Luns 6, Febreiro 2023
HomeOpiniónQue tropa, que tempos..., que ventos!

Que tropa, que tempos…, que ventos!

«Sin embargo, no reconocía nada ni a nadie, y menos las calles en que me paraba a leer los nombres en todas las esquinas. Otro viento, más bien largo y ruidoso. ¿Por qué tenía tantos?» (Mario Vargas Llosa, Los vientos)

Un relato de Xosé Antón Jardón

No conto Los vientos –unha mistura de ensaio, ficción e acto de contrición– o premio Nobel de Literatura de 2010, Mario Vargas Llosa, esmérase ao tope tratando de explicarnos as convulsas mudanzas destes tempos tan liviáns, de encefalograma plano e talmente desaclimatados. O autor ilústranos sobre a chegada dunha nova era que, malia avanzar e mellorar inmensamente en moitos aspectos, noutros catapúltanos aos comezos do cuaternario. No relato fálanos tamén dun Madrid distópico, apampado, que vexeta coa obsesión de autoproclamarse o epicentro mundial da chulería, a ignorante e a estulticia persistente. No entanto, aproveita a ocasión para narrarnos o último capítulo da súa biografía íntima, adubada polos arrepentimentos, o desazo, a indiscreta frouxidade física, a desmemoria biolóxica, a tristura, a cruel soidade e.., tamén por ese clímax de sabedoría, propio das persoas posuidoras dun DNI coa lenda «validez permanente», que lles concede o don de ler os algarismos dos almanaques ao revés: saben que día foi onte, dubidan que día é hoxe e nunca se lembran que día é mañá.

Mais os que teñen a tixola polo mango, malia a consanguinidade ideolóxica que tanto os une ao autor, carecen adrede da ansia necesaria por ilustrarnos sobre as achegas de Vargas Llosa á cultura e arrepíanse ante as lóxicas reflexións enxertadas no conto Los vientos, que deberían –deberiamos– compartir. Os da tixola só nos permiten saber que un escritor peruano estragou o seu idilio amoroso cunha señora cuxa estampa ocupa a miúdo as páxinas das revistas do corazón. Eles son felices cando ocupamos as conversas nas disensións dun futbolista e unha cantante afamados –mais non esfameados– aínda que a trangallada musical dela teña unha letra cargada de feminismo. Aplícanse, traballan arreo e pagan para que leriemos desas parvadas, para que os carrapatos que nos zugan o sangue:  a inflación…, as inmensurábeis ganancias da banca ou das eléctricas non nos quenten a boca e non nos inflen as pelotas ou os ovarios. Queren que fagamos, sen sufrirmos trastornos psicolóxicos, aquilo que nas nosa educación sería propio de xente malcriada: que admiremos ao fillo do rei de Inglaterra por publicar un libro, que nin sequera é da súa autoría, onde pon a caer dun burro a súa propia familia. Amánsannos o pensamento para que aplaudamos a decisión, atribuída á irmá do rei de España, de enviar a Abu Dabi a un señor maior de idade, un tal Felipe Juan Froilán de Todos los Santos de Marichalar y Borbón, para que aprenda as habelencias do seu insigne avó, no canto de andar de tunante polos seráns, por se un día tiveramos necesidades ‘reais’ de proclamalo xefe de Estado. Estes son os tempos e estas son tropas e as flatulencias que nos fan tan felices e anxelicais.

[Ah!, o meu tío Lisardo conta que o que queren os da tixola, en fin, é que bailemos todos ao ritmo que eles nos marcan (trumpadas, balsonaradas ou abascaladas castelán-leonesas) para que, cando chegue a hora da gran verbena, asumamos como un servizo a España atopar a Feijóo e ao de Vox mergullados no goberno, acubillados coas sabas que todos fomos tecendo sen apenas decatarnos].


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]