inspiración e comunicación. Representando, por iso, un desasosegante desafío
-social, cultural, político, institucional. Eis polo que Roberto Vidal Bolaño
sufriu en vida a censura do poder. De non repousar en Boisaca, e non tendo
nicho propio no santoral da Academia, volverían ser el e o seu teatro branco
predilecto para os cazadores de recompensas. Que os sigue habendo.
E para os censores. Incluídos aqueles que
censuran e perseguen valéndose do silencio administrativo. Sábeno ben cantos e
cantas romperan con RVB os cordóns sanitarios do tardofranquismo -no Ribadavia
cívico e cultural que forxou complicidades e socializou a marca teatro
galego-, e despois de transitar media vida por escenarios, pactos -o máis
decisivo, aquel do que aflorou no 84 o Centro Dramático Galego- e estudios de
gravación de cine e TV, facendo gala, e con eles toda unha troupe de
novos actores e actrices, dunha grande profesionalidade, se ven de novo
acordoados. Vexados e maltratados. E con eles, a cidadanía, que non ten a
oportunidade de saberse e de experimentarse público.
Pasada a romaría, cómpre liberar a Roberto
dos amortecedores para que reapareza tal como foi en vida, un rebelde con
causa, nos 364 días restantes do ano. Como cómpre liberar a lingua de creación
e comunicación, que con tanto amor e compromiso político fixo súa, do formol no
que a queren conservar/amortallar os deconstrutores/enterradores.