Isabel Lema
O pasado 12 de decembro faleceu un personaxe imprescindible da historia recente de Galicia. Trátase de Ánxel Vila, patrón do “Xurelo”, un valente mariñeiro galego que encabezou a loita contra os vertidos de residuos nucleares que se viñan facendo na Fosa Atlántica, fronte ás costas galegas.
Posiblemente os lectores máis novos de “Tempos” non coñezan en profundidade o que aconteceu hai xa 30 anos, pero moitos outros lembrarán aquela travesía coa emoción das grandes épicas, pois significou a unión dun pobo en defensa do mar, do océano Atlántico, unha fonte de vida e de riqueza para Galicia pero que algúns quixeron converter nun cemiterio nuclear onde agochar os residuos molestos da relucente Europa, tal e como viña denunciando Greenpeace, unha das organizacións ecoloxistas impulsoras daquela odisea.
O comezo desta historia remóntase a setembro de 1981, cando un pequeno barco palangreiro ribeirense, o “Xurelo”, patroneado por Ánxel Vila, puxo rumbo á Fosa Atlántica onde grandes cargueiros arroxaban os perigosos residuos das centrais nucleares de Alemaña, Bélxica ou Holanda, con total aleivosía e impunidade. Naquela inédita travesía, a extraordinaria tripulación do Xurelo estaba conformada por un estraño e heteroxéneo grupo de catorce persoas: o patrón do barco e tres membros da embarcación, xunto con ecoloxistas e políticos da esquerda nacionalista e varios xornalistas e fotógrafos.
Despois de tres longos días de navegación polas perigosas e bateadas augas do atlántico, sen máis recursos que un compás, as cartas náuticas e un pequeno radar, Vila soubo manexar o seu pequeno barco 250 millas mar a dentro, atopándose con dous cargueiros holandeses que arroxaban con guindastres os grandes bidóns de residuos nucleares ao mar, contando coa inestimable protección dunha fragata militar de Holanda, que case afunde ao palangreiro galego, poñendo en risco a vida dos seus tripulantes. Ante eles, sen arremedarse, os nosos homes fixeron un peculiar acto de protesta: botaron ao mar unha coroa de flores, cantaron o himno galego e emitiron por radio unha fermosa mensaxe de loita e esperanza co fin de acadar o apoio dos barcos máis próximos. Convertéronse en heroes.
As indiscutibles evidencias do que estaba a acontecer na Fosa Atlántica deron a volta ao mundo e esta fazaña foi todo un símbolo da loita ecoloxista galega e europea. O Xurelo voltaría o ano seguinte ao mesmo punto, de novo con serios riscos para a integridade da tripulación, e as mobilizacións continuaron en toda Europa. Unha “campaña” absolutamente exitosa que conseguiu que en tan só ano e medio se detivesen -a través dunha moratoria- os vertidos de residuos tóxicos nucleares e se prohibisen definitivamente grazas ao Convenio de Londres de 1993.
Hoxe Ánxel Vila xa non está con nós. Tampouco o está o “Xurelo”, que afundiu no porto de Ribeira nas mesmas datas en que o “Prestige” rompía tan preto de Fisterra, por mor dunha terrible treboada. Máis as que si fican na Fosa Atlántica son as case 140.000 toneladas de residuos radioactivos, sen coñecerse os efectos e as condicións reais nas que se atopan. Son, iso si, un perpetuo recordatorio de que a enerxía nuclear nin é segura nin é limpa.
Hai trinta anos catorce persoas case descoñecidas pero valentes subíronse a un barco para defender o mar “no nome da vida e das xeracións vindeiras”. Sirvan estas verbas coma merecida homenaxe a todos eles e tamén a toda a xente que segue a loitar con tesón e sen desesperanza por un futuro mellor e máis seguro para a humanidade. Nestas datas, as súas firmes conviccións e o seu traballo resultan absolutamente imprescindibles e vitais para a esperanza e o porvir do noso planeta.