Luns 25, Setembro 2023
HomeOpiniónO declive de Rajoy

O declive de Rajoy

Francisco M. Hidalgo

Mariano Rajoy confirma coa súa defensa da teoría do “deberían callarse” que non quere críticas ou propostas alternativas ás súas. Dende a súa atalaia de compracencia e satisfacción, imaxinamos que cun puro na man, mira aos demais con condescendencia. Quen o critica non comprende a situación do país –se cre que actúa con boa fe, ou resulta ser parte do problema que o goberno pretende amañar –se a fe é mala. Quen o loa, por contra, si demostra a confianza e o patriotismo exemplares que debera mostrar toda persoa de boa calidade nunha situación de crise profunda como a que estamos a vivir. Tal lóxica aplica a machamartillo dende o seu despacho de La Moncloa.

Mágoa que esta actitude, en boa coherencia, non se corresponda coa súa cando estaba na oposición. Mariano Rajoy deu renda solta, como líder do Partido Popular (PP) e máximo responsable da súa comunicación, a opinións irresponsables e alarmistas en temas estratéxicos para a credibilidade internacional e a estabilidade interior de España: en política terrorista fomentou unha politización e división entre as vítimas, que agora o Ministro do Interior ten problemas para atallar; en política económica, criticou ao goberno anterior por coordinar decisións co BCE e a Comisión Europea, do mesmo xeito que el fai agora dende a presidencia; mesmo cometeu o erro de presentarse como defensor do rigor tributario e a creación de emprego, mentres fomenta reformas a favor do despido barato e subidas de impostos antiredistributivas ou amnistías á fraude…

Un paso do antes ao agora moi significativo en canto á mala xestión da súa propia credibilidade persoal. De feito, os seus chamados á responsabilidade non gozan xa da confianza da cidadanía. En case medio ano o candidato ambiguo e gaseoso, deixou paso ao presidente inseguro e silencioso. Demasiado pouco tempo para esgotar o capital social acumulado na súa presunta capacidade de tomar decisións eficaces na saída da crise. E síntoma dunha intelixencia moito máis apta para chegar, a base de tesón e paciencia, que para manterse, a base de compromiso e de audacia. Malos tempos para darnos conta disto.

Os medios afíns falan dun Mariano Rajoy “perplejo” pola falta de apoio social e de resposta positiva dos mercados á súa axenda de reformas, que promete continuar. O tesón nas súas decisións amósase imperturbable. Mentres tanto, ante o crecente descontento, o Ministerio do Interior promete endurecer as leis para castigar a protesta social, chegando mesmo a suspender o Tratado de Schengen e impedindo a libre circulación de persoas (que non de mercadorías) por presuntos posibles problemas de orde pública. A sospeita sobre o disidente ou o diferente parece definitivamente instalada no goberno de España.

A democracia española ten diante súa un dos seus principais retos. De seguir así, se Mariano Rajoy e o goberno insisten na súa lóxica de actuar sen escoitar, de decidir sen pensar, o capital político do que aínda dispón podería chegar a acabarse moito máis rápido ca lexislatura. Que pasaría entón? En certos cenáculos asubíase coa posibilidade dun goberno de concentración, ou mesmo dun goberno tecnocrático e pseudopartidista, capaz de crear lexitimidade e confianza, como ten acontecido en Italia –con bos resultados á vista de que un crecente número de italianos non quere que Monti abandone o seu cargo en 2013. Unha perspectiva que gosta aos menos de momento, pero que cada vez tamén parece contar con menos detractores.

Estando así as cousas, Mariano Rajoy faría ben en abandonar as receitas da política impostada, último recurso dos galos de fachenda esfarelada, e recuperar os valores democráticos do diálogo e o consenso político. Quizais así a súa perplexidade fose menor pois sería capaz de darse conta, ou iso creo, que a tripulación do seu barco patriótico fartou de viaxar sen saber cara a onde vai e para qué se toma o rumbo que se leva. Son tempos onde o silencio debe cederlle paso a máis e mellor democracia.