Domingo 1, Outubro 2023
HomeOpiniónO ensino-orquestra

O ensino-orquestra

por Xurxo Borrazás

Persoalmente, podería falar de 20 anos de felicidade e 15 de desacougo, dos cales os últimos cinco viraron en indignación e perplexidade. O mellor, hoxe e hai 40 anos, o alumnado. A enerxía e o entusiasmo que contaxian e revitalizan ao profesorado compénsano case todo. O peor, unha política educativa delirante e ordenancista, ofensiva para a intelixencia no caso das medidas que, con verniz de multitask, van construíndo un labirinto tecno-administrativo de crecemento xeométrico e acoso virtual ao profesorado.

A burocratización

Un ou unha ensinante ten que estar pendente arestora das plataformas e webs de cualificacións e faltas, a das programacións, a das video-conferencias, a aula virtual, o abalar, o correo corporativo, a documentación de calidade, a páxina de Muface, a plataforma de Distancia, a da xestión de bibliotecas, google classroom ou equivalente, o Moodle, a de formación de profesorado, a de datos persoais, os grupos de whatsapp, o Drive, a pizarra dixital, o software de presentacións, a web do centro con todos os seus epígrafes e mandatos de entrega de informes, actas e boletins, e por suposto a da Consellería coa súa oficina virtual. Por citar algunhas.

Só lembrar os nomes de usuario e contrasinal, o funcionamento das interfaces e protocolos de cada unha, xa non digamos responder en tempo e forma á solicitude frenética de trámites, semella unha tortura propia de Guantánamo.

Só lembrar os nomes de usuario e contrasinal, o funcionamento das interfaces e protocolos de cada unha, xa non digamos responder en tempo e forma á solicitude frenética de trámites, semella unha tortura propia de Guantánamo. Sumádelle a iso o traballo de titorías que obriga a coñecer e atender a problemática non só académica senón familiar, social ou mesmo clínica de cada alumno ou alumna, e a fornecer e xestionar o mando de informes que o acrediten para cada visita paterna ou xunta de avaliación. Como non van aumentar as horas lectivas? Non o fan para amolar ou reducir custes, senón para darnos tempo a alimentar a toda esta rolada.

Organizar unha actividade extraescolar supón arrimarlle ao anterior a obtención de autorizacións paternas, de cesión de dereitos de imaxe, do profesorado afectado, deseño da proposta, encaixe na programación, elaboración de tarefas para quen non asista, listaxes para a xefatura de estudos, a titoría e profesorado implicado, recadación do importe, reserva de prazas e compra de entradas, contratación de autocares, redacción da memoria. Unha festa.

Non é só que padezamos a burocracia, é que a arañeira nos converte a nós mesmos en burócratas activos. Velaquí un exemplo. Hai xornadas de asistencia obrigatoria ás que un debe confirmar a súa asistencia. Unha vez feito, recibimos un correo no que se comunica que fomos admitidos, coma se nos seleccionasen entre unha chea de candidatos ou nos desen un premio. Prometinme non empregar o adxectivo kafkiano pero, que queredes?

A arañeira

A responsabilidade é por suposto de quen monta o tinglado, pero tamén de quen non o desmonta e, se permiten a paranoia, do tinglado en si. Quen é responsábel das vítimas dunha guerra? Quen a provoca, quen dirixe as operacións, quen de feito dispara e máis o armamento en si. No chanzo máis

alto están as autoridades educativas, tanto do PP coma do PSOE. De feito, a socialdemocracia española ten demostrado nas últimas décadas máis apego e fe na burocracia que a dereita. Nun segundo nivel están os organismos creados para xestionar esas políticas: a función crea o órgano.

Cada un destes organismos confórmase cun plantel de cadros executivos de libre designación ou designación mixta, normalmente ben retribuídos e con condicións de traballo mellores que as do profesorado de base e que, para manterse, deben xustificar a súa existencia. Son os que David Graeber cualificaba como bullshit jobs, “traballos de merda”, aqueles que non se sabe explicar ben en que consisten e nos fan sospeitar que todo funcionaría mellor sen eles, quen os exerce mesmo se avergoña de que lle paguen por facer que fai ou por incrementar a complexidade onde o ideal é clarificar, traballos que serven para eximir de responsabilidade sobre o papel aos executivos superiores, a costa de transferírllela no plano real ao profesorado.

Como xustifican estes organismos a súa existencia? Producindo documentos e protocolos. Pero entón traballan! Bueenoo… Os bolseiros e a tecnoloxía axúdanlles a reelaborar ou refundir documentos previos, traducilos, incorporarlles a terminoloxía de moda e empaquetalos a golpe de clic para todo o profesorado galego. Isto é así un curso, pero agrávase o curso seguinte porque a esixencia de volver xustificar a súa actividade renóvase, con novos proxectos que modifican os anteriores e fan medrar a carga sobre os ensinantes. Calquera das plataformas citadas arriba é un mecanismo de tortura soft. Todas xuntas constitúen un ecosistema tóxico e, ao estaren en modificación perpetua, veñen dar nun escenario de distopía psicótica, coma se nos obrigasen a conducir todos os días cambiándonos os mandos do automóbil, as normas de circulación e mesmo os mapas de estradas.

Pídaselles despois aos ensinantes atención á diversidade, actualización pedagóxica, proxectos de innovación, implicación emocional, amenidade, xestión de aula, fomento da creatividade ou autoridade moral. Que por que o profesorado non protesta? Por que raio vai ser? Porque non ten tempo.