Mércores 30, Novembro 2022
HomeOpiniónPAISAXES DO VERÁN

PAISAXES DO VERÁN

por Rexina Vega ilustración Andrea López

Comezamos o verán atenazados polo medo, que se ameaza de guerra nuclear, que se a recesión global, que se o racionamento de combustible, que se un outono de pesadelo. Esas eran as conversas que flotaban en todas as reunións, diante da caña e dos viños. Porén, a medida que fomos avanzando na desconexión estival, os medios afrouxaron, deixaron de inocularnos esa dose diaria de medo en vea coa que nestes últimos anos convivimos. E así nas conversas foi, paseniño, desaparecendo a angustia pola negrura inminente. O sol do verán, a lasitude e a alegría. Porque si, neste verán parece que conseguimos dar saído un algo do maleficio que nos tiña atrapadas a todas. As praias ateigadas, a enxurrada de concertos incribles, as verbenas populares despregando as súas ás multicolores. Fixémonos adictas aos solpores, nunca iguais, nun país que, agora si que si, parece destinado a ser un gran destino turístico de proximidade.

O meu abraio é ver como as rapazas corean entusiasmadas, rapazas que veñen xa co feminismo de serie, rapazas aleccionadas para ver a violencia, para ocupar o espazo público, para probar coa liberdade do seu corpo e do seu xénero. Aí as están, repetindo unhas letras que as escravizan e condenan a ser obxecto do máis canalla, do doce gamberro, do galo encristado.

Tivemos o país ocupado, cheo de estranxeiros que nos ollan sen vernos, coa superioridade de quen paga e que se vai adonando dos lugares e aínda así, malia os síntomas dunha turistificación masiva, estivemos alegres, mesturámonos no bulicio e procuramos esquecer as imaxes da vida conxelada da pasada pandemia. Que lonxe parecen desde este verán de 2022 os anos nefastos nos que vivimos no tobo, que rápido prescindimos da profilaxe, da membrana que nos demediaba! De feito, ante a rara presenza dunha máscara tendemos a pensar agora só en dúas posibilidades: a existencia da infección ou a permanencia patolóxica dunha neurose. Estamos feitos para sobrevivir, abofé, para arrepoñernos cantando e todo iso foi xa hai tanto, foi hai tan pouco! Temos os esquemas temporais confundidos, alterados, en adiante, cando queiramos facer un relato teremos unha marca fundamental: antes ou despois da pandemia. Pero este verán, este verán sentímonos vivos.

Contradicións

Achégome a un dos concertos das festas de Vigo, no recinto de Castrelos, este ano cunha inusitada presenza de estrelas mediáticas. Tocan Woyza e Hijos de la ruina. Eu vou por Woyza, pero a maioría da rapazada que me acompaña vai pola banda de Vallecas. Levo anos ouvindo eses cantos cheos de testoterona, o do varón acomplexado que vai de atormentado e profundo, mentres lle canta aos seus bros amor eterno e tatúa unha mater dolorosa no antebrazo, xa sabes, fóra da nai, todas putas. Escoito as letras, que xa sei que non me gustan, que me feren como muller, porque o uso de zorra e puta está ben lonxe de ser unha resemantización, senón máis ben un afondamento total no estereotipo. O meu abraio é ver como as rapazas corean entusiasmadas, rapazas que veñen xa co feminismo de serie, rapazas aleccionadas para ver a violencia, para ocupar o espazo público, para probar coa liberdade do

seu corpo e do seu xénero. Aí as están, repetindo unhas letras que as escravizan e condenan a ser obxecto do máis canalla, do doce gamberro, do galo encristado.

Sorpréndome, porque creo que iso xa no toca, que xa non é tempo de cifrar o desexo nese, xusto nese, modelo de macho. E si, polo que vexo, continúa ese maldito esquema actuando, os varonciños novos mallando nas rapazas que achantan. Non sei, paréceme contraditorio. Este é o mesmo público que uns días atrás se desvivía polas Tanxugueiras. Estamos avanzando ou retrocedemos? Ou acaso vivimos nun presente poliédrico onde se conxugan simultaneamente todas as posibilidades?

O relato dos vencedores

Na metade do verán convídanme a un acto sobre novela e memoria, xa se sabe que a memoria é a memoria dunha guerra que non foi civil. O público é numeroso, de todas as idades, algo exótico, afeita como estou a andar en cerimonias culturais nas que a idade avanzada é a norma e tamén o sinal de esmorecemento. Falamos tanto da necesidade dun novo relato como dunha nova interpretación dos textos que supere as reaccións que en realidade supoñen pactar, tamén desde a esquerda, co relato dos vencedores. Porque cantas veces máis haberá que soportar a acusación de maniqueísmo? Cantas xustificacións máis haberá que dar sobre a nobreza dos vencidos? Tanto como dunha lista completa e pública dos vitimarios, precisamos dunha versión oficial que deixe clara dunha vez por todas a superioridade moral dos defensores do goberno lexítimo. Xentes con dous dedos de fronte foron os masacrados, xentes que foron máis valentes e máis dignas que o común. E non, non é maniqueísmo, é simplemente o que os datos e os testemuños orais confirman.

Ao remate do acto, na quenda do coloquio, dous asistentes dispararon sobre nós. Guiados polo argumentario de VOX, procederon a descualificarnos pola nosa falta de obxectividade. Tivemos que volver a escoitar que o problema, a raíz dos males estaba na República e nós, alí na mesa, reprimimos o noxo e optamos polo silencio. De novo esa serpe que traba e que ten a orixe no modelo da nosa Transición. Necesitamos unha dereita democrática, unha dereita que non beba do fascismo, seguimos necesitándoa oitenta anos despois da enorme monstruosidade que sucedeu no 36. Se cadra, estes actos provocadores serán cada vez máis frecuentes, menos illados, e a memoria das mulleres e homes xustos esmagada por terceira vez. Non hai dereito!


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]