Domingo 1, Outubro 2023
HomeDestacadasO ABANDONO DA ESQUERDA POLA SOCIALDEMOCRACIA

O ABANDONO DA ESQUERDA POLA SOCIALDEMOCRACIA

por Manoel Barbeitos

A cambiante posición política tanto do presidente do goberno en funcións, Pedro Sánchez, como dos dirixentes do seu partido (PSOE) en relación a maioría dos problemas políticos de España e, moi especialmente, fronte ao conflito catalán, pon unha vez mais en evidencia o abandono da esquerda pola socialdemocracia española. Embarullados no que se dá en chamar tacticismo son quen de dicir hoxe unha cousa e mañá outra sempre que, aconsellados polos seus asesores que viven colgados das enquisas, lles recomenden o que resulta oportuno declarar nese momento.

Así, nunha liña que a socialdemocracia europea ven seguindo xa dende que a iniciara François Miterrand (Francia) nos primeiros anos oitenta do século pasado, e continuaran, con maior ou menor énfase, Felipe González, Bettino Craxi, Tony Blair, Gerhard Schröder, José Luís Rodríguez Zapatero, François Hollande e agora Pedro Sánchez, a socialdemocracia practica unha estratexia na que calquera parecido entre as declaracións e promesas electorais e a práctica política é mera coincidencia. As evidencias son múltiples e continuas.

Evidencias que van dende prometer políticas expansionistas –poñendo o acento no gasto público, o emprego e o benestar- para logo practicar políticas neoliberais –axuste fiscal, desregulación laboral- até cambiar políticas exteriores que poñían o acento na paz e na solidariedade por políticas claramente belicistas –aliñadas co liña oficial da OTAN- e insolidarias –véxase por caso o seu comportamento fronte a inmigración-. Políticas que rematan indispoñéndoos tanto co movemento sindical –por caso, en España o enfrontamento dos sindicatos tanto co goberno de Felipe Gonzalez como de Rodríguez Zapatero dou lugar a sonadas folgas e manifestacións que puxeron en evidencia un claro distanciamento- como co resto da esquerda. Políticas que rematan en rotundas derrotas electorais que abren a porta do goberno ás dereitas e provocan que os problemas económicos e sociais queden sen resolver agudizándose as diferenzas de clase.

Unha proba indiscutible desta liña seguida pola socialdemocracia europea témola no seu papel clave e de apoio entusiasta aos tratados europeos que, baixo o liderado alemán, se veñen aprobando na Eurozona e que obrigan a tódolos estados membros. Tratados que colocaron a Eurozona na senda neoliberal, máis correctamente sería dicir ordoliberal (neoliberalismo alemán), e que levaron a que as desigualdades sociais e os desequilibrios territoriais sexan os máis elevados de sempre, como así demostran os propios informes internos (EUROSTAT). Tratados que, por outra parte, deterioran enormemente a democracia pois sitúan as decisións duns órganos non electos (Consello Europeo, Comisión Europea, Banco Central Europeo) por riba das decisións das institucións democráticas nacionais (Parlamentos, gobernos).  Unha proba desta deriva antidemocrática e neoliberal tivémola no trato que o troica lle dispensou ao goberno grego (Syriza), para o que contou co apoio da socialdemocracia europea, e que quedará nos anais da historia europea como unha mancha vergoñenta e indigna.

En España, aparte da elevada desigualdade social, hai tamén un grande desequilibro territorial, dos máis fortes de Europa pois tamén afecta, por caso, as comunidades máis ricas (Pais Vasco, Cataluña) pero politicamente máis concienzadas. Desequilibrio que vén sendo un caldo de cultivo para os movementos e reivindicacións nacionalistas. Razóns históricas as xustifican como que, ao día de hoxe, aínda non se teña suficientemente avanzado no axeitado encaixe das comunidades históricas (Cataluña, Galicia, País Vasco) no Estado español. Un déficit que é fonte de continuos conflitos como, por caso, estamos vendo agora con Cataluña.

