por Damián Villalaín
Añoramos agora o mundo pre-virus. Aquel tempo cambiante e tumultuoso, que os máis dramáticos chegaban a avaliar como insoportable, aparécesenos hoxe case como un mundo feliz. Pásanos como cando algunha parte do noso corpo se ve invadida por unha dor intensa. De pronto sabemos que non necesitamos outra cousa que o regreso ao estado anterior para sentírmonos moi perto da felicidade. Esa sabedoría, porén, desaparece inmediatamente cando a enfermidade nos abandona e a normalidade volve gobernar as nosas vidas. Non tardamos nin medio minuto en esquecer que vimos do inferno —a dor é o inferno— e volvemos vivir as nosas vidas desde a carencia, a insatisfacción e o desexo de algo distinto, novo e mellor.
Pero nestes momentos de peche obrigado, silencio e rúas valeiras, a nostalxia polo pasado tan inesperadamente modificado alterna no noso ánimo coa esperanza do futuro que sen dúbida chegará, algún día. Nos espíritos máis optimistas o porvir adopta forma de recuperación económica en V e de vacinas e antivirais a disposición de toda a poboación. O pack do optimista inclúe así mesmo arelas dunha nova conciencia planetaria, contención da globalización, prevalencia do público e o común, mareas humanas unidas por unha renacida emoción solidaria e fraternal, a caída de Trump e Bolsonaro, e as prazas das cidades cheas de xentes que se reencontran e se apertan, se ben protexidas por luvas e máscaras que xa serán parte inevitable, polo menos durante algún tempo, do novo outfit postpandémico.
Algúns optimistas van aínda un pouco máis alá e albiscan a impugnación mundial do capitalismo e a súa substitución por un modelo económico máis sustentable, se ben aínda pouco definido. Britney Spears, cantante e influencer con 25 millóns de seguidores en instagram, xa pensa directamente no comunismo.
HISTORIA
Un escenario coma ese é tan lexitimamente enunciable como calquera outro. Por que non? Total, tanto ten… Unha crise como a actual demostra unha vez máis que a historia non está escrita, que non hai leis que a gobernen, e que na súa marcha cara ningures os designios da razón humana teñen só un pouquiño máis de peso e solidez do que en tempos máis remotos tiñan os atribuídos á divina providencia. O caso é que unha señora comeu un morcego —ou un pangolín que comera un morcego— nunha enorme cidade chinesa cuxa existencia era ata hai uns meses descoñecida pola inmensa maioría da humanidade e, tras a inxestión, o mundo púxose do revés. Todas as previsións a curto e medio prazo das grandes entidades políticas e económicas mundiais, todos os modelos e análises subministrados por think tanks, universidades, servizos de estudos e foros de expertos quedaron en papel mollado, anulados por unha tradición gastronómica secular que, de súpeto, se mostrou inconveniente e perigosa.
Vai haber que refacer a casa, que seguirá asentándose sobre uns terreos máis lamacentos e inestables do que pensabamos. Haberá quen opte por tiralo todo e inaugurar outra vez o mundo, e haberá quen prefira conservar o conservable e cambiar só o que xa non serve. Pero o principal problema virá da man da escaseza de recursos, dificultade á cal se sumará o estado avariado das cabezas de moitos albaneis e arquitectos. Non compro o pack do optimista, así mo vendan Zizek ou Britney Spears. Aínda que nunca se sabe…