Sábado 3, Xuño 2023
HomeOpiniónO contrato coa cidadanía

O contrato coa cidadanía

Ferven os pucheiros da política. O 24-M rompeu augas pola esquerda. A retórica da lista máis votada non é, a día de hoxe, a válvula de salvación dunha dereita autista. O partido que a encarna en España (e Galicia) cortou amarras con todo o que non sexan os seus dogmas neoliberais e a súa ben tecida arañeira de poder. Nesas coordenadas, a dereita política é quen de manter conectado o seu cordón umbilical coas estruturas (financeiras, empresariais, mediáticas, xudiciais, militares e eclesiásticas) que conforman a dereita social, pero á custa de perder a confianza nestes últimos catro anos de cinco millóns de cidadáns. Por iso, máis aló do mantra de ser a forza máis votada no que Rajoy e Feijóo se consolan e teiman inutilmente en consolar os seus, nada hai tras os pactos poselectorais que poida amortecer o tremendo desasosego que se apoderou deses poderes fácticos. Non son os extremismos e radicalismos propagandísticos cos que o PP tenta enmascarar a súa desfeita os que o producen, senón o empoderamento cidadán.

Velaí o escenario e tamén o fío argumental sobre o que as candidaturas de unidade popular, como estruturas democráticas emerxentes, e tamén as organizacións políticas que desde posicións socialdemócratas e de esquerdas se ven forzadas a compartir as ondas desa marusía cívica, han ter que escriturar e executar desde as institucións que agora  gobernan a nova política. Esa que activa e reactualiza o contrato coa cidadanía, á marxe de calquera outro contrato previo, tantas veces espurio, con actores que, pese a non pasar polas urnas, aseguran o seu poder no control, vía intermediarios políticos, das institucións.

Non como unha guerra aberta, por máis que os perdedores de tanto poder institucional a provoquen –a saída en tromba partidaria e mediática contra un concelleiro tuiteiro e unha concelleira activista de Madrid, ou contra os alcaldes das mareas galegas que se negaron a deixarse sacramentar pola Igrexa, é o preanuncio do que virá. Si como unha batalla democrática que teña no empoderamento cidadán o seu código, e no diálogo, na deliberación pública e na transparencia o seu instrumental.

____________________________________

Mareas de novembro e 2016

Que Galicia teña por vez primeira un protagonismo específico, diferencial, no relato que desde as instancias políticas e mediáticas do Estado se está a construír do sucedido na noite do 24-M e do posterior proceso de pactos, ten no fenómeno das mareas o seu epicentro narrativo. Que esa marusía se puidese producir nun país tan sometido aos designios de baronías que, á maneira dos señores feudais, esixen vasalaxe a cambio de protección, sendo o baltarismo ourensán o seu máis estentóreo prototipo, incrementa o voltaxe desa sorpresa electoral.

Tamén o foi, aínda que relativamente, para os que vivimos e sufrimos en directo as consecuencias de non termos sido quen de desactivar esa arañeira de poder caciquil, tan ben alimentada por unha clase empresarial que, coas consabidas e contadas excepcións, nunca actuou en clave de país, e tamén por unha rede de localismos que se asentaron sobre pequenos pero eficaces reinos de taifas económico/financeiros, que acabaron tendo no saqueo e espolio das caixas o seu máis devastador epílogo.

Mirado dende nós, o que leva a que Galicia teña protagonismo nese relato da mutación experimentada a partir das eleccións europeas de hai un ano, e agora coas locais e autonómicas onde as houbo, non deberá ser tan sorprendente como a primeira vista parece. O país está experimentando unha remuda xeracional que abastece non só de forza bruta senón tamén de ideas, de capacidade innovadora e de liderado unha sociedade sedenta deles. Son os que piden paso, pero non teñen outra opción que a de emigrar, forzados polas políticas austericidas nas que gozan os gobernos conservadores de España e Galicia. TN argumentou con datos a posibilidade de que se convertan nunha xeración perdida.

Neles, e na evolución que sen dúbida está experimentando o voto urbano que asenta sobre unha cada vez máis informada e á vez depauperada clase media, está en boa medida a explicación desa rebelión cívica que tivo nas mareas a súa expresión política máis natural.

Esta primavera democrática tivo prefacios tan puntuais pero tamén tan revulsivos, preto e lonxe de nós, como o Nunca Máis, o Non á Guerra de Iraq e o 15M. Colle pulo agora, cando a cidadanía se ve agredida por políticas que, á parte de desbaratar o Estado de Benestar, e á parte de fracturar o noso modelo de convivencia atacando as liberdades básicas e producindo escandalosas taxas de desigualdade, ao tempo que aumentou nos anos da crise a nómina de ricos nun 40%, amparan, activan e propagan auténticos asaltos á democracia. Mellor humus para a corrupción, imposible.

Nesta tesitura, cabe propoñerse a necesidade e a oportunidade de iniciar procesos de empoderamento cidadán, nos que poden confluír organización políticas, novas e vellas, para construír candidaturas cidadáns ou mareas de cara ás eleccións xerais de novembro –a única maneira de que Galicia poida ter un protagonismo activo no proceso de cambio político e institucional que se aventura para o Estado–, e de cara ás autonómicas do 2016. Co liderado da cidadanía. Antepoñendo todos, e moi especialmente esas organizacións, o ben común aos intereses de partido.