Luns 25, Setembro 2023
HomeOpiniónQuiere una bolsita?

Quiere una bolsita?

«Ti adoras ó teu amo, / non fas máis meu canciño, / canciño, can amante».
(Antón Tovar, do poema “Oración ó meu can Líster”, O vento no teu colo)

por Xosé Antón Jardón

O día seguinte ao das eleccións, o luns de contrición, sen penitencia para os causantes do mal, ansioso de recuperar a anormal normalidade, sentinme esfameado e fun á procura do remedio; entrei na tenda, agarreime á barra do carriño e andei polos corredores, sen rumbo. E, si, os empregados que ía dun lado cara ao outro, como moitos galegos electos, tamén falaba en español, iso si, abusando das terminacións en “iño” para darlle un toque diferencial. Ao chegar á caixa, no canto de usar monosílabos, como é habitual por eses lares, abrín conversa e, adrede, estendina máis da conta tratando de que a caixeira se pasase ao meu bando lingüístico. Mais, non. Despois do sorriso, espetoume a frase de marras: Quiere una bolsita? Fixen o tolo e a teimuda rapaza preguntoume novamente. Ao decatarse da miña actitude de pailán despistado, rematou de pasar os artigos polo chintófano de sumar os prezos e dirixiuse novamente a min: Sesenta y siete con treinta y dos. Sesenta e sete con trinta e dous?, pregunteille. E, no canto de responderme ‘si’, mantivo a súa actitude, sen inmutarse.

Quiere una bolsita? Velaí a cuestión. Non teño maneira de botar contas, mais se me fixesen xurar diante dun xuíz –ou da estampa dun santo– diría que esta pregunta, aparentemente tan sinxela e inocua, conforma o núcleo irrefutábel da mensaxe incrustada nunha especie de interrogatorio inofensivo que, ao estarmos a piques de abandonar o supermercado, nos espeta esta xente ben mandada, millóns de veces a miles de galegos, antes de apoquinar, para inocularnos con vaselina a lingua do imperio. Os amos non se conforman con meternos o correspondente sablazo, para adubar esa perversidade denominada inflación, onde as bolsas de plástico tamén computan, senón que aproveitan unha recua de incautos para homologarnos co resto do Estado, a base de chafarnos a nosa lingua, de día e con absoluta naturalidade.

Mais, nas condutas delituosas nunca faltan os cómplices necesarios. Na véspera dese luns de resaca, cando a escuridade da noite de tronadas incesantes ía parindo un amencer tinguindo de gris escuro, co ánimo de converterse en estampas dos almanaques dos vindeiros catro anos, asomaban o fuciño, na  pantalla da Teuvegá, significativos personaxes aos que, unha boa parte dos votantes galegos, decidiron darlle catro ases a cada un para axudarlle a gañar a partida das alcaldías de varias cidades do noso país. Malia a aparente discrepancia militante, os ínclitos paladíns da malura deixaban constancia pública de, alomenos, dúas coincidencias substanciais. O alcalde de Vigo, o de Ourense, a alcaldesa da Coruña e o novo alcalde de Ferrol presumían explícita ou implicitamente de carecer de ideoloxía, desbordantes de gozo orgástico, ao expresarse no idioma cervantino diante do respectábel público, para deixar constancia da súa deturpada incoherencia e ausencia do sentido de pertenza.

E, claro, despois da nosa renuncia cotián, lamentámonos de que a xente elixa a estes jacominos desideoloxizados para dirixir os destinos dalgunhas das nosas cidades.

 [Ao contarlle estas maluras que nos toca padecer ao meu tío Lisardo, encomendoume falar co Pepe de Redondela para que bote man disto, a ver se atopa algún remedio, antes de que sexa demasiado tarde, antes de que nos invada unha metástase incurábel]