Venres 22, Setembro 2023
HomeOpiniónO SUPREMACISMO

O SUPREMACISMO

por María Alonso

O apoio velado de Donald Trump ao asasino adolescente Kyle Rittenhouse, que matou dous manifestantes en Wisconsin durante as protestas anti-racistas que están a ter lugar por gran parte da xeografía estadounidense, é un paso máis cara ao esperpento no que está a converter o escenario político a ultra-dereita. Non hai dúbida de que Rittenhouse de ser negro e ir pola rúa de Kenosha cunha arma de asalto estaría morto a mans deses policías que compartiron unha botella de auga co mozo antes de que este volvese á súa casa tranquilamente e con dous asasinatos ás costas. A cor da súa pel é a única razón pola que segue vivo nun país que hoxe chora a morte de George Floyd. Onte foi a de Trayvon Martin, antes de onte a de Rodney King, e así poderiamos seguir case até o infinito. Pode que os Estados Unidos, como nación, non sexa racista (seguindo os postulados de Damián Villalaín na súa columna do mes de xullo). O que si é racista é o movemento supremacista branco que se atopa detrás da ideoloxía que levou a un adolescente a disparar contra manifestantes nunha protesta anti-racista. O movemento supremacista, que parece volver coller impulso nos Estados Unidos e que xa se está a converter en glocal con outras masacres levadas a cabo en lugares tan dispares coma Nova Zelandia ou Noruega, é extremadamente perigoso e non debe diluírse entre metáforas lingüísticas como os intentos que se están a facer por chamarlle aporofobia ao que é, e sempre será, RACISMO, mesmo acompañado doutros condicionantes como poden ser os de clase, xénero, relixión, etc.

O privilexio

Estaba eu a compartir piso en Edimburgo cunha inglesa de Leeds cando un día decidimos apuntarnos nunha lista para traballar no aeroporto da capital escocesa. No momento de cubrir o ‘monitoring form’ xurdiu o conflito cando eu marquei a lapela de ‘white non-UK’ e ela inmediatamente dixo: ‘ti non es branca, es latina’. Entón marquei ‘any other White background’ e ela volveu insistir en que eu non son branca e, polo tanto, tiña que marcar ‘any other Mixed background’. Isto, obviamente, deu paso a unha rifa bastante importante que acabou coa nosa incipiente amizade. Posiblemente o meu fillo, con cabelo louro e ollos azuis, nunca terá problema se decide catalogarse nestes ridículos cuestionarios como branco. Aí reside o seu privilexio a pesar de ser fillo dunha galega e un escocés. Ninguén cuestionará a súa adscrición grazas á pigmentación que a lotería xenética decidiu para el. É un privilexio que posiblemente o acompañará o resto da súa vida e será responsabilidade miña explicarlle o importante que é o non intentar sacar vantaxe desta regalía en detrimento doutras persoas que, coma súa nai, son catalogadas dun xeito ou outro ben pola cor da súa pel, ben polo seu lugar de nacemento ou pola lingua que falan.