
O venres pasado acordeime moito, pero moito moito, do proceso de “rescate” e “nacionalización” de Novagalicia. Teño que recoñecer que son incapaz de dicir cantos cartos se lle levan “prestado” (falando deste tema non podo evitar poñelo todo entre comiñas, digamos que utilizo estes termos porque non me queda outra que aceptar barco como animal acuático) porque cada vez que leo novas informacións as cifras van mudando como por arte de maxia e son sempre tan confusas que para alguén de letras coma min é ben difícil botar contas. Digamos, así redondeando, que 10.000 millóns de euros. Chegada a ese punto, paréceme tan inabarcable a cantidade que tanto me ten mil, dez mil que cen mil porque non son quen de imaxinar a cantidade de cousas útiles e produtivas que poderíamos facer con esas cantidades inxentes de cartos que o goberno decidiu que hai que darlles por especuladores, por dicir algo non moi insultante que logo por escrito e na rede para sempre queda feo.
Durante estes últimos meses tiven que debatir en varias ocasións con cargos do PP e ben se lles vía que lles custaba defender o tema. Un concelleiro chegoume a dicir, a asegurar, a aseverar nun debate televisivo que o principal para o goberno de Rajoy era o emprego e os servizos sociais e que nunca, nunca, utilizarían cartos públicos para dárllelos aos bancos. Isto unha semana antes da “nacionalización” de varios bancos, entre eles Novagalicia. Ao final agarrábanse ao argumento de que é preciso rescatar a banca porque se non hai quen nos dea crédito non podemos saír da crise, é imposible. Por iso dicía ao principio que me acordei moito deste rescate imprescindible para que nos dean crédito. O venres pasado fun asinar un préstamo que lle pedín a Novagalicia banco para poñer calefacción no piso. Pensando nos xuros que lles toca pagar aos bancos polos cartos que nos custan recortes en sanidade, educación, servizos sociais… pensei que a cousa non me sairía moi cara, que menos que ter as súas mesmas condicións, ao fin e ao cabo eu pido cartos para unha necesidade máis ou menos básica, non porque me dedicara a enriquecerme cunha burbulla ata que me estoupou nos morros. Pero non, cóbranme un 11,90% e porque non é moita cantidade que se pasase dos 6.000 euros os xuros xa serían como os das tarxetas de crédito, de máis do 20%. E a min, unha clienta de sempre do novo banco, dinme que teño que asinar ante notario, ao que tamén hai que pagarlle, claro, e nos fan dous seguros de vida e nos cobran os gastos de xestión, súmalle máis de 300 euros. E para iso nos piden perdón e se comprometen. Así comprométese calquera.
Como cambiou o conto, Carapuchiña. Tempos aqueles nos que todas as semanas recibías algunha oferta de préstamo sen ningún tipo de condición para o que che dera a gana e as hipotecas eran polo 100% ou máis do prezo da vivenda, con prazos de ata 40 anos e con diferenciais que nalgúns casos só chegaban ao 0,25% sobre o euríbor. Por certo, o euríbor agora apenas chega ao 1%, claramente xa non é a referencia de nada. Menos mal que eu nunca lles fixen moito caso pero lembro cando no novo banco aos clientes de sempre nos dicían que xa que pedíamos a hipoteca podíamos pedir algo máis para amoblar o piso e o perito encargaríase de facer unha valoración por riba do custe real para que nos dera para todo. Logo cun crédito amañabas as vacacións e coa tarxeta te encargabas do resto. En tempos de bonanza animábannos a endebedarnos e agora que veñen malos tempos e precisamos crédito non nos dan nin auga, xusto o contrario do que indica toda lóxica. Daquela mercábanse pisos para vivir neles e tamén para especular, as necesidades básicas e o negocio especulativo mesturábanse, e agora hai que montar unha inmobiliaria ad hoc para que Novagalicia poida vender as 12000 vivendas que tivo que comerse con patatillas. Ai, que saudades da burbulla inmobiliaria!
Cando había recursos non se utilizaron para investilos de maneira sostible, non se gastaron en crear alternativas á AP-9 e agora que soben os prezos non hai nin estradas nin trens aos que recurrir. Eu viaxo habitualmente de Vigo a Coruña con toda a familia e sendo catro persoas, dous adultos e dúas crianzas, comprando billetes de ida e volta e con desconto por familia numerosa (temos o título porque o noso fillo ten recoñecida unha discapacidade, polo menos no papel) sáenos a viaxe en 84 euros, ou sexa máis caro que en coche mesmo pagando o imposto revolucionario a Audasa. Espero que aprendamos desta. Os cartos seguen a existir pero están cada vez peor distribuídos e sen os recursos básicos para asegurar as cousas de comer para todo o mundo. Unha sociedade xusta e igualitaria non consiste en que todo o mundo teñamos tarxeta de crédito, iso non é civilización só é plástico.