Xoves 30, Novembro 2023
HomeOpiniónO naufraxio de Europa

O naufraxio de Europa

A foto que amosa ao neno Aylan afogado nunha praia cando os seus pais tentaban fuxir da guerra siria removeu as conciencias de medio mundo. Serviu para reverdecer o drama humanitario de milleiros de refuxiados e inmigrantes ás portas de Europa. Unha onda de indignación cidadá fracturou os muros de contención que os dirixentes europeos levantaran a eito nas súas respectivas fronteiras. O Rajoy das concertinas melilleses e das devolucións en quente viuse por iso obrigado a dar o brazo a torcer, deixando para as hemerotecas as iniciais e lamentables declaracións dos ministros Fernández, Margallo e Sáez de Santamaría. Con todo, optaron como escapatoria por mercadear coas cotas de acollida para só 120.000 refuxiados, unha cifra absolutamente insuficiente como se pode comprobar con tan só aducir os catro millóns de persoas que, fuxindo da violencia de Siria e Iraq, acampan en condicións infrahumanas en Xordania, Líbano e Turquía. No reparto non entra a Hungría de Orbán, que á parte de importar as concertinas españolas e darlle corda á policía para mallar e cegar a quen ouse atravesalas, aprobou ad hoc unha normativa que castiga con cinco anos de cárcere a quen entre no país sen autorización.

O comportamento dos gobernos europeos despreza o dereito á vida, que está en todos os tratados internacionais aos que están maioritariamente adheridos, e converte o refuxiado e o inmigrante nun outro que ameaza. Porén, os refuxiados que foxen da violencia na que están sumidas Siria, Eritrea e Afganistán non son a ameaza, son as vítimas. As producidas pola pobreza, as guerras e as ditaduras que mutaron a xeografía e a vida dos seus países de orixe nun inferno, e que tanto contribuíron a crear e soster as potencias occidentais, e de maneira especialmente vergoñenta a Europa política que agora se pon de perfil e mercadea co dereito á vida e de asilo. Esquecendo con cinismo pasaxes da súa recente historia nas que centos de milleiros de europeos –entre eles, os 450.000 republicanos españois fuxindo do estado de medo e terror instaurado tras a vitoria fascista na guerra do 36– se viran forzados ao éxodo lonxe das súas familias e dos seus países.

Non será porque non estaban avisados. O éxodo masivo de civís provocado pola guerra que desde hai catro anos e medio se libra en Siria, e polo clima de violencia que nunca abandonou Iraq desde os anos daquela ilegal e criminal invasión militar, acabou saturando os campos de refuxiados abertos nos países veciños menos desenvolvidos –Líbano, Xordania e Turquía–, ignorándoos en cambio os máis ricos –Arabia, Kuwait, Qatar, Emiratos Árabes. Situación que provocou continuos e inútiles chamados á comunidade internacional para afrontar o que era e segue sendo unha verdadeira traxedia humanitaria. Que esas potencias occidentais –con EE.UU. e a UE á cabeza– lle apoñan ao avance do Estado Islámico en Siria e Iraq a causa última desta riada de homes, mulleres e nenos en ruta cara a ningunha parte, non deixa de multiplicar por mil o cinismo co que se comportan. A incapacidade da política e da diplomacia europeas atopan na barbarie do ISIS a escusa que necesitan para non verse sometidas a xuízo público. Non lles dará resultado.

Mentres o único que decidan sexa idear solucións caseiras como a do reparto de refuxiados por cotas, ou a de enmascarar o problema facendo do desafío yihadista o principio e a fin de todas as cousas, sen arriscar nada que comprometa os grandes intereses xeopolíticos que se cociñan nesa ampla e conflitiva zona, todo vai seguir igual. Con maior razón cando se constata a incapacidade da UE non só para poñer en marcha un plan común de asilo e inmigración que ha ter un soporte global, mundial ou rexional como mínimo, senón tamén para asegurar que todos e cada un dos seus membros cumpran cos seus deberes legais por estaren ligados e comprometidos co dereito internacional de refuxiados (Convenio de Xenebra e Protocolo de Nova York). Con diferenzas de trato que contribúen a poñer o proxecto europeo en almoeda: obrigas inaprazables cando o que está en perigo é a carteira de bancos e especuladores (Grecia) e condescendencia cando son os principios os que están a piques de seren machucados (Hungría e a outros países do Este).

O mar mediterráneo convertido nun inmenso cemiterio, e as fronteiras europeas nunha inmensa corda de presos. Velaí a película que nos escandaliza, pero que tamén nos interpela. Porque, á parte do impacto que producen en nós esas imaxes, estanse vulnerando numerosas leis de asilo baseadas fundamentalmente no cumprimento dos dereitos humanos, e que os estados membros da UE deben cumprir. Chove sobre mollado. Hai países, como a España gobernada por Rajoy, que tamén vulneran esas leis coas políticas de inmigración.

Non se trata entón, como demandan algúns, de aprobar unha nova normativa para a crise dos refuxiados, porque xa existe e tivo un amplo e contrastado desenvolvemento no artigo 14 da Declaración Universal de Dereitos Humanos, no Convenio do Estatuto do refuxiado ou Convención de Xenebra, no memorando da Comisión Europea para os casos de éxodo de persoas, no Convenio Europeo de Dereitos Humanos, nas Constitucións (artigo 13.4 da de España), e mesmo a través de reais decretos como o 1325/2003 que prevé os procedementos de emerxencia e de evacuación desde a orixe que inclúe a concesión de visados humanitarios e salvocondutos, documentación e permisos de residencia e traballo, axudas sociais e recolocación.

Por leis, memorandos e decretos non queda. O que falta é sentido humanitario, afianzamento democrático e vontade política. E non serven as escusas “invasivas” –que son eses poucos centos de milleiros en medio dunha poboación total de 740 millóns de habitantes? –, que o único que fan é desvelar os fortísimos intereses ocultos que están arestora detrás das políticas europeas, e de paso sobre que pautas de actuación se estaría producindo o afundimento do Estado de Dereito en Europa. Porque é aí onde radica o problema. Que ten agora mesmo nos refuxiados e inmigrantes o máis brutal e inxusto dos síntomas. Move a preguntarnos se o que se está producindo é o naufraxio de Europa.