Domingo 4, Xuño 2023
HomeOpiniónPALÉS DE PAPEL HIXIÉNICO

PALÉS DE PAPEL HIXIÉNICO

por Elena Cores

O medo é inimigo da razón. Pode facer que, ante un lume, algúns salten ao baleiro en vez de baixar polas escaleiras, ou que, ante un virus que ataca ao aparato respiratorio, arramplen con todo o papel hixiénico dispoñible, coma se o seu principal temor fora unha ida de ventre explosiva, continua e imparable. Pois ben, nestas eleccións, as galegas elixiron papel hixiénico, palés enteiros, toneladas del.

Como se esperaba, ante o medo, a maioría da xente escolle o xa coñecido, inda que sexa nefasto: inda que sexa o responsable das mortes por hepatite C, de tentar pechar o paridoiro de Verín, do deterioro da sanidade galega en definitiva, e de premiar o desapiadado modelo de residencias tipo DomusVi.

A gripe española non fixo moito mal na Galicia na primeira onda, senón no outono, cando arrasou; cousas de estar na esquiniña. É presumible que volva a suceder o mesmo co SARS-CoV-2, do mesmo xeito que podemos agardar que o golpe ao turismo e á economía sexa severo. Que tal nos irá, que podemos agardar da nosa barricada de papel toilette, erguida a golpe de insolidariedade? Protexeranos? Mais ben, non: o Partido Popular vai tomar o resultado destas eleccións mediadas polo medo como unha aprobación popular á súa folla de ruta para a privatización da sanidade galega.

Na liña doutros ilustres neocons da nosa época, coma Jhonson, Bolsonaro ou Trump, a escolla de Feijóo é a de salvar a economía antes que as vidas. Xa o demostrou coas súas reticencias ao estado de alarma, cando desculpou a actitude das persoas doutras comunidades que se saltaban o confinamento para vir a Galicia, ou cando tanta presa tivo por sacar a Galicia do estado de alarma, considerando que o risco dos contaxios e as mortes quedaba compensado polos réditos electorais que podía obter.

Esta filosofía catastrófica seguirá levando ás galegas nos próximos anos “juntos de la mano, hacia la extinción”. Poñer por diante os intereses económicos duns poucos seguirá despoboando a nosa terra, a xente moza buscará oportunidades na emigración, e a que quede non terá posibilidades de ter descendencia. E aínda por riba será unha realidade oculta, da que veremos moi pouco grazas ao control férreo de Feijóo sobre os medios de comunicación: unha RTVG totalmente manipulada e unha prensa escrita comprada a golpe do talonario da publicidade institucional.

Agárdannos tempos duros ás traballadoras galegas. Claro que xa estamos afeitas, tamén hai que dicilo, porque sempre foi así para nós. E as que decidimos dar un paso adiante, moitas a raíz do saqueo impulsado dende o capitalismo financeiro que deu en chamarse a Gran Recesión, que nos levou a rebelarnos ocupando as prazas e logo a fundar as novas agrupacións cidadás, non imos rendernos. Vimos que era imprescindible aceptar a responsabilidade da acción política, inda que se sumara ás xornadas interminables de traballo e de coidados a menores e maiores. Porque só intervindo as traballadoras na toma de decisións políticas podemos garantir os nosos dereitos e os das persoas menos favorecidas.

Non nos arredramos cando nos ridiculizaron por sair a protestar na rúa, tampouco cando nos criminalizaron usando os medios de comunicación do capital ou cando tentaron emporcarnos coas cloacas do Estado. Tampouco imos facelo agora que sabemos que unidas somos quen de tirar gobernos corruptos, xulgar eméritos e obrigar a partidos do réxime a redistribuir riquezas.


Elena Cores é concelleira de Gañemos Vilanova e militante de GALICIA EN COMÚN