Ven de publicar hai uns días o deputado Bieito Lobeira, no voceiro dixital da UPG, Terra e Tempo, unha breve reflexión que ten como telón de fondo a Asemblea Nacional que o BNG celebrará os vindeiros 28 e 29 de xaneiro.
Nin que dicir ten o maior dos respetos pola súa lexítima opinión, compartida por moitos compañeiros e compañeiras, arredor do que a Fronte se xoga no cónclave. Mais quixera deixar constancia da miña total e absoluta discrepancia do que sibilinamente se desprende do mesmo.
Non digo nada novo se afirmo que nos atopamos ante unha encrucillada histórica. Deste xogo de tira e puxa entre os máis destacados dirixentes de cada corrente nas últimas datas, todo parece indicar que a militancia terá que escoller entre dous modelos perfectamente diferenciados que levarán á formación por vieiros ben diferentes e con prioridades case que diverxentes. E as prioridades semella que, alén dos textos, estanse a complementar en diversas columnas de opinión.
En primeiro lugar, da lectura do artigo de Lobeira fica claro que existe unha clara tendenciosidade na descrición “dos outros”, “dos que están fóra”, “os que se teñen destacado no combate, no desgaste, na censura e caricaturización do nacionalismo”. E non porque non sexa certo, en parte, no que afirma sobre algúns opinadores ou tertualianos…. Utilizando a retórica do “inimigo” que quere “domesticarnos” (adubiado con esa teoría conspirativa moi socorrida dende tempos inmemoriais para xustificar os malos resultados electorais, “a culpa é dos medios de comunicación”), colaca erradamente aos que avogamos por un BNG hexemónico no outro lado do taboleiro, “sendo amigos dos inimigos, polo tanto tamén inimigos”.
[quote style=”boxed” float=”right”]Coloca erradamente aos que avogamos por un BNG hexemónico no outro lado do taboleiro[/quote]
Deste xeito sinxelo e soterrado constrúese ese inimigo “de fóra” que permite (remítome a psicoloxía grupal), a cohesión do grupo. E cando digo “de fóra” non me refiro a fóra do BNG precisamente. Frases como “Beiras ha salido del capullo, y otros quedan dentro dale que te pegocon los principios.”; “Ni el Beiras jupiterino, ni un Aymerich incapaz de mantener su tienda abierta, son ya un peligro para la casta dominante”, non se están a citar de xeito casual.
Un BNG domesticado?
Seguindo coa psicoloxía grupal, o vitimismo xa é un clásico. “Por iso se ataca e criminaliza unha determinada corrente de pensamento, fulcral na historia e na consolidación do nacionalismo na Galiza, construíndo unha auténtica literatura negra plagada de prexuízos e falsidades E por iso se acubilla o modelo aperturista. Ese sería o BNG do que gostarían. Domesticado. Acontece que un nacionalismo domesticado deixa de selo”. Do parágrafo gustaríame tirar dous apuntamentos. Primeiramente, e utilizando lixeiramente a demagoxia, podería contraargumentar esa suposta simpatía do poder polo aperturismo incidindo en que a oligarquía mediática está moi contenta co BNG de hoxe, e a quen verdadeiramente teme é a un BNG con vocación maioritaria e de goberno. En segundo termo algo que xa ven de vello. Nós, os aperturistas, fariamos que o BNG deixara de ser nacionalista. “Non sería nacionalista. Sería outra cousa”, teimando nese xogo dos “verdadeiramente nacionalistas e os que non o son”.
[quote style=”boxed” float=”left”]Nós, os aperturistas, fariamos que o BNG deixara de ser nacionalista[/quote]
Tamén se fala no artigo de Lobeira de clarificación. ¿Que é iso da clarificación? Debemos revisar os programas electorais do BNG, claramente socialdemócratas? Debemos revisar os nosos textos para adaptalos á realidade na que vivimos e aos propios programas? Ou é a clarificación unha exercicio de reafirmación ideoloxista dunha parte que colocará á metade do BNG fóra e á súa base electoral desconcertada? Clarifiquemos, pois…
Socialdemocracia avanzada
O BNG debe ter unha aposta clara por incardinarse no amplo espazo do que se veu en chamar neste novo século a “nova esquerda europea”, cun importante compoñente ecoloxista, abandoando a ortodoxia e a linguaxe actuais, cunha aposta programática clara de socialdemocracia avanzada. Nacendo na esquerda e apostando pola transversalidade, onde teñan cabida todas aquelas persoas e votantes progresistas, que defendan o Estado do Benestar e outro modelo social e económico. No ámbito nacional, o BNG debe ser o punto de encontro de todos aqueles nacionalistas e galeguistas que defendan o carácter de Galiza como nación para así reforzar o seu autogoberno, lembrando o carácter táctico desta demanda no camiño estratéxico da autodeterminación nacional.
