Xoves 18, Agosto 2022
HomeOpiniónO ESTADO DA NACIÓN / O ESTADO DA FICCIÓN

O ESTADO DA NACIÓN / O ESTADO DA FICCIÓN

«El vino que tiene Asunción, / no es blanco, ni es tinto, ni tiene color» (Canción popular)

 por Xosé Antón Jardón

Pedro Sánchez nunca deixa de contrapoñer os conceptos esquerda e dereita, para inculcarnos a teimuda idea de que el e a súa parroquia conforman e aglutinan o espazo político de tinguidura progresista, tratando así de avalar unha dicotomía que, malia ser evidente na sociedade, na praxe cotián do Goberno español merece unha credibilidade semellante á que nos inspira Alberto “Npunto” Feijóo, cando pretende venderse como un político de perfil moderado. E, iso ocorre porque, apampados diante da televisión, talmente daltónicos e submisos, aceptamos que os que teñen a tixola polo mango gozan do dereito sobrenatural a seguirnos embobando impunemente, no canto de insubordinarnos e esixirlle que nos permitan coñecer o que realmente acontece.

Algo semellante sucede tamén nos espazos políticos do nacionalismo, ou mesmo nesoutra dicotomía máis maina onde gurran centralismo e autonomía. Distraen o noso padal coa comida resesa que cociñan en Madrid –iso o que a semana pasada lle chamaban ‘debate sobre o estado da nación’– malia que, segundo o seu CIS, non lle sabe nin lle interesa a case ninguén. E nós calamos, deixándonos imbuír polas parvadas e mantras capitalinas, no canto de teimar no xusto e necesario ‘debate do Estado de nacións’, no incuestionábel carácter plurinacional do Estado, para que ninguén se esqueza que a reivindicación e o recoñecemento efectivo das cuestións identitarias son as mellores vitaminas que precisamos para alcanzar máis benestar social.

Maiormente –ou mellor dito, obviamente– no eido dos principios, naquilo que nos debería incumbir a todos e todas –ou alomenos a quen nos consideramos progresistas– na Dicotomía con maiúscula, na porfía cada vez máis necesaria e urxente entre democracia e autocracia ou ditadura, permitimos que medra a confusión constante, mentres as esencias –a liberdade, a participación, a transparencia,..– se van extenuando e perdendo o seu brío, ata deixármolas escapar polos escuros sumidoiros da insignificancia: o poder xudicial manda, no canto de xulgar, os borbóns son intocábeis a pesar de todo, xa ninguén se acorda do significado de Pegasus, ao crime de Melilla restámoslle importancia, da guerra de Ucraína só nos está permitido conxugar o “si, guana” e as barbaridades que se cometen dende as entrañas dos sumidoiros que amentabamos antes, coñecidas como as cloacas do Estado, son as dignas servidumes que debemos pagar para garantir a unidade da patria.

E así seguimos, alegres e felices, bailando a yenka ao ritmo da música que eles tocan: Izquierda, izquierda, derecha, derecha / Adelante, detrás, un dos tres,… mentres Sánchez, Feijóo, un tal Abascal e a nossísima Yolanda se van convertendo en auténticos «fásmidos», unha caste de insectos aos que lle muda a pel ata transformarse en vexetais inertes, para camuflarse discretamente segundo esixen as imposicións da contorna, para así evitar que os engulan os insectívoros que, obviamente, andan á súa espreita.

[O meu tío Lisardo coida que, malia tanta semellanza entre os tales e os fásmidos,aínda  hai unha pequena diferenza: no caso dos bichos só existe o instinto de supervivencia e xamais perden o seu norte, mentres que os nosos líderes, cada vez que se camuflan,  renuncian a unha parte do seu ideario, para camiñar sen rumbo e levarnos canda eles, á procura dese lugar incerto, máis coñecido como Ningures. Velaí a pequena diferenza].


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]