Diante da obscena submisión dos países ás ditaduras das finanzas que poñen contra as cordas as contas públicas e os propios gobernos haivoces que cifran a estratexia para remontar a crise nunha audaz política de creación de diñeiro
e aumento da débeda pública. Tal é a recorrente receita de algúns economistas progresistas, entre os que destaca o ben coñecido entre nós Paul Krugman. Sen dúbida, a súa opinión compre lela sempre como a dun economista americano, cunha confianza cega no poder do dólar e da FED, como emisores da divisa clave da economía mundial. Máis alá diso o seu discurso vai ao encontro das receitas máis agresivamente neoliberais. Con todo eu creo que ten unha excesiva confianza na mera aplicación de políticas macroeconómicas activas –tanto monetarias como fiscais- como solución á crise. Do meu ponto de vista non acaba de comprender -ou non quere asumir- que estamos diante do esgotamento dun modelo e que, en consecuencia, compren transformacións moito máis profundas nas regras de xogo, tanto a nivel interno de cada economía como a nivel global.
[quote style=”boxed” float=”left”] A grande burbulla tiña escala global e o seu pulmón nos Estados Unidos[/quote]É difícil facerse cargo da envergadura da crise actual sen decatarse do alcance do enorme burato, realmente de dimensións siderais, deixado pola burbulla financeira que se viñera inflando de xeito temerario nas últimas décadas. A expansión continuada desa burbulla realizouse coa posta en circulación dun tipo de produtos financeiros cada vez máis complexos e opacos que permitían crear unha sorte de diñeiro ficticio que na realidade eran compromisos de pago futuros, é dicir, débedas. O sistema financeiro crecentemente desregulado, co visto e prace das autoridades monetarias e dos gobernos, puxo en marcha todo o enxeño inimaxinábel –enxeñería financeira- para definir activos financeiros e activos financeiros derivados –titulización- que ían engordando a cada paso o volume dos negocios financeiros globais e xeraban unha fabulosa liquidez nos mercados.
A grande burbulla tiña escala global e o seu pulmón nos Estados Unidos. Esa burbulla estaba inflada sobre todo polo poderoso sistema financeiro americano: a grande banca de investimento (Goldman Sachs, Lehman Brothers, Morgan Stanley, Chase Manhattan, Merrill Linch…), a grande banca comercial (Citi, JP Morgan, etc), as grandes aseguradoras (AIG…), os fondos de investimento, fondos especulativos -hedge funds-, fondos de pensións e, pilotando todo o sistema, a Reserva Federal. Pero tamén o resto das finanzas globais formaban parte inevitábel da mesma burbulla.
Co obxecto de facérmonos unha idea máis ou menos aproximada da envergadura real dos buratos que están estrangulando a nosa economía e desfondando o orzamento público, empezaremos polo burato global da grande burbulla financeira e logo veremos algúns dos buratos da economía española, en particular daqueles sobre os que se tendeu un mesto pano de silencio, quedando fóra do debate político e mediatico.
A burbulla financeira e o rescate das finanzas
O grande burato global: a burbulla financeira e o rescate das finanzas. A escalada da financiarización da economía concrétase nunha importancia cada vez máis rechamante das transaccións financeiras realizanse entre os axentes financeiros (interbancarias) e tan són un 3% das mesmas realizanse con axentes da economía real. Iso da lugar a unha na vertixinosa expansión dos activos financeiros, nun agresivo proceso de enxeñería financeira e titulización. A suma dos activos financeiros derivados e non derivados pasou de representar un 170% do PIB mundial no ano 1980 a representar un 1400% do PIB mundial en 2007, no momento en que estoura a crise (Fonte: McKinsey Global Institute).
