Xoán Antón Pérez Lema
Galicia viviu nas últimas semanas o trauma da liquidación do seu sistema financeiro (ou para sermos máis precisos, do seu subsistema financeiro), por mor da bancarización-estatalización de NCG… e máis da absorción do Banco Pastor polo Banco Popular. Porque NCG (hoxe NovaGalicia Banco), cunha cota do 46%, constitúe de lonxe a primeira entidade en Galicia polo volume dos seus créditos e depósitos e pola amplitude da súa rede. Mentres que o Banco Pastor constituía o único dos chamados “medianos” co seu domicilio social e fiscal e servizos centrais na Galicia, propiedade nun 42% dunha Fundación de interese galego,a Fundación Barrié de la Maza, sometida ao protectorado da Xunta de Galicia. Unha entidade, o Pastor, a quen centos de milleiros de galegos adoitaban chamar, sen máis, “o Banco”aló polos anos 70 e 80 do século pasado, tendo en conta a súa tamén amplísima presenza no territorio.
O Banco Pastor fundouse no 1776 como navieira e casa de Banca por José Dalmau. José Pastor Taxonera entrou no 1819 de socio e adquiriu a empresa no 1845, sendo continuado polo seu fillo José e, despois, polos seus sobriños-netos Pedro Barrié Pastor (pai de Pedro Barrié de la Maza) e Ricardo Rodríguez Pastor que constituiron a sociedade colectiva “Sobrinos de José Pastor”. No 1925 a sociedade colectiva transformouse en anónima e adoptou o nome de Banco Pastor. As simpatías galeguistas e republicanas do presidente da sociedade, Ricardo R. Pastor, determinaron a súa substitución no 1938 por Pedro Barrié de la Maza, que presidiría a sociedade até a súa morte no 1971. As súas accións do Banco Pastor constituíron o capital inicial da Fundación Barrié de la Maza que detentou, dende aquela, unha porcentaxe sempre arredor do 38-42% que, malia todo, garantiulle sempre a maioría.
As Caixas de Aforro naceron no noso País na segunda metade do século XIX, malia que a primeira de todas (a primeira Caixa de Aforros e Monte de piedade d’A Coruña) fundouse pola Sociedade Económica de Amigos do País no 1842, crebando no 1861. No 1876 fundouse a segunda Caixa de aforros e Monte de Piedade d’A Coruña, promovida polo “Banco de Crédito Gallego” e o concello coruñés. Concello que, porén, afastouse do seu protectorado no 1905. Esta Caixa fusionouse no 1944 coa Caixa de Aforros de Lugo (fundada no 1896) e no 1978 coa Caixa Xeral de Aforros de Ferrol (fundada no 1902 e dirixida, na altura, por un economista mozo chamado José Luis Méndez) dando orixe á Caixa de Aforros de Galicia, que integraría a Caixa de Aforros de Santiago no 1980 (fundada no 1880), a Caixa de Aforros Provincial de Lugo no 1982 e as Caixas Rurais da Coruña, Pontevedra e Ourense no 1988. Tamen adquiriu a Caixa Rural de León no 1992. En Caixa Galicia sobranceu como Presidente entre 1982 e 1988 Claudio San Martín que deu nome á súa Fundación e marcou un estilo presidencial de certo contrapunto ao personalismo de Jose Luis Méndez quen non teria xa freo na sua xestión a partires do fin do mandato de San Martín a primeiros do 1988, poucos meses antes da súa morte nun atentado terrorista do GRAPO.
A Caixa de Aforros Municipal de Vigo, xérmolo da Caixa de Aforros de Vigo, Ourense e Pontevedra (CAIXANOVA) foi fundada baixo o protectorado e pulo do Concello vigués en xuño do 1870, sendo xa que logo a mais antiga das existentes neste País, tendo en conta a creba da primeira coruñesa no 1861. No 1930 fundaríase baixo o pulo da Deputación Provincial a Caixa de Aforros de Pontevedra, dirixida de primeiras por Alexandre Bóveda. E no 1933 a Caixa de Aforros Provincial de Ourense. As tres integrarianse na CAIXANOVA no 2000, nunha operación auspiciada polo Goberno Fraga e que investiu ao Director Xeral da até entón CAIXAVIGO, Julio F. Gayoso, con toda a autoridade efectiva na nova entidade, por riba dos xestores de Caixa Pontevedra e Caixa Ourense, entre os que sobranceaba Luis Carrera.
Nacen, xa que logo, as Caixas todas nos últimos trinta anos do seculo XIX a xeito de entidades de aforro popular, sobranceando a actividade de monte de piedade (que peñoraba xoias e outros bens mobles para lle achegar efectivo ás persoas necesitadas) e a función de achegar pequenos préstamos a tipos de xuro non usurarios. Xorden as Caixas de Aforro dos concellos e Deputacións para loitar contra a exclusión financeira das clases populares e contra a usura. A doutrina social da Igrexa (“Rerum Novarum”, publicada no 1891 polo papa Leon XIII),mais ca as doutrinas socialistas, serviu de alicerce ideolóxico para a fundación destas institucións.
As Caixas de Aforro seguiron mais ou menos fieis a sua vocación popular até 1977. Poren, na Lei 2/1962, de Bases da Ordenación da Banca e o Crédito (que nacionalizou, tamén, o Banco de España) as Caixas foron orientadas a aproveitar a súa ampla rede territorial para o crédito agrícola, ao artesans e as pemes, ampliando as súas funcións e vocación de crédito as familias modestas. Malia esta ampliación funcional, a actividade bancaria das Caixas seguiu suxeita a determinadas restricións a respecto dos Bancos, até a reforma do vicepresidente Fuentes Quintana no 1977, que liberalizou a actividade financeira das Caixas suprimindo estas restricións.
De feito o proceso de fusión entre as Caixas de A Coruña e Lugo e a Xeral de Ferrol, no 1978 e mais a adquisición pola resultante da Caixa de Aforros de Santiago insírese na tripla coordenada da liberalización financeira, a previsíbel institucionalización do autogoberno e unha certa tendencia de superación dos localismos. O pulo de Claudio San Martín e de Antonio Lorenzo a este proceso foi decisivo.
Mentres, as Caixas do sur agardarían até o 2000 para a súa fusión na Caixa de Aforros de Vigo,Ourense e Pontevedra (CAIXANOVA), tutelada de preto polo presidente Fraga e o conselleiro Orza. Mais nos anos 80 e 90 do século XX comezara xa a expansión imparábel das catro principais Caixas galegas. polo resto do País e mesmo polo Estado español adiante, trascendendo de cadanseu ámbito territorial de nacemento e primeira implantación. Ficou a marxe do proceso de fusións a Caixa Rural de Lugo, hoxendía Caixa Rural Galega.