Luns 26, Xullo 2021
HomeOpiniónO PAN NOSO DE CADA DÍA

O PAN NOSO DE CADA DÍA [RELATO]

Aos amigos Roberto e Paco.

A todos os panadeiros que cada día percorren as trinta e pico mil aldeas do noso país para que  poidamos comer pan fresco. E para que o mundo rural non se esvaeza.

 Ganarás el pan con el sudor de tu frente / y la luz con el dolor de tus ojos. (León Felipe, No he venido a cantar).

 Un relato de Xosé Antón Jardón

Hai anos, en Amieiro Longo, vivían máis de corenta almas. Hoxe hai catro veciños. Charly, o Hippy, ten un taller de abelorios e hai quen di que vive diso. Mal rapaz non é, se a non ser por esa pequena eiva que o ten medio arrelado: non come pan! Tosta fariña con auga na tixola e lárpana entre el e a cadela. El pensa que si, mais eses hostións irreverentes e acartonados non teñen nada que ver con aquela bica do testo ou bica rapeira que facía a súa avoa. A señora Adelaida cobra a pensión de viuvez e, como Charly, tamén é algo sacrílega: adora unhas fatias envoltas en plástico que lle merca ao da camioneta que vende comida polas portas. Que necesidade terán?! Chova ou neve, os luns, mércores e venres veñen á aldea dous panadeiros e cada un ten seu cliente. Ao Bicaquente gástalle o pan don Paco, que fora mestre de Primaria; e Anselmo, pensionista da Agraria, sempre llo colleu ao Lévedo.

Un día si e outro non, aí contra as once, don Paco agarda sentado ao pé da Fonte do Sapo e érguese de súpeto ao escoitar a bucina do Bicaquente. Saúdanse e falan un nada mentres cunha man colle a barra e coa outra paga. Ao regresar cara á casa atópase co Anselmo e lerian ata escoitaren a pitada do Lévedo, quen vén chegando sobre as doce. Cando se terza incorpórase á conversa a señora Adelaida. Charly, ás veces vai canda a cadela e acena coa cabeza, mais nunca se para á cháchara. Don Paco non perde ocasión para reprender á veciña por non comer pan como é debido: «Cando che fagan unha endoscopia, no canto de mucosa estomacal, atoparanche chapapote por mor desa merda que metes no bandullo». E ela sempre lle responde, «Cala trapelo, que es un trapelo!».

O pasado luns, cando o reloxo da igrexa deu as doce, o seu panadeiro aínda non chegara. Don Paco xa erguera o cu do mazadoiro e camiñaba sen paría dun lado cara ao outro, falando só sobre as posíbeis causas de tanta tardanza do Bicaquente. Malia as chamadas á calma de Anselmo, a impaciencia non minguaba e cada vez se lle vía máis nervioso. Niso apareceu o Lévedo, quen non soubo –ou non quixo− explicarlle as razóns do atraso do colega. Iso si, tanto o veciño como o propio panadeiro convencérono de que, se non quería pasar sen pan, debía levar unha barra das súas.

Xustiño cando xa se ían foi cando pitou a furgoneta do Bicaquente. Don Paco, por non facerlle un feo ao seu panadeiro, arrebolou coa barra que tiña na man o máis lonxe que puido e foi ter ás silvas da horta á poula da Adelaida. Acercouse ao coche como se non pasara nada e recolleu a peza de costume. Quixo saber as causas da tardanza, mais resignouse cando o Bicaquente lle dixo que a présa non lle permitía dilación.

Ao marchar o panadeiro, don Paco brincou por riba do balado e entrou na horta, en busca da barra que lle mercara ao Lévedo, co ánimo de ofrecerlla á cadela de Charly cando tivese ocasión. Ao chegar á casa, algo esfameado por mor da ansiedade, púxose a comer pan e estivo a piques de bimbar a peza. Unhas herbas agarradas á codia avisárono de que aquel que tanto lle sabía non era o do Bicaquente, era o que lle mercara ao Lévedo.

O mércores, despois de deixarlle claro que nin por esas ía cambiar de panadeiro, recibiu ao seu provedor gabándolle o pan da competencia. O Bicaquente viuse na obriga de rebentar o segredo profesional, confesándolle que se o luns se demorara non fora por nada importante. Fora por ter que cocer dúas fornadas, unha para el e outra para o Lévedo, debido a que este, como presidente da asociación dos panadeiros, tivera que ir á capital para encargar o xantar da festa do patrón. Don Paco caeu da burra ao instante.

[Ao meu tío Lisardo marabíllano os individuos que teñen a lealdade como virtude de cabeceira e fascínano os que tanto se esforzan para que os demais gocen das esencias da vida]. 

[td_block_7 f_header_font_transform=”uppercase” ajax_pagination=”next_prev” sort=”” category_id=”” custom_title=”Novidades”]