O peche da RTVV (Radiotelevisión Valenciana) polo goberno do popular Alberto Fabra volve
colocar a espada de Damocles sobre as televisións públicas. Que as causas
apuntadas para xustificar unha decisión tan traumática -a anulación polo alto
tribunal valenciano do ERE que puxera na rúa a 1.700 traballadores, e a débeda
acumulada de 1.200 millóns de euros- non se reproduzan de maneira tan
espectacular nos demais entes autonómicos, non presupón que estes últimos non
acaben sendo tamén vítimas de decisións parecidas. O que a primeira vista
puidese ser o desencadeante lóxico dunha pésima xestión, sen que ningún dos que
dirixiron a TV e a radio desa comunidade nos seus 24 anos de vida deran conta
ante os tribunais do que paso a paso foi facendo delas un monstro ingobernable,
e sen que se negociase cos colectivos de persoal afectados unha alternativa
para manter unha RTVV redimensionada e sostible, non deixa de ser un ensaio
urxido polo PP de Xénova que o goberno de Fabra executa ad pedem literae.
Outro tanto vai suceder en pouco tempo coa TV pública madrileña. A probable anulación do ERE
promovido polo goberno de Ignacio González e a débeda, moito menos avultada,
ameázana de peche. E o presidente Feijóo non escondeu que, en darse na CRTVG
eses dous supostos, non dubidaría en botarlle a chave aos medios públicos de
Galicia. Son, efectivamente, casos diferentes, pero non están a salvo a TVG e a
Radio Galega de pasar pola guillotina de quen, non tendo aprezo polo público, e
someténdoo como o someten ao dogma economicista, ao que se entregan os
defensores de que sexan os mercados e non as políticas de estado quen decidan
sobre o divino e o humano -póñanse neste cadro sistémico a cohesión social, a
vertebración territorial, a lingua e a cultura que cterritorial, a vertebración
co-instituciolalizan o país…-, pensa que chegou o momento de liberarse desa
súa contradición. Unha esixencia, polo demais, que lle veñen propoñendo os
empresarios das televisións privadas con indisimulado descaro.
Por que chegou o momento? Porque xa non dá máis de si a ocupación partidaria que os distintos
gobernos do PP fixeron dos medios públicos creados a partir da aprobación dos
correspondentes estatutos de autonomía. A da RTVV, con innegable furor guerreiro,
tanto no ideolóxico e electoral -cun control directo desde a Generalitat, con
Zaplana e o traxeado Camps en vangarda, sobre a contratación clientelar de
persoal adicto e de produción de programas aptos para o consumo rápido- como no
económico -eis a posta de orzamentos millonarios ao servizo do partido con
Fórmulas 1 e futbolerías de escándalo, por unha banda, e ao servizo da Gürtel,
a trama de corrupción que tamén aniñou nos despachos do edificio de Burjassot-.
Endebedadas ata o límite -as máis- e sbreendebedadas -outras-, non cabe para
quen teñen no abecedario do austericidio a súa folla de ruta outra alternativa
que non sexa a de decretar clausuras.
Ninguén nega a necesidade de redimensionar os entes públicos, non só no que debería comportar
unha reafirmación do servizo público, asegurando a calidade e a independencia que han ter dos respectivos gobernos,
tamén no que ten a ver coa súa sostibilidade. O que vale tanto para a RTVE, que
volveu caer nas redes do PP despois do esperanzador proceso de desagregación
gobernamental iniciado por Zapatero, como para as de estrutura e difusión
territorial. Porén, sempre a partir de valoralos como absolutamente necesarios
e imprescindibles naquelas comunidades con lingua e cultura propia, e no que
ten a ver coas demais, a partir de entendelos caso por caso como entes
equilibradores da pluralidade de ofertas. Unhas e outras, correctoras da
filosofía puramente consumista que alenta a existencia e a programación das
televisións privadas, as principais beneficiarias -en audiencias e na absorción
dos 250 millóns de euros por publicidade que forman parte das contas de
resultados das canles autonómicas.
Dándolles aos profesionais o dereito a decidir e a responsabilidade de facelo tendo como
única norma de medida o dereito que á súa vez ten a cidadanía, a única
propietaria, a ver compensado o seu esforzo orzamentario co servizo que as
televisións e radios públicas lle dan a través dunha información e dunha
programación de calidade. Porque é como os cidadáns aos que cheguen van poder
reactivar a súa condición de tales, a súa participación nos procesos de
socialización e culturalización, e tamén o seu sentido de pertenza á comunidade
de orixe.
É por iso que non deben baixar a garda. Empezando por denunciar, como veñen de facer
milleiros de valencianos, a demagoxia coa que algúns gobernantes tentan
xustificar unha decisión tan extrema como a de cortarlle abruptamente o alento
a un medio público de comunicación. Por caso, contrapoñer o custo duns medios
públicos co que custa manter unha escola ou un hospital. Facéndoo, ademais, sen
que ás causas aducidas para o peche, todas elas produto do dispendio e da
corrupción, lles poñan nomes e apelidos. Todos moi coñecidos. Algún deles, como
é o caso de Zaplana, aproveitándose da porta xiratoria que lle facilitou a
entrada con soldo millonario en Telefónica. Outros, como Camps, parapetados á
sombra do Parlamento. E algúns máis, como sucede cun exmandatario da RTVV,
sometido a investigación, por haber transferido á trama Gürtel as mordidas
millonarias que detraeron do orzamento provisionado para a cobertura da viaxe
do papa Benedicto a Valencia. Ata hai un noutro tempo todopoderoso señor da
tele e da radio públicas sobre o que pesan cargos por ter acosado a tres
traballadoras do ente no interior do seu despacho oficial.
Que Fabra, González e Feijóo, inspirados por Xénova, se poñan de perfil diante dese
historial presumiblemente delituoso, e tiren por elevación contra traballadores
e sindicatos, autoexculpándose eles e o seu partido de calquera
responsabilidade, non deixa de ser politicamente amoral. Sen que iso tampouco
exonere aos traballadores de terse dobregado durante anos a quen, desde o poder
da Generalitat ou desde os despachos do propio ente, os conminaba a facer da TV
e radio públicas unha auténtica espendeduría popular. Porén, non son eles senón tódolos cidadáns os que sofren,
en Valencia hoxe, en Madrid ou talvez en Galicia mañá, esa amputación.
Ollo, porque os inimigos do público van a por todas.