Mércores 30, Novembro 2022
HomeOpiniónRastros ultra

Rastros ultra

por Luís Álvarez Pousa

Cando aínda estabamos rumiando a escalada ultra dos Demócratas de Suecia, que son chave para a formación dun novo goberno nese país escandinavo, Europa amenceu cos herdeiros do parafascista Movemento Social Italiano, os Fratelli d’Italia, ás portas do poder. Máis alá do acontecemento en si, que non admite dúbidas a respecto do que algúns expertos interpretan como o epitafio da traxectoria republicana que nacera do antifascismo nese país mediterráneo, o que mantén sobrecollida á opinión pública é o suma e segue na imparable e agresiva incursión deste tipo de organizacións nas institucións democráticas do continente. Non só nas dos Estados onde cadansúa escala posicións partíndose a cara a prol das alambradas nacionais. Tamén nas do mesmísimo corazón da UE, co obxectivo manifesto de cortocircuitar o seu bombeo sanguíneo. Dos 27 Estados membros, quince teñen desde o 2009 eurodeputados ultras no Parlamento. A pregunta é pertinente: ao paso que levan acabarán sendo suficientes para bloquear as decisións da eurocámara, e conseguintemente, o funcionamento da Unión?

Sen negarlle musculatura ao factor crise económica, o que unha interpretación máis ambiciosa acaba descubrindo é que un fenómeno que se veu conformando desde hai cando menos trinta anos non se pode explicar suficentemente acudindo só a causas coxunturais. É fundamentalmente un fenómeno de características estruturais.

É importante, pois, saber o por que destas sacudidas que de forma cada vez máis crecente colonizan con afán destrutivo as democracias contemporáneas. E as europeas, en particular. O sucedido ultimamente en Italia e Suecia, e antes noutros Estados de tradición democrática, non é máis que un síntoma. Como o é Giorgia Meloni, a  inevitable primeira ministra que se apresta a gobernar en non moi boa compañía, cos da Forza Italia de Berlusconi e os da Liga de Salvini. Porque esa anomalía vén xa de moi atrás. Non ten na crise económica, no azoute da pandemia e nos fenómenos xeopolíticos que están poñendo a proba a estabilidade do mundo e a nosa capacidade de resistencia o que a explica en toda a súa dimensión. Hai no inmediato pasado moitos corrementos de terras -no ideolóxico, no político, no económico e no cultural- que tamén é preciso ter en conta se queremos unha radiografía e non unha simple foto do fenómeno.

No libro As extremas dereitas en Europa: nacionalismo, populismo e xenofobia, o francés Jean-Yves Camus, un dos máis prestixiosos expertos no tema, defende esa tese, aducindo que subxace neses partidos ultras unha contestación máis profunda das coordenadas do sistema político dominante, incluída a súa ala liberal ou conservadora. Tras as leccións aprendidas dunha devastadora II Guerra Mundial impulsada polos reximes fascistas, acordouse que a democracia liberal era a última alternativa posible. Funcionu mentres durou. Pero ese consenso está actualmente moi cuestionado. Pola mesma razón que nos obriga a aceptar que vivimos nunha Europa moi diferente á dos anos 30 e á do periodo 1945-1989: moitos dos marcos de entón saltaron polos aires. A globalización neoliberal e a migración desde as excolonias ás metrópoles continentais deron nunha outra Europa, en cuxa área política se instala o discurso antimigratorio e xenófobo que agora nos atenaza.

A crise económica do 2008, acuciada pola pandemia e polos procesos inflacionistas que actualmente deterioran o Estado de benestar e corroen o corpo social dos países da Unión, aproveitárona as organizacións da extrema dereita para gañar impulso, nutríndose do descontento xeralizado do pobo cos partidos do establishment. Sen negarlle musculatura a ese factor económico, o que unha interpretación máis ambiciosa acaba descubrindo é que un fenómeno que se veu conformando desde hai cando menos trinta anos non se pode explicar suficentemente acudindo só a causas coxunturais (a crise económica). É fundamentalmente un fenómeno de características estruturais.

Os estudosos falan dunha crise de representación dos partidos tradicionais e das institucións sobre as que tiveron sempre un forte control, ao se ter constatado a súa incapacidade para responder con eficacia aos cambios e transformacións que se operan na medida en que os actores da globalización neoliberal toman o control do mundo. Caen pola contra nas súas redes, producíndose a quebra da hexemonía dos grandes bloques ideolóxicos, e faise entón habitual a inestabilidade, quedando aberto o espazo á irrupción de novas forzas. Pola dereita, cos ultras tomando posicións a costa de conservadores e liberais, e pola esquerda -por caso, Podemos, en España-.

Visibilízase niso e de maneira máis lacerante a crise da socialdemocracia, ao perder a súa hexemonía no espazo de centro esquerda en países nucleares europeos, como en Suecia, Francia e Italia. Velaí como tanto o bloque de dereitas conformado nas eleccións presidenciais francesas arredor da ultra Marine Le Pen (o 41’5% dos votos na segunda ronda), como o que encabezou en Italia a ultra Giorgia Meloni (o 44%) foron quen de configurarse como oposición a gobernos de perfil ideolóxico desdebuxado, tecnocrático, forte soberbia intelectual e escaso acento social.

Por outra parte, e ao aire de todo o anterior, tal e como detallaba o filósofo galego Jorge Álvarez Yágüez nun esclarecedor artigo en TN, coa perda desa hexemonía por parte da socialdemocracia “exténdese a anomia e o descrédito respecto das narrativas vixentes, e as condutas parecen conformarse á idea de que seguir as normas é un idealismo estéril, e a moral preséntase como algo irrisorio, deixando un campo de cultivo para as condutas máis brutais’. As das organizacións de extrema dereita, que teñen en común o que as define como tales: autoritarismo, populismo, nacionalismo e xenofobia. Como teñen en común a batalla coa que tentan restaurar os valores conservadores que unha revolución cultural de gran calado se levara por diante. Para iso destinan esforzos e recursos (coas redes sociais como principal medio de propaganda) na confrontación coas correntes de dimensión cultural -feminismo, pacifismo, ecoloxismo, antirracismo, LGTBI…- que teñen á súa vez unha maior repercusión política, focalizando todos os males non movementos de emancipación.

Beneficiándose ademais do proceso de normalización por parte de formacións conservadoras e de centro, que os acollen nos seus grupos parlamentarios e gobernos, e mesmo os mimetizan, sen reparo algún. E sen que os medios de comunicación eludan -como se está vendo que fan coa rebelión contra a nomenclatura de VOX de Macarena Olona- entrarlles ao trapo das súas ben engraxadas e contínuas operacións de márketing político.

Velaí os rastros a seguir.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]