Luns 23, Maio 2022
HomeOpinión FEIJÓO E A RECONCILIACIÓN COA FAMILIA (POLÍTICA)

[RELATO] FEIJÓO E A RECONCILIACIÓN COA FAMILIA (POLÍTICA)

«Lo importante no es el precio / Si no el valor de las cosas / Pobrecito mi patrón / Piensa que el pobre soy yo» (Facundo Cabral, Pobrecito mi patrón)

Un relato de Xosé Antón Jardón

Xa hai quen pensa que Pablo Casado tiña outro nivel. Os moi coherentes tertulianos madrileños, eses ilustrados e incondicionais do «onde dixen digo, digo Diego», comezan a recuar discretamente, mostrando un cariz emboutado en melifluas doses de pomada nostálxica. Aínda que sexa devagar, van caendo da burra e van constatando –sen recoñecelo, claro!– que o novo ocupante daquel edificio da capitalina rúa de Génova, cuxa reforma foi pagada con diñeiro gañado daquela maneira, por moito que exhiba unha folla de servizos incólume, non é o trigo limpo que nos queren mostrar. Pouco a pouco, os tarabelos que nos fan confundir os dixomedíxomes coa doutrina oficial, van abrindo os ollos e descubrindo, malgré lui, as matas de magarza que afuman e atoldan o gran dourado que queren vender dende Madrid.

Algúns xa comezan a dicir coa boca pequena que Casado era outra cousa. Din, os que hai cousa dun mes afirmaban o contrario, que Casado era o garda civil capaz de darlle o alto ao moinante que se pretendía identificar como parente, para espetarlle sen inmutarse: «Cuando estoy de servicio, no conozco ni a mi padre». Ese, e non estoutro, si que tiña carácter; sabía distinguir a magarza do trigo e un pillo dun delincuente.

Estoutro, o que nos deixou para darlle pábulo aos que pensan que ser xefe do PP é máis importante ca presidir o País onde naceu, seica é un político da dereita moderada, ou de centro, moi experimentado e bo xestor, malia as evidencias que acreditan o contrario e malia a obvia inaptitude para distinguir un pillabán dun ladrón. Iso si, o que parece palpábel é a súa acérrima defensa da familia, tanto da de sangue como da política. Quen ten irmá e ten curmá, é normal que comprenda que a señora Ayuso saiba o que é ter un irmán e que Almeida entenda o que é ter un primo, aínda que pretenda convencernos que o quixeron tomar por primo. E quen se casa con Vox non pode negar que a extrema dereita pertenza á súa familia. O novo, lata a voda mais envíalle a Abascal o mellor regalo: compartir e repartir a herdanza de Fraga (e de Franco, claro). Por se alguén tiña dúbidas, os irmáns políticos, os cuñados, tamén forman parte da familia. Iso, de momento, é o único que nos demostrou na nova andaina o que nos deixou porque «quiero volver a vivir a Madrid»: a carteira mirando cara aos consanguíneos e a ideoloxía comparida cos afíns.

[O meu tío Lisardo nunca se cansa de repetir, «dime con quen andas e direiche quen es». Mais, hai que ser comprensíbeis, porque o que nos deixou acaba de chegar a Madrid e é normal que non saiba con quen se xunta ou que se perda nos cruces des camiños]


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]