
Non hai moito tempo vin o filme “Margin Call”, a crónica da vida de oito traballadores dun poderoso banco de investimentos durante as 24 horas previas ao inicio da crise financeira de 2008, baseada no acontecido con Lehman Brothers e a posterior crise económica mundial. Logo dunha xuntanza nocturna urxente toman a decisión de vender todos os activos tóxicos da empresa sabendo perfectamente as consecuencias que iso terá para o mercado financeiro mundial pero entenden que é a única maneira de salvar a entidade. Non se trata unicamente dunha decisión técnica, económica, financeira, é unha decisión ética e moral, decátanse de que van provocar unha crise de gravísimas consecuencias pero tamén son conscientes de que todo vai escachar nalgún momento e que se non son eles serán outros os que a provoquen así que deciden, simplemente, salvar o seu cu. Nesta decisión a posición do propietario da empresa é clara desde o primeiro momento pero a dos traballadores e a única traballadora, que ao final é a que leva as culpas de todo, claro, non o é tanto. Ao fin e ao cabo non é a súa empresa pero ao final móvenlles distintas motivacións: lealdades persoais, medo ou puro cinismo. A cuestión é que, como individuos, todos contribúen á crise financeira global que aínda sufrimos e que está tendo tan graves consecuencias económicas, políticas e sociais.
Estes días lembro moitas veces este filme porque non podo evitar pensar noutras situacións parecidas en distintos eidos nos que as persoas toman decisións que serven para que as empresas para as que traballan gañen cartos a costa mesmo da vida doutras persoas. Por exemplo, aquela persoa que traballa para unha industria farmacéutica que mata crianzas en zonas empobrecidas do mundo para probar vacinas que logo nos venderán á parte máis favorecida do planeta. Estas novas vacinas custan unha fortuna e, en moitas ocasións, nin sequera está realmente probada unha relación positiva custe-beneficio e os efectos negativos que ás veces teñen alimentan o movemento antivacinas que provoca o paradoxo de que nos países desenvolvidos, fundamentalmente en Estados Unidos onde este movemento é máis forte, estean a morrer crianzas por enfermidades xa erradicadas, como nos países empobrecidos onde morren polos experimentos das farmacéuticas, por falta de vacinas ou, simplemente, de fame. E todo isto polo beneficio económico das empresas.
A pregunta é obvia: que podo facer eu que son unha simple traballadora? Se eu me nego a facer o que me mandan non vai cambiar nada, o único que vai cambiar é que vou perder o meu posto de traballo. Pois seguramente si. Resúltame máis claro cando imaxino o dilema nunha situación moito máis achegada á miña vida cotiá pero que se desenvolve exactamente na mesma lóxica que a do filme do que falaba ao principio: as participacións preferentes. Póñome no pelexo xa non da pequena aforradora que quedou sen os cartos que tiña para vivir dignamente a súa xubilación, por exemplo, senón no pelexo da directora da sucursal de Caixanova, na época, que lle vendeu as participacións aos “clientes de toda a vida”, xa sabedes, os mesmos que os do novo banco. Os empregados e empregadas de Caixanova están denunciando que sufrían presións moi fortes para colocar as preferentes aos aforradores e aforradoras e que logo, cando a entidade lles anunciou que non ían poder pagar lles pediron que aguantaran o tipo ata que atoparan unha solución (que ben sabían que non existía, por suposto). Un director, que se mantén no anonimato, dixo que os deixaron “co cu ao aire”. Pois claro, non sei que esperaban, iso vai no cargo, forma parte das súas funcións e lles pagan para exercelas do mesmo xeito que as exerceron cando enganaron vilmente e a conciencia aos “clientes de toda a vida” como o demostra que chegaran mesmo a ofrecerlles cartillas ao mercar as preferentes, reforzando a idea de que se trataba dun depósito tan fiable como unha libreta de aforro. Para compensar e demostrar que os directores e directoras das sucursais pensaban que eran produtos fiables contan que lles venderon as preferentes ás súas propias familias. A verdade, non sei que é peor. Podían terse negado a vender estes produtos especulativos aos pequenos aforradores e aforradoras aos que agora deixaron sen os aforros de toda unha vida? Ata onde chega a súa responsabilidade individual? Cal é o límite soportable? En que casos podemos autoengañarnos de maneira suficientemente convincente para manter o noso posto de traballo? Porque neste caso non estamos falando de formar parte da engranaxe dun sistema inxusto, aí estamos case todo o mundo, senón de executar directa e persoalmente accións que prexudican gravemente a persoas, neste caso ademais, moi achegadas. Se volvo ao pelexo da pequena aforradora estafada, sinceiramente, creo que antes de ir reunirme con Feijóo xa teríado buscado ao director da sucursal coa que levo traballando desde que teño ingresos propios e con quen xa asinei dúas hipotecas, e lle tería partido a cara. Así de claro. Logo xa me preocuparía da entidade, do goberno e todas as persoas responsables pero EL enganoume, estafoume, abusando da miña confianza. A sociedade é un sistema colectivo formado por individualidades onde as persoas dirixentes teñen maiores responsabilidades e a obriga de responder dos seus actos pero cada quen de nós debe responder polo menos perante si propia do seu comportamento cotián, no seu traballo, coa súa familia, coas súas amistades. Todo o mundo podemos facer algo para cambiar o sistema, empezando por aplicarnos o que lles pedimos aos demais. Ninguén é perfecto, xa o dicía Jack Lemmon, e cometemos erros pero temos un abano máis amplo do que pensamos para tomar as nosas propias decisións e contribuír á construción dun mundo máis xusto.