Nembargante estas evidencias a socialdemocracia española (PSOE) non remata de entender debidamente esta realidade coa que indefectiblemente acaba chocando, como lle está a suceder agora a Pedro Sánchez (PSOE). Din que os humanos somos os únicos animais que tropezamos varias veces na mesma pedra. Algo parecido lle sucede ao PSOE quen, agás momentos illados pero relevantes (por caso durante o goberno de Pasqual Maragall en Cataluña) remata sempre tropezando cos traballadores, os pensionistas e…. as comunidades históricas. Choques que non son casuais senón por que, desgraciadamente, esta socialdemocracia europea é hoxe un grupo político heteroxéneo sen principios nin ideoloxía claras.

Unha realidade da que o actual PSOE, que dirixe con mano férrea Pedro Sánchez, é unha proba irrefutable. Basta con acudir ás hemerotecas e comparar as declaracións e promesas de Pedro Sánchez co gallo da moción de censura, coas declaracións actuais e mesmo as políticas aplicadas no curto tempo que leva de presidente de goberno. Así, en temas moi substantivos e relevantes, pasou de prometer  “o primeiro que fará o PSOE será derrogar a reforma laboral de Rajoy para recuperar os dereitos dos traballadores” (Moción de censura, xuño 2018) a falar de “iniciar un diálogo cos axentes sociais para a elaboración dun novo Estatuto dos Traballadores … analizar a conveniencia de aprobar con carácter de urxencia a modificación dos aspectos mais lesivos da Reforma Laboral” (Programa electoral, xullo 2019). De prometer reformas fiscais que incluían dende “un incremento impositivo para as capas mais altas da sociedade con alzas nos impostos sobre Sociedade, IRPF e Patrimonio e cargas nas Transaccións financeiras” (Moción de censura, xuño 2018) a esquecerse das mesmas.  Que dicir por caso de “acabar cos aspectos mais regresivos da Lei Mordaza, ou dunha Lei de igualdade salarial para acabar coa fenda entre homes e mulleres”?.

Evidencias incontestables de cómo Pedro Sánchez foi xirando dende posturas socialdemócratas que lle serviron para sumar apoios cara gañar a moción de censura, ata posturas socioliberais coas que se quere atraer o apoio dun sector das dereitas, neste caso representado maiormente por Ciudadanos. Evidencias que se trasladaron ao eido das autonomías e moi especialmente a situación de Cataluña, onde se pasou de prometer “entaboar un diálogo co novo goberno catalán para volver a normalidade” (Moción de censura, xuño 2018) a  “non falar co presidente da Generalitat …. nin por teléfono nin por whatshapp” (outubro 2019) aliñándose así co españolismo máis rancio (PP, Cs). Un aliñamento que favorece que o chamado conflito catalán, lonxe de camiñar cara a súa solución, se encore cada día máis.

O mesmo sucede na relación cos partidos a súa esquerda como por caso PODEMOS. Si historicamente a maioría da socialdemocracia se caracterizou por adoptar un claro perfil anticomunista –seguindo así a liña marcada polo Imperio- na actualidade ese antagonismo se trasladou as forzas emerxentes da esquerda.  Unhas forzas ás que o PSOE sempre tratou con indisimulado desprezo (lémbrese, por caso, a súa actitude fronte o 15M) e un moito de complexo de superioridade. Así Pedro Sánchez en moi pouco tempo pasou de considerar a PODEMOS “o socio preferente” a tachalo de extremista e declarar  que “con PODEMOS no goberno non durmiría tranquilo” mentres, no intervalo, acudimos ao feito insólito de situar ao líder desa organización como o principal problema cara un goberno de esquerdas.

Estas reviravoltas de Pedro Sánchez e da socialdemocracia española non deberan sorprender a todos aqueles que coñecemos ben a historia da socialdemocracia europea nas derradeiras décadas. Unha historia marcada pola diverxencia entre os seus discursos socialdemócratas e as súas políticas socioliberais. Unha historia que si ben é certo ten un balance positivo no que fai referencia a democracia, a pesares de ter tamén grandes sombras (como por caso, o asunto dos GAL en España), está caracterizada polo claro abandono dos postulados de esquerdas. Un abandono que actualmente en España pode traer consecuencias indesexables: que as dereitas, logo do 10M, volvan a gobernar.