
Calquera análise electoral serio debe comezar polo contexto histórico e social, político e económico, da zona de traballo. Pois o contexto competitivo acaba profundamente determinado, cifras e porcentaxes aparte, pola metafísica existencial do quen somos e cara a onde queremos camiñar. O horizonte das nosas expectativas establece qué queremos e esperamos do tempo no que vivimos. Condicións coas que establecemos as nosas prioridades, valoramos a oferta política, e tomamos a decisión sobre cómo comportarnos cando chega a hora de votar.
Asturias e Andalucía, xeograficamente situadas en puntos opostos da península, e culturalmente moi distintas entre si, son nos demais aspectos moito máis similares do que a simple vista puidera parecer. Na súa estrutura socioeconómica, os sectores produtivos básicos seguen tendo un peso relativo importante, mentres na economía secundaria foron vítimas de fortes reconversións (a metalúrxica e mineira en Asturias, a naval e pesqueira en Andalucía), e na terciaria apostan polo turismo. Politicamente, a virulencia dos nacionais durante a Guerra Civil deixou en ambas as comunidades unha forte marca que, comparativamente con outras zonas da península, fortaleceu o asentamento dos valores e reforzou ás opcións da esquerda política. As elites sociais, en Asturias urbanizadas e vinculadas a potencias industriais, en Andalucía ruralizadas e vinculadas ao latifundismo agrario, exercen en ambos os territorios de polos conservadores aos que se contrapoñen con claridade os discursos políticos da esquerda máis asentados na cidadanía.
Consecuencia destes puntos en común, Asturias e Andalucía son dúas das comunidades onde as organizacións de esquerda acadan uns mellores resultados comparativos, e onde ademais durante máis tempo gobernou unha opción progresista. En Asturias o PSOE gobernou en cinco das sete lexislaturas democráticas durante vinte e seis anos, mentres que en Andalucía o PSOE gobernou ininterrompidamente nas oito lexislaturas e durante máis de trinta anos. Do mesmo xeito, IU acada nestas dúas comunidades algúns dos seus mellores resultados en España, con deputados tan coñecidos polos grupos sociais progresistas como Gaspar Llamazares (Asturias) ou Alberto Garzón(Andalucía).
Raíces sociais progresistas
Asturias e Andalucía eran, e son, dúas comunidades de raíces sociais progresistas, de tradicional apoio a forzas de esquerda, e que para calquera opción de dereita representa un reto. Trátase, vistas dende a perspectiva conservadora, de dúas pezas de caza maior. Os medios de comunicación, coas enquisas na man, desprezaron con demasiada facilidade as condicións estruturais, confiaron unicamente na forza da cociña e na habilidade do chef para facer a receita e, como se viu, lles saíu chamuscada. Agora veñen os lamentos e as explicacións sui generis sobre porqué erraron as enquisas. Pois erraron, fundamentalmente, porque miraron ás sociedades andaluza e asturiana sen as lentes adecuadas e, miopes, non foron quen de ver o que pasaba baixo os seus pés.
Outro erro habitual dos medios xorde do simplificar todo a porcentaxes e escanos, esquecendo que a porcentaxe dá unha representación relativa e o escano xorde dunha tradución a partir de regras electorais, ambas cifras pouco significativas para explicar os porqués (se ben son moi gráficas para amosar o qué pasou). Os porqués explícanse co número de votos, que son ao fin e ao cabo as cifras máis fiables sobre cómo evoluciona a confianza social nun partido ou espazo político ao longo do tempo. Os votos non se perden, como fai a Lei D’Hont cos restos; tampouco se relativizan, pois nos permiten mirar aos partidos individualmente.
Coa imaxe dos votos observamos que tanto o PSOE como o PP perderon apoios en Andalucía e en Asturias. En parte polo aumento significativo da abstención nas dúas comunidades (37,77% en Andalucía e 33,11% en Asturias), e en parte pola transferencia a outras opcións como IU, UPyD e Foro. En conxunto, por cada voto perdido polo PP respecto ás anteriores autonómicas, o PSOE perdeu 3,84 votos, cunha perda total de 674.639 votos menos para os socialistas, e 175.238 apoios menos para os populares; e un diferencial negativo para os socialistas de 499.401 votos perdidos máis cós populares.
Esta magnitude de perdas motivou, en Andalucía, que o PP (perdeu aquí 162.947 votos) superase por primeira vez ao PSOE (perdeu 654.831 votos) como forza máis votada. Con todo, se para explicar a perda da ansiada maioría absoluta polos populares a perda de votos dos dous partidos resulta significativa, tamén o é que parte dos votos do PSOE fosen para IU –con opcións de obter representación e que duplicou a súa presenza no Parlamento, e que parte dos votos do PP fosen para UPyD –finalmente fóra do parlamento andaluz. Así que unha pregunta parece obrigada: puideron as enquisas, que daban ao PP como gañador seguro aínda coa incerteza de UPyD, estimular esta transferencia e restarlle opcións finalmente aos populares? Os postelectorais nos darán estas respostas.
En Asturias, a variable do Foro e de Álvarez Cascos cambia a análise, se ben non demasiado. Os principais partidos perden todos apoio (PSOE, PP e Foro), mentres os partidos alternativos subiron en votos (IU e UPyD). A abstención e as transferencias volven estar detrás deste curioso resultado que, tralo voto emigrante, queda nun empate técnico entre a esquerda con 22 escanos (PSOE+IU) e a dereita con outro tanto (Foro+PP). A gobernabilidade de Asturias dependerá, pase o que pase, da inestable arbitraxe de UPyD. A gobernabilidade semella complexa sexa cal sexa a fórmula final.
Como se ve, as cifras de voto amosan un mapa moito máis rico en matices. O feito de que as forzas principais perdan voto a favor doutras tradicionalmente secundarias pon en valor a validez dos bloques ideolóxicos para orientar o voto, e reflicte ademais a crise de confianza social cos partidos principais dos bloques. Sen embargo, como cidadáns, debemos permanecer alerta sobre cómo se transforma este descontento. Os partidos secundarios son portadores dos votos e a confianza de milleiros de persoas que non son os seus votantes fieis. Da xestión desta confianza depende en boa medida o clima sociopolítico do noso presente inmediato.
O futuro nos axudará a escribir novos episodios de certezas.