
Este primeiro de maio encádrase neste período chamado de crise sistémica global do capitalismo, unha chea de termos absolutamente absolutos que nos falan da grande debacle económica que vivimos, evidente por fin logo de ser negada durante moito tempo polos grandes homes de negocios e polos organismos internacionais. Porén, penso que o que ninguén pode negar a estas alturas é que a economía, a capitalista, claro, porque, que eu saiba, non hai outra, domina absolutamente todo. Os actores da economía especulativa e dos mercados financeiros son os que toman as decisións que pasan de elo en elo da cadea e acaban co desafiuzamento dunha familia con dúas nenas pequenas que quedan na rúa, sen casa e cunha débeda co banco (precisamente un deses actores). Os gobernos, democraticamente elixidos, non como os presidentes dos bancos, preocúpanse máis polas consecuencias de tomar decisións que supoñan a redución das escandalosas ganancias das grandes empresas que dirixen os nosos destinos que do que lles aconteza a esas dúas nenas. A ver, é normal, elas non van levantar o teléfono para pedirlle contas a Rajoy e ameazalo con non convidalo á súa festa de aniversario se non soluciona o da hipoteca dos seus pais. É o que ten que haxa xente gobernando que pode durmir tranquila sabendo ou imaxinando ou intuíndo as consecuencias das súas decisións para moita xente, para moitas persoas, para moitas nenas pero non para a nena de Rajoy, esa ten o futuro asegurado. Ben, en política, como en calquera outra cousa, hai de todo pero estes gañaron democraticamente, é o que hai.
Os sindicatos chaman a saír ás rúas para reivindicar os dereitos laborais, as prestacións sociais e para protestar polas terribles cifras de desemprego. Os datos da última enquisa da Enquisa de Poboación Activa do primeiro trimestre de 2012 reflectiron o terceiro peor dato desde que hai rexistro, un 24,4% de persoas desempregadas, a unha décima do primeiro trimestre de 1994 (24,55%) que fora o valor máis alto desde 1976. A ninguén lle parece que un retroceso semellante debería servir para decatarse de que algo se está facendo mal?
Hai moitas persoas que se incorporan ás cifras do desemprego pero non hai que esquecer que entre esas persoas que agora suman unha cifra tan elevada hai moitas que sempre estiveron aí, antes do goberno do PP e da reforma laboral e que seguirán estando aí se non levantamos a vista dos titulares dos xornais. Moitas persoas na nosa sociedade non se vén afectadas polo recorte dos dereitos simplemente porque nunca os tiveron, porque as diferenzas e as desigualdades fan que mesmo nas sociedades máis desenvolvidas haxa persoas ás que non se lles permite ocupar un espazo e non teñen poder para conseguilo por si mesmas, xa que logo sería preciso que alguén llelo cedese, algo nada complicado se se fai de maneira colectiva. Pero de maneira individual iso supón a perda de privilexios para moitas persoas e non apetece, é normal. En realidade isto é unha perda para a sociedade que saería moi enriquecida de contar con todos os seus membros, mesmo aqueles que non van ser nunca presidentes dun banco ou nin tan sequera traballar na fábrica.
O 1 de maio de 2012 xa non saímos pedindo só un posto na cadea de montaxe e a negociación dun convenio colectivo xusto, nin moito menos, a división actual do traballo, moi lonxe da tradicional e única recoñecida ata hai pouco, fai que teñamos que ir máis alá, abandoar de vez a visión economicista do traballo, e reclamar o recoñecemento e os dereitos de todas aquelas persoas sobre cuxo lombo se mantén o sistema actual. Iso faise non esquecendo que existen e falando delas pero non con paternalismo ou compaixón senón para darlles a voz que non teñen.