Luns 2, Outubro 2023
HomeOpiniónO DURO E AS CINCO PESETAS

O DURO E AS CINCO PESETAS

por Antón Baamonde

Parece que, de maior, Pedro Sánchez quere ser Felipe. Pero Felipe tiña máis arte e, ademais, os tempos eran outros. Naquel momento, tratábase de crear un Estado de Benestar que non existía en España, agora trátase de facelo máis pequeno e de crear máis espazos para os negocios privados no seu entorno. Ernst Lluch foi o responsable de universalizar a sanidade, agora do que se trata é de reducir os servizos públicos. Aquela era unha época de estabilidade e optimismo, esta de incerteza e ansiedade. Nos oitenta os partidos comunistas sentían no seu pescozo a friaxe do descrédito e chegaban á fin dun ciclo: pouco a pouco íanse desfiando. Agora, son os partidos socialistas os que están ao borde da extinción en toda Europa, agás o Labour inglés e o PS portugués, que xiraron á esquerda. A terceira vía resultou ser un calexón sen saída.

Así que Felipe podía engaiolar, pero había máis motivos para que tivera éxito: gobernaba dende o corno da abundancia. No imaxinario do PSOE segue pesando moito o felipismo: a arrogante idea de que eles son os que saben como hai que gobernar. Pero o mundo xa non é o que era. A Pedro Sánchez, por exemplo, véselle todo. Hai que estar moi cego para que alguén poida crer que non é el o responsable de volver a eleccións. Supoño que Iván Redondo pensaba que podía contar unha trola –impoñer un relato, dise agora- e, contando coa anuencia dos medios, que colara. Era, creo, unha suposición estúpida. Pero a arrogancia dos despachos é infinita e a desta nova figura, o politólogo en acción, non digamos.

A súa estratexia é obvia: mellorar resultados e pactar con Ciudadanos. Pero ao forzar a convocatoria de eleccións, Pedro Sánchez compórtase coma un xogador de póquer e arríscao todo a unha man. Tal vez me equivoque pero o resultado vai ser unha pifia, non porque non vaia a ser eventualmente posible que o PSOE goberne con C´s, e desfacerse da necesidade de gobernar en coalición ou facer un acordo programático con UP, senón porque vai ser obvio para todos que iso era o que se buscaba. Forzar a vontade popular para torcer a vontade popular expresada nas eleccións de Abril baixo o temor á triple dereita non pode non ser visto como un acto de trileiro. É un acto de piratería política, e non pode senón conducir a un maior descrédito da democracia. Se os que fan estas trampas son os seus defensores, que podemos esperar dos seus detractores…

Nin tan sequera é descartable que o cabreo do sufrido votante de esquerdas provoque unha abstención que non só mellore o resultado das dereitas, mesmo que lles dea o goberno. Nese caso, que é díficil que suceda pero non imposible, o ridículo sería antolóxico, Pedro Sánchez un cadáver político e o PSOE unha maquinaria en estado de descrédito cósmico: non por virar á dereita, senón pola idiocia dos seus dirixentes.

Pero aínda no mellor dos casos, un goberno con C´s –e non digamos a fórmula da Gran Coalición, se coubera- non pode senón deslexitimar ao PSOE entre o electorado de esquerda. Os exemplos alemán, francés ou italiano están aí para calquera que queira velos. Cabe que gañe o centro, pero será pan para hoxe e fame para mañá. Alguén me dirá que ningún político en activo pensa no mañá, e sí, así é efectivamente, pero iso non quita que as cousas sexan como son.

Non se poden ter o duro e as cinco pesetas. Se o PSOE quere cumprir sen matices a vontade das elites, e poñerse na liña de Macron&co, pode facelo, pero non sen custes. Un pode ter unha liña de acción contraria ao gasto público e, dende logo, é máis fácil a vida dentro da ortodoxia económica da UE destes tempos. Sen fricción con esas políticas, calquera gobernante vive mellor, especialmente se cre que está ante as portas dunha nova recesión pero, lembren, “¡Con Rivera, no!” berraban os simpatizantes do PSOE a noite do 28 de Abril. Grazas a esa xente Sánchez é Presidente. Se racha con eses apoios, os da xente que quere políticas progresistas e non un sucedáneo da dereita, a fortaleza estratéxica dos socialistas debilitarase.

Veremos, por certo, que pasa en Cataluña. Agárdase que a sentencia do procés se coñeza a finais de Setembro ou comezos de Outubro. Se iso sucede, o PSC vai padecer as consecuencias electorais e, por tanto, tamén as perspectivas do PSOE. Talvez Sánchez e Redondo lle poñan unhas velas ao Tribunal Supremo para que se demore…

En España ninguén está facendo nada para encarreirar unha solución constitucional para Cataluña. No curtopracismo do momento, uns queren botar leña no lume para gañar votos na España irritada polo atrevemento catalán e outros, polo que parece, confían en que a froita madure ou directamente que apodreza. Confían, en definitiva, en que a través das decisións da xustiza, do goberno, e das sentencias do TC, se pode recentralizar España sen atender a ningunha fórmula de reintegración do catalanismo despois da sentencia de 2010. Iso é posible? Pode a correlación de forzas obrigar ao nacionalismo catalán a baixar a cerviz ? Non parece probable, pero, quen sabe?

Dende logo, non deixa de resultar curiosa a ansiedade de España sobre si mesma. Alguén podía pensar que unha España moderna, cool e plurinacional, tamén policéntrica, encantada da súa diversidade, podería ser unha opción atractiva. Pero hoxe España está en pleno proceso de ensimesmamento. Algún intelectual de garda, se os hai, que tal vez non, ou que non quere ser expulsado ao mundo das tebras exteriores, podería pensar por que.

Por certo, un fenómeno curioso, dentro da actual atmosfera da opinión pública española, é a desaparición máxica do voto nacionalista. Xa á vista dos resultados das eleccións do 28 de Abril foi usual ver aos comentaristas medindo o peso dos dous bloques, o das dereitas de Colón, e o de PSOE-UP, pero facendo coma se non existiran eses máis de dous millóns e medio de españois –de momento, sono a todos os efectos- que votaron opcións nacionalistas, soberanistas ou como se lles dea en chamar. Pero, sen eles, sen PNV, ERC, Compromis, etcétera, non sería posible un goberno á esquerda.

É un dato que tende a obviarse, dentro da actual tendencia, máis xeral, a negar a realidade para que cada quen viva dentro do seu propio universo sen impurezas. No entanto, se resulta moi improbable que cada un deses bloques obteña a maioría absoluta nas próximas eleccións é porque se prevén en torno a 35 deputados nacionalistas, soberanistas, ou como se lles dea en chamar.

É máis, tanto en Toledo ou Almería, como en Reus ou Vitoria, o factor nacional condiciona o voto tal vez máis que en calquera outro momento da historia recente, e non só a través de Vox ou C´s.  É evidente tanto no voto polarizado, coma no que expresa o desexo de buscar formas que moderen o escenario –a victoria do PSOE foi, en grande medida, a da España cautelosa que non desexa a confrontación-. En Galicia houbo pouco voto nacionalista, tal vez en parte por problemas de oferta –os nacionalistas galegos están en pleno desbaraxuste e desnorte, sen saber que facer consigo mesmos-, pero a proporción do voto entre PSOE e PP ten algo que ver con esa cautela, tan típica do país.

______________