
En tempos de extrema dificultade, e despois de tantos chamamentos ao sacrificio, a solución á profunda crise non se ve por ningures. As grandes palabras conquistaron os titulares, mentres os conseguintes grandes feitos tardan en chegar… se algún día o fan. Ata o día de hoxe escoitamos promesas sobre a refundación do capitalismo, sobre as profundas reformas estruturais pendentes e inminentes, ou sobre a renovación do valor do compromiso colectivo. Un inmenso proxecto político de fondo, de amargo sabor, pero de indiscutibles efectos beneficiosos para conservar os dereitos e o benestar conquistado as pasadas décadas. Seica.
Dende o comezo da crise económica xa van alá case catro anos e, de todo aquilo, nada de nada. Entre a cidadanía, o sacrificado desánimo deixa paso a unha indignación desesperada. Os desahucios continúan a paso firme. A morosidade cos bancos acada o 8.16%, a cifra máis alta dende hai 17 anos, e moi próxima ao récord histórico do 8.45% de 1993. A emigración creceu en España máis dun 22%, segundo os datos do CERA, dende 2008. Unha amnistía fiscal de 25.000 millóns de euros a defraudadores ou a concesión anual á Igrexa Católica de máis de 10.000 millóns, contrastan con recortes ou repagos por un valor estimado de 19.000 millóns. E así poderíamos seguir.
A primeira consecuencia sociopolítica deste contexto é o crecemento, en número e intensidade, do “todos son iguais”. Hai uns meses unha parte importante da poboación pensaba que o PP estaba mellor capacitado e resultaba máis fiable para a xestión económica, pero aquel segmento de confianza vai sendo cada día máis pequeno e menos paciente. Os votos dos partidos tradicionais marchan á abstención e cada vez máis a outras forzas políticas, situadas na periferia dos seus bloques ideolóxicos. A polarización e o descontento medra, mentres diminúe a sensación de que as decisións que se toman serven, realmente, para amañar algo do que lle afecta á xente.
Entre todas as grandes decisións pendentes destaca a da revolución ética. Os casos de corrupción salpican a todas as institucións, o insuficiente anteproxecto sobre transparencia mantén a vergoñenta opacidade do silencio administrativo, a relación da clase política coa cidadanía segue a ser anecdótica ou inexistente, continúan sen regular uns salarios políticos en exceso altos e pouco controlados, atópanse paralizados procesos de reforma como o dos concellos e as deputacións… A política queima irresponsablemente cartuchos de confianza cidadán. Cando se esgoten, e o qué pasará despois, parece non importar.
Unha política mellor, ética e responsable, garante mellores decisións e, in fine, un mellor goberno de todos e para todos. Sen embargo, cando a política se nega a revisarse a si mesma, a asumir un compromiso ético claro e indiscutible, se nega tamén a unha mellora da vida das persoas ás que afecta –e que somos todos os gobernados sen excepción. Así se lle abre a porta a solucións apolíticas ou antipolíticas, aumentando o descontento e a conflitividade. A política ten que asumir unha débeda coa cidadanía e coa democracia pois, máxime en tempos de crise, e cando tanto sacrificio se lle esixe aos demais, ten chegado o momento de tamén facer outro tanto consigo mesma.
Velaquí o momento para unha política ética: transparente, informada, controlada, rendedora de contas. A cidadanía democrática esíxeo e, por suposto, ben o temos merecido.