por Albino Prada
Nas eleccións locais celebradas o pasado 28 de maio as dereitas foron quen de vendelas como se de unha primeira volta das próximas xerais se tratase e, o que considero aínda máis determinante, impondo unha liña vermella social sobre con quen é lexítimo acordar unha maioría alternativa a súa no Congreso dos Deputados. A descualificación de EH-Bildu impúxose na axenda electoral como un galvanizador da grande marea nacionalista española das dereitas, algo que -nin fai falla dicilo- esa marea estende a ERC ou ao BNG e outras forzas que consideran separatistas ou centrífugas, fronte á súa defensa centrípeta da unidade do Reino de España.
Nos territorios con nacionalidades de seu (País Vasco, Cataluña e Galicia) as candidaturas que se presenten á esquerda do PSOE no resto de España (por caso Sumar) deberan chegar a acordos pre-electorais programáticos coas forzas que serán obrigados socios de Goberno.
Este eixo do debate social vai seguir estando enriba da mesa por máis que ao PSOE e a outras opcións de esquerdas lles semelle un incordio que non lles pon doado tecer un bloco electoral centrado nunha axenda social, que debera dominar sobre a axenda territorial. Pero as dereitas españolas teñen moi claro dende hai tempo que o patriotismo e nacionalismo español lles permite levar tras deles a boa parte de cidadáns que sen esa bandeira poderían escapárselles, polo perigo obxectivo que representan para os sectores menos favorecidos e para a corrosión das clases medias.
Por iso descualifican e consideran ilexítimo gobernar o Reino de España con todos aqueles que pensan que a España das Autonomías debe avanzar cara unha forma federal, confederal ou con dereito a decidir. É neste punto onde a fabricación primeiro de Ciudadanos e agora de VOX supón empurrar por unha inflexión centrípeta e patriótica de longo percorrido. Segundo o relato do ascenso electoral do propio Abascal (en Público do 30/05/2023): “Y esto con el mensaje de un partido que pone en tela de juicio la deriva del Estado autonómico como un Estado que enfrenta a los españoles, que nos hace desiguales, que nos resta libertades y que además lastra el proyecto común de España que es lo que verdaderamente importa a Vox”.
***
En consecuencia, sería inxenuo pensar que van deixar de mallar neste asunto. Inxenuo teimar en colocar o relato dos retos e logros sociais (pensións, salarios, desemprego, fiscalidade, medio ambiente, xénero, vivenda, …) fuxíndolle ao asunto que eu resumo aquí na contradición centrípetos/centrífugos: a unidade de España coa súa recentralización fronte aos nacionalistas periféricos cos que non se bebe pactar. Unha maioría patriótica PP/VOX fronte a un PSOE abducido polos separatistas.
Para non facer como o avestruz, e fuxir dese órdago, paga a pena revisar brevemente aquí o mapa electoral das eleccións de maio no Reino de España e refrescar as consecuencias. Sabido é que para o conxunto do país (100 puntos porcentuais) hai unha división metade/metade entre as forzas centrípetas (40 PP + 10 VOX) e as forzas que, en principio, non o son: o PSOE e as que reclaman maior autogoberno, que suman un 36 e 14 por cento respectivamente. Este é o desequilibrio que se quere escorar, ben impedindo a estes sumarse ou negándolles a lexitimidade para facelo. En calquera caso, mallar niso é un asunto que lles permite agochar a súa axenda social tóxica cunha grande bandeira patriótica.
O mellor exemplo de onde se quere chegar témolo hoxe en Madrid. Teño revisado o moi problemático encaixe de Madrid no conxunto do país e a súa lóxica centrípeta recentemente (https://luzes.gal/29/03/2021/en-aberto/mega-madrid-market/), pero a lóxica patriótica coa que se envolve este disparate vén dando uns resultados abraiantes: os centrípetos (PP+VOX) superan xa elí o 60 por cento dos votos. E poderían acercarse a isto no conxunto do Reino de España?
***
Imposible non é, pero teñen dous obstáculos electorais e sociais de primeiro orde: o País Vasco e Cataluña. No caso do País Vasco, as forzas centrípetas (PP+VOX) suman menos do 10 por cento, mentres nada menos que un 70 por cento está por máis autogoberno e o 20 por cento restante (PSOE) asume aí unha cultura de ampliación do mesmo. No caso catalán os centrípetos están no 15 por cento e o resto teñen que asumir case un 50 por cento que, como no País Vasco, está por máis autogoberno.
Certo que estas dúas nacionalidades do Reino de España suman só un de cada cinco votantes, pero obrigan a que a aceleración electoral centrípeta teña que ser moito máis intensa no resto de España (como é o caso xa de Madrid).
Neste punto, non é casual que o actual candidato á Moncloa polas dereitas deixase Galicia na súa viaxe madrileña (a súa foto no balcón da rúa Génova o día 28 non precisa comentarios). Unha Galicia que ese mesmo día estivo por debaixo da media española na colleita das dereitas centrípetas (PP+VOX suman 46 puntos de cen), mentres que PSOE+BNG suman case os outros 54 puntos. De maneira que a colleita galega non deu as fanegas que precisan para a Moncloa as dereitas. Sí a daría para que na Xunta non gobernaran as dereitas, pero iso levaríanos a temas tabú (a circunscrición provincial -Ourense- e o truco das Deputacións) ou a avaliar o potencial graneiro patriótico español dalgúns alcaldes do PSOE cando non son eles candidatos. Co que algo se pode subir do 46 puntos aló por xullo.
***
De todo o que precede só gostaría de deixar dúas cousas claras para as eleccións deste vindeiro mes de xullo. A primeira é que o PSOE non pode seguir no limbo das indeterminacións sobre esta ofensiva centrípeta e patriótica das dereitas. Non sei se debe deixar de ser monárquico e volver a republicano, pero o que non pode é seguir mantendo unha posición autonomista atrofiada se precisa articular maiorías de goberno (na Moncloa e non só) con forzas que son determinantes para acadalas, e que teñen unha coñecida folla de ruta de autogoberno que vai máis aló do esquema definido hai xa case medio século. E facelo con claridade e sin complexos. A non ser que o PSOE se preste, outra volta, a pactos cos centrípetos do PP para o asunto territorial.
A segunda cousa clara para min é que nos territorios con nacionalidades de seu (País Vasco, Cataluña e Galicia) as candidaturas que se presenten á esquerda do PSOE no resto de España (por caso Sumar) deberan chegar a acordos pre-electorais programáticos coas forzas que serán obrigados socios de Goberno. Acordos que mesmo permitan non presentar esas candidaturas, ou retiralas no seu momento, neses territorios.
Porque as dereitas -despois do simulacro xa evaporado de Ciudadanos- autodenominadas patrióticas (centrípetas: PP+VOX) só poden sumar o que precisan se conseguen montar liortas gordas entre o resto, e que ao mesmo tempo moitos cidadáns que van apandar no lombo coas súas políticas os voten para defender a ameazada unidade de España. As cloacas do Estado, do IBEX e dos mass media non van deixar de traballar a tope estes dous meses para frear con esta estratexia a pantasma do social-comunismo. Pois precisan, para seguir sendo intocables, liña directa coa Moncloa.