Sábado 13, Agosto 2022
HomeOpiniónQUE É UN REI PARA TI?

QUE É UN REI PARA TI?

por Xurxo Borrazás

Non sei se aínda existe ese concurso para escolares que se coroaba cunha recepción en Zarzuela para humanizar a monarquía e amenizar o remate dos telexornais. Entendo que os promotores non o tiñan claro e convocaron o que faría calquera axencia de márketing, un concurso de ideas. Se houbese unha categoría para adultos, eu debuxaría o rei emérito con chapeu de mariachi entoando a premonitoria ranchera, coa imaxe do herdeiro sentado no trono a escoitar coa barba de punta. Retitularíaa O blues de Abu Dabi:

“Sei moi ben que estou fóra, pero o día que eu morra, vasme ter que chorar, chorar e chorar… Dirás que non me quixeches, pero vas estar moi triste e así en diante has quedar… Tanto con cartos coma sen eles, fago sempre o que me peta… Non teño trono nin raíña, nin ninguén que me comprenda, pero sigo a ser o rei…” Sobre o seu regreso como Rei Mago de Oriente volven os versos: “Unha pedra no camiño ensinoume que o meu destino era rolar e rolar, rolar e rolar… Tamén me dixo un arrieiro que non hai que chegar primeiro pero hai que saber chegar”.

Esa sentenza, con todo respecto, non lles quedou fina. O breve, se bo, dúas veces bo. Se é inviolábel, que raio importan a prescrición ou as regularizacións? É inviolábel e punto, non se precisa máis. Buscarlle tres pes ao gato denota complexo de culpa por parte dos afinadores fiscais, excusatio non petita.

O 7 de xaneiro publicábase unha entrevista co mariachi na que, coa campechanía que seica o caracteriza, se confesaba enfastiado por ter que permanecer fuxido coma un Puigdemont calquera: “Volverei cando a dona Dolores se lle ocorra pechar o caso”, sendo a tal Dolores non a da copla, senón a Fiscal Xeral do Estado, malia que tras a decisión de cancelar a investigación, vén podería o mariachi referirse á outra: “Se vas por Calatayud, pregunta pola Dolores, e en ofrenda do meu amor, no meu nome ponlle flores”.

Nesa decisión dada a coñecer coincidindo cos bombardeos na Ucraína (como a retirada da asignación da Casa Real coincidira co decreto do estado de alarma en 2020), a fiscalía encargada de “afinar” a cuestión recoñecía todos os delictos imputados ao tempo que exoneraba o mariachi por tres vías distintas: por ser inviolábel, por teren prescrito os delictos e polas regularizacións fiscais que -vía chivatazo- o PSOE lle recomendou facer para despois axudar a redimilo. Esa sentenza, con todo respecto, non lles quedou fina. O breve, se bo, dúas veces bo. Se é inviolábel, que raio importan a prescrición ou as regularizacións? É inviolábel e punto, non se precisa máis. Buscarlle tres pes ao gato denota complexo de culpa por parte dos afinadores fiscais, excusatio non petita.

Volvendo á rancheira, un columnista satírico afinaría a letra escribindo que “o meu destino era roubar e roubar, roubar e roubar…” expoñéndose el mesmo á acción da xustiza, e con razón, dado que a Fiscalía acaba de ditaminar que non hai caso. Eu, como narrador que fun, limitareime a fantasear.

Imaxinade que un mariachi calquera do que se di que traficou con armas vai á oficina central dun banco, encanona os empregados, toma como reféns os clientes e pide que lle metan en bolsas do Mercadona todo o que hai na caixa forte en billetes grandes, a cara descuberta. Xa pasa do mediodía e excedeuse o horario de servizo en xanela, pero o mariachi explica que ten unha idade e esixe ser atendido. Concluído o atraco, o mariachi bota man do móbil, encarga unha ración de percebes coma puños e senta a comelos cun cartaz de zero comisións ao pescozo para evitar as xeringadas do molusco, limpando as mans con contratos de preferentes e seguros asociados. Chega a policía e pídenlle que se identifique. Cumprido o trámite, o mariachi indícalles que fagan vir unha limusina de Uber e lle leven as bolsas á casa porque lle faltan por visitar outros bancos. “Pedín billetes de 100 para arriba, así non tedes que partir o lombo cargando con papeluxada. Levádellos da miña parte á vedette loira, a dos tigres, non a Princesa, a esa nada. Ou a meu curmán Alvarito, despois xa axustamos nós”. Inverosímil? Quizais para a xente do común, os violabeis, non para un superheroe con capa de armiño e inmunidade absoluta certificada polo Tribunal Supremo.

Inviolábel quere dicir que non o violan a el, non o contrario. Imaxinade que o mesmo mariachi

atraca o banco, encanona os empregados, embolsa os billetes, come os percebes, putea os policías… e enriba viola e sodomiza a todos os reféns. Na súa defensa expón que a Fiscalía do Tribunal Supremo non estableceu ningún tipo de límite á inviolabilidade e, unha cláusula que non figura nun contrato, non existe. Ademais, por coherencia lingüística, toda persoa que non sexa inviolábel será por lóxica violábel.

E se executa todos os reféns? O Tribunal Supremo non estableceu límites.

E se á saída do banco hai unha escola infantil e o mariachi descuartiza todas as crianzas e as cociña na tixola con allo e pirixel? O Tribunal Supremo non estableceu límites.

Carta branca entón? Depende. O macho cabrío nun grupo de cabras montesas non experimenta conflitos internos ata que outro macho o desafía. No Estado español hai arestora dous mariachis inviolabeis en combate e o conflicto está servido. Imaxinade que, aparentando a reconciliación co fillo, o mariachi pai se aproveita da proximidade física nunha pascua militar para, en plan sicario do cártel de Sinaloa, espetarlle un estoque taurino entre as vértebras atlas e axis. Entón que, Fiscalía, que inviolabilidade prevalece? Hai límites ou non?

A inviolabilidade dos mariachis non é nada novo, xa a constataba a rancheira na liña que non citamos: “a miña palabra é a lei”. Por certo, acabo de consultalo e o concurso escolar segue a existir, acaba de pechar o prazo para a 41ª edición. Mágoa, senón facíame pasar por un sobriño-neto e enviáballes unha postal co texto: O rei é o puto amo e a Fiscalía o seu profeta.


 

 

 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]