Nos despachos do establishment prenderon todas as alarmas. O 20D non lle deu o golpe de graza ao bipartidismo, e con el á vella política, pero deixouno aterecido. Tanto, que xa tocan a rebato desde a gran banca española, desde as empresas multinacionais e desde os medios de comunicación que as teñen chantadas, desde a Comisión europea e a Troica, e desde os principais gobernos comunitarios, o alemán en primeiro lugar, para que se argalle a gran coalición. Sinal inequívoco de que asumen a crise do sistema de alternancia bipartidista, e con ela a do sistema político da segunda Restauración borbónica.
No empate estratéxico que se produciu entre esquerda e dereita en España, con variables reestruturadores de gran calado partidario e territorial, os analistas máis heterodoxos ven o inicio dun tempo político que pon patas arriba o tan condicionado crebacabezas da Transición. Nin a bicefalia PP/Ciudadanos vai poder seguir impoñendo o pasaporte neoliberal que lle outorgaran eses poderes fácticos, nin o PSOE ten visos de seguir revalidando en solitario a función vertebradora da esquerda social e política. O que agora chaman cambio non ten a connotación do que esa mesma palabra significou cando Felipe González aproveitou a metástase destrutiva que padecía a UCD para acceder ao poder, sen que renxesen de máis as bisagras da andamiaxe pactada que sostiña o réxime. Este cambio de agora introduce factores que desestabilizan o pactado (entre as forzas de oposición e o sector reformista que aleitara o franquismo), e no que esa fronte de poderes ven unha ameaza contra o sistema no que eles teñen instaladas e amuralladas as súas tendas.
O argumento da estabilidade e do goberno forte é mendaz e tramposo. Non importa que o secunden tertulianos sobrecolledores, analistas e columnistas cooptados polos medios instalados (por orde superior) no monocultivo informativo do politicamente correcto. Sendo a inmensa maioría dos medios e os partidos da vella política correas de transmisión do establishment imperante –abonda para demostralo o acordo express do dúo Rajoy/Rubalcaba para converter o 135 da Constitución no cordón sanitario que reclamaban a Troica e os mercados financeiros–, o que resulta raro é que no medio dese vocerío coral siga Pedro Sánchez resistíndose aferrado ao mastro do barco que capitanean e pilotan Felipe González, o abandeirado dese acordo á alemá, e a andaluza Susana Díaz, a Feijóo do sur. Esa segue a ser a estabilidade pola que suspira esa fronte de poderes. Todo o demais –ocupación partidaria das institucións, corrupción sistémica, deconstrución do Estado de Benestar, paro, desigualdade en ascenso, pobreza enerxética, desafiuzamentos…– nada tería que ver entón coa verdadeira estabilidade, a que asenta no benestar social e na fortaleza da democracia. Precisamente a que un goberno todopoderoso e forte non foi quen de garantir durante os últimos catro anos.
O máis curioso de todo é que esa gran coalición, que algúns formulan á desesperada colocando na dereita PP-Ciudadanos o poder de formar goberno con Soraya de Santamaría á fronte, sempre contando coa contribución (pasiva) dos socialistas –velaí a proposta da que é portavoz Juan Luis Cebrián a través de El País–, non comportaría outra cousa que inocular a grave crise do sistema político no corpo do PSOE. E con ela, o virus da súa máis ca probable autodestrución. Con ese acto de lealdade ao sistema político da segunda Restauración borbónica que lles reclaman desde os púlpitos patrios e europeos do neoliberalismo, os socialistas verían compensada a súa contribución con determinadas concesións no proceso que leve a unha reforma constitucional, iso si, pactada e controlada polos urdidores e propagandistas da operación. Que asumise xa de antemán propostas da dereita pura e dura, como é a defensa dunha visión única de España que marxina o recoñecemento da súa plurinacionalidade, é todo un síntoma. O berro do “rompen España” non é só electoralmente estratéxico. Téñeno interiorizado os seus líderes nos discursos, que beben nos bebedoiros do nacionalismo español.
No medio do barullo político e mediático que amasa de ruídos o ambiente, resulta difícil valorar a estas alturas cal será finalmente o punto de chegada. Guiándonos polos pasos dados e non pola teatralización publicitaria á que se entregaron todos, descubrimos só dous indicadores que se contradín entre si. Darlle á dereita española a maioría na Mesa do Congreso a cambio de coroar ao nada exitoso exlehendakari Patxi López coa presidencia, favorece a tese dos que ven a saída na gran coalición a tres, conxurándose á vez nunha interpretación partidista do regulamento para non permitir que as alianzas más representativas da plurinacionalidade do Estado teñan grupo propio. Porén, facilitarlles a ERC e PNV que formen grupo propio no Senado mediante a cesión de senadores socialistas –un deles, o lucense Varela–, reaviva a decisión persoal de Pedro Sánchez de resistir as presións para ir acomodando posibles alianzas no proceso de conformación dun goberno progresista e reformista. Sen descartar unha volta ás urnas, na que PSOE e Ciudadanos perderían votos cos que engordarían Podemos e PP.
Cos resultados do 20D na man, todo o que sexa enrocarse nas estratexias e nos rituais da vella política, ignorando a removida que experimentou o sistema de partidos e enmascarando os factores sociolóxicos, culturais e de rexeneración democrática que a incentivaron, é suicida. Visualizouse na estrea da lexislatura: unha boa parte da Cámara ocúpana deputadas e deputados acusados tan só dous anos antes de perroflautas e de antisistema cando, despois de bregarse nas prazas do 15M, abrazaron o berro asembleario do non nos representan e rodearon con el o Congreso no que sentaban ducias de profesionais da política que agora quedaron fóra.
Como é suicida ignorar tamén a removida territorial. Que ten como nunca tivera un vector de transversalidade política que é preciso aproveitar para que a engrenaxe institucional e política representativa do Estado se pareza cada vez máis á España real, que é diversa por plurinacional, plurilingüística e pluricultural. Velaí o papel crucial de Podemos se deciden seguir actuando na súa condición de forza pivote desa España plurinacional. Mesmo ten un valor de grande utilidade nesta hora de Catalunya, onde o novo gobern de Carles Puigdemont retoma o procés coa necesidade de sumar adeptos ao independentismo (co 48% non tería virtualidade unha declaración unilateral de independencia), pero sen poder atallar nese novo tempo un máis que probable reordenamento das preferencias soberanistas –coa coalición que gañou as xerais nese país, En Comú Podem, como indutora–: moitos independentistas de última hora poderían abrazar a vía do referendo pactado e legal, no que acredita unha suma do 80% da cidadanía catalá.
Nese humus de transversalidade facilitado por Podemos encontraron fol os movementos de esquerda e nacionalistas que teimaron en formalizar alianzas electorais en Cataluña coa citada En Comú Podem, no País Valenciano con És el moment e en Galicia con En Marea. O sorpaso que lle deron ao PSOE nesas nacionalidades –e na de Euskadi por parte de Podemos– revela ben ás claras as consecuencias de terse apartado nos discursos e na praxe política daquel desiderátum de acabar sendo recoñecido como o partido que máis se parece á realidade sociolóxica de España. No caso galego, e con vistas ás eleccións autonómicas deste ano, os votos do 20D converteron En Marea na forza que está en condicións de vertebrar unha alternativa ao goberno de Feijóo/PP, con maior seguridade se nesa candidatura técnica participa tamén o derrubado BNG. Que será exitosa na medida en que os seus circuítos de integración e refrixeración democrática se manteñan activados, e ela mesma se entenda non pechada senón en construción.