En particular os activos financeiros derivados representaban por si sós en 2007 entre un 400% e un 600% do PIB nas principais economías desenvolvidas: 450% do PIB dos EEUU; 550% no caso de Xapón; 570% no caso da UE e no caso concreto do estado español un 550%. A débeda privada era igualmente moi elevada neses anos. No caso do Estado Español a débeda de bancos, empresas e familias representaba en 2008 aproximadamente o 300% do PIB. A débeda pública, en troques, era apenas un 54% do PIB.
[quote style=”boxed” float=”right”] En total, a suma de todas esas operacións representa ao redor dun 7% do PIB mundial[/quote]O estourido da burbulla financeira en 2007-2008 da lugar a un vasto programa de rescates bancarios, aos que se lle suman programas de rescate dos grandes sectores oligopolísticos (automóbil sobre todo) duramente contraído pola súbita caída da demanda. O conxunto de programas de rescate até fins de 2010 supuxeron:
a. Un gasto público extraordinario estimado en 13-15 billóns de dólares, que representan ao redor dun 21-25% do PIB mundial. Aínda así a banca seguía atrapada por unhas débedas de uns 4 billóns de dólares, que representan outro 7% do PIB mundial. Sumando ambas cifras temos un burato total da banca que pode oscilar entre o 28-32% do PIB mundial. A maior parte del xa cargada sobre as costas do sector público en forma de débeda pública e recortes e a outra que aínda continuaba nos seus balances.
b. A outra vía de amortecer o descadre do burato financeiro foi a creación masiva de diñeiro por parte dos Bancos centrais das grandes potencias económicas (FED, Banco de Inglaterra, Banco de Xapón e BCE), comprando parte deses activos financeiros ao bancos e, ademais, prestándolle diñeiro a esa banca privada a un tipo de xuro próximo a cero. As medidas chamadas de Quantitative Easing 1 e 2 realizadas tan só pola Reserva Federal en 2008 e 2010/11 supuxeron inxectar máis de 2,2 billóns de dólares, multiplicando por catro o volume de dólares inxectados no sistema. Esa cuantía representa aproximadamente un 3,8% do PIB mundial. O Banco de Inglaterra puxo en marcha unha QE en 2009-10 por 200.000 millóns de libras, que equivalen ao 14% do PIB británico. O Banco de Xapón creou e inxectou no sistema financeiro uns 700.000 millóns de dólares entre fins de 2010 e 2011. O Banco Central Europeo inxectou 60.000 millóns de euros en 2009 e 500.000 millóns de euros en 2011.
En total, a suma de todas esas QE, creando diñeiro e inxectándoo nas contas dos bancos privados, representa ao redor de 4 billóns de dólares, o que representa ao redor dun 7% do PIB mundial.
Polo tanto, entre os rescates con axudas públicas de diferente tipo por parte dos gobernos e a creación de diñeiro bancario por parte dos Bancos centrais para inxectar na banca (QE) supoñen entre un 35-39% do PIB mundial.
Esta podería considerarse como a magnitude da burbulla financeira global que foi socializada a través dese tipo de medidas adoptadas ao longo dos últimos tres anos. A materialización da socialización dese burato foi parcialmente executada neste período en forma de subas de impostos e redución de salarios dos traballadores do sector público e do privado, pero a maior parte é a que pretende cargarse sobre as costas dos contribuíntes, empregados públicos, asalariados e usuarios dos servizos públicos ao longos dos vindeiros anos. Dito noutras palabras máis imprecisas pero máis facilmente compresibles, iso significa que no conxunto dese longo período de “axuste” a poboación mundial empobrecerase nun 35-39% polo menos. Coa particularidade de que ese empobrecemento non se distribue de xeito lineal entre todo o mundo; pola contra, a parte de león do empobrecemento estará especialmente concentrada nunha parte dos países do mundo e, dentro deles, nos segmentos máis populares.
Feito o balance do expolio-burato global, a cuestión que cabe colocar é si iso significaría que con eses axustes se poñería a conta a cero. ¿Significa ese sacrificio a solución á crise?. Como logo veremos, en absoluto.
O artigo completo no blog de Xavier Vence