Luns 2, Outubro 2023
HomeOpiniónIsaac Díaz Pardo, empresario galego

Isaac Díaz Pardo, empresario galego

 

Artigo de Arturo Losada Ballestero

Esta semana quedou unha praza vacante nas filas dos bos e xenerosos. Finou Isaac Díaz Pardo unha das poucas persoas ás que se lles podían aplicar estes dous epíctetos sen necesidade de conter o riso. Un home que dicía de si mesmo que nunca fixera “máis que templar gaitas e limpar merda”, cunha modestia falsa e auténtica ao mesmo tempo.

De don Isaac podemos deducir que era bo, porque na súa longa vida, o peor que chegaron a dicir del os seus numerosos biógrafos e comentaristas era que tiña un xenio de mil demos. E a súa xenerosidade resulta un feito obxectivo, tanto en tempo como en cartos. Nunca deixou de aforrar horas para dedicarllas a quen reclamara a súa axuda, nin de investir o que era quen de gañar co Grupo Sargadelos en materias pouco valoradas por Lehman Brothers. Niso que lle chaman z, xa saben.

Posiblemente, a Díaz Pardo non lle tería costado moito esforzo chegar a ser un gran pintor. A obra que deixou na súa mocidade dá bo testemuño diso. Porén decatouse de que a Galicia daquel tempo non ía mal dotada de artistas de talento, pero escaseaban os empresarios con interese polo traballo deses mesmos artistas.

Con esta idea en mente, puxo en marcha Cerámicas do Castro, en Sada, da que remataría por nacer o Grupo Sargadelos. Xa saben, esa empresa que abría, en todo o mundo, galerías que non eran só para facer caixa, senón que daban acubillo a conferencias e presentacións de toda caste. Tamén publicaba en Ediciós do Castro libros sobre Galicia e a súa memoria, ou mantiña aberto o Museo Carlos Maside só polo placer de divulgar saberes. Mesmo, a través do Instituto Galego da Información (IGI) protagonizou un dos primeiros intentos de publicar un xornal progresista e galeguista no país. Intento pioneiro, si, pero coa mesma sorte que todos os demais ata agora.

Naquela empresa, ademais, os traballadores vivían tranquilos, sen medo a manobras financeiras circenses, cousa non menos valiosa que as anteriores. “Antes, cando había apuros, o vello procuraba dar un par de conferencias aquí e acolá, sacaba uns cartos e tapaba o burato”, contaba un dos empregados do IGI, facendo memoria. O “vello” era Isaac Díaz Pardo, claro, no seu estilo de facer negocios, polo que o daba todo. Tanto que había anos que non tiña casa propia. Durmía sempre no seu lugar de traballo.

De ter sido un empresario máis ao uso, como algúns do téxtil, por exemplo, Díaz Pardo podería ter feito de Sargadelos un emporio internacional de subcontratas, radiante de prestixio, que levaría a galeguidade por todo o mundo… pero procurando sempre que non o relacionasen con Galicia.

Porén, houbo a quen lle pareceu que os que invisten en si mesmos viven mellor que os que invisten en cultura. Froito de tal reflexión, naceu unha manobra tan legal como pouco honesta para afastar a Díaz Pardo da directiva de Sargadelos e facer un pouco máis convencional esta empresa tan rara. Pouco a pouco foron arrinconando ao “vello”, primeiro até que non lle quedou máis cargo que o de director do IGI, e logo xa nin iso. En paralelo, a empresa foi saltando de axuste en axuste e de ERE en ERE, esquecidos xa os seus trazos distintivos. Ediciós do Castro leva xa máis dun lustro sen publicar un libro.

Nos últimos anos da súa vida, Díaz Pardo arrastrou o sabor da derrota. Nin os centos de homenaxes e adhesións que recibiu serviron para evitalo. Non baixou a cabeza, non o calaron, non o fixeron renegar, pero notábaselle a ferida no ánimo. Ao final, non foi quen de gañar a partida, pero gracias, don Isaac, por telo intentado. Máis coma vostede precisaríamos.