Neste sentido, terían cabida dende as posturas máis soberanistas ata outras que avogan polo recoñecemento da plurinacionalidade do Estado e máis autogoberno. O Novo Proxecto Común. Isto é, un BNG aberto, actualizado, un BNG onde todos e todas teñamos cabida e onde “as clarificacións” non sexan utilizadas coma arma arroxadiza e como subterfuxio lingüístico de “purga ideolóxica”.
Sigamos coa clarificación. Semella curioso, tamén, que este BNG e algúns do seus dirixentes adoecen na práctica dunha teoría que supostamente defenden. Non existen nada máis anti-marxista que unha praxe incongruente, a non visión dialéctica das cousas, unha non diferenciación entre táctica e estratexia e un pobre discurso analítico. Así, este BNG non fai unha diagnose axeitada da realidade galega e europea, e isto demóstrase en incongruencias no seu programa (con proclamas irrealizables), nunha sociedade multicéntrica e complexa como é a das nacións europeas.
[quote style=”boxed” float=”right”]Non existe nada máis antimarxista que unha praxe incongruente, a non visión dialéctica das cousas[/quote]
Mesmamente, a maioría dos dirixentes do BNG descoñecen cal é o perfil do seu votante. Numerosos estudos postelectorais mostran que a base electoral do Bloque está situada no centro-esquerda, nun nacionalismo moderado, votándoo as novas clases medias de perfil medio-alto, tal e como ten demostrado o politólogo Fermín Bouza. Polo tanto, fican refutadas todas estas proclamas autoreafirmatorias que din que o BNG precisa “máis nacionalismo e máis esquerda” para conectar doutra volta cos “votantes perdidos”. De feito, a día de hoxe, é o partido do Estado español que os votantes sitúan máis á esquerda. Oxalá fóra tan fácil, mais non o é. O Bloque o que precisa é unha dose de realismo para poder levar á maioría da sociedade aos seus plantexamentos, estando coa sociedade, non na súa contra. Isto, por suposto, non leva implícita ningunha renuncia ideolóxica, se non máis ben as ansias de algúns día podelas levar a cabo. ¿Seguimos teimando entón na “clarificación”?
Discurso menos encorsetado
Na cuestión que ten máis que ver coa comunicación política, o BNG debe cambiar radicalmente a súa mensaxe, non tanto ás veces o que di, senón como o di. Un discurso máis contundente, menos encorsetado, menos previsible. Máis naturalidade á hora de verbalizar as propostas. A sociedade demanda mensaxes máis claras e moito máis pegadas a un tempo político onde é preciso un discurso máis rompedor, de demanda dunha democracia máis participativa e real. Tamén, neste mesmo eido da comunicación política, é preciso un cambio na liña gráfica e un “restyling” do logo para poder osixenar a marca. A imaxe conta.
No ámbito organizativo, cómpre fomentar moitos máis a participación da militancia e a democracia interna. Que unha asemblea sexa aberta ou por delegación, non significa nada por si soa e non garante unha organización moito máis sana e participada, e por o foco só sobre iso sería un erro tremendo. Incidiría, tamén, en que un dos maiores déficits do BNG radica na escasa comunicación entre dirección e militancia, sobre todo para os non adscritos a ningunha corrente, colocando a estes últimos como militantes de segunda.
[quote style=”boxed” float=”left”]O BNG precisa un discurso máis contundente, menos encorsetado, menos previsible[/quote]
Outro punto importante radicaría nas comisións, actualmente infrautilizadas e que o BNG non consegue por en valor a pesar da súa potencialidade a nivel formativo e programático. Aproveitar as novas tecnoloxías da información e do coñecemento para estas dúas cuestións, e outras, introducindo figuras como a do referendo militante, serían medidas moi importantes para camiñar a unha organización máis moderna, transparente e con máis e mellor democracia.
Proseguimos clarificando…Tamén é fulcral reformular o frontismo co obxectivo de reconducir unhas relacións internas profundamente deterioradas: non se poden permitir maiorías mecánicas nos órganos de dirección e é preciso introducir (mesmo estatutariamente), fórmulas de votación mediante maioría reforzada en cuestións de carácter estratéxico. Ademais, é preciso por en valor o papel dos alcaldes e alcaldesas do BNG (e non escribirlles artigos convidando a que marchen!) reforzando o ámbito local e construíndo Galiza dende os Concellos.
Maior referencialidade
No que se refire aos cadros políticos, estes deben ser referenciais no seus respectivos ámbitos profesionais, académicos ou laborais. Dun tempo a esta parte vivimos un excesivo abuso do típico cadro formado en Galiza Nova, cunha mentalidade burocratizada, con formación exclusivamente partidaria, cun perfil eminentemente baixo e que pouco se relaciona con outras capas de sociedade. Este tipo de representante público non inspira confianza e credibilidade no conxunto da cidadanía. Débese rachar con este tipo de político profesional, elevando o perfil dos nosos representantes e volver incardinarse no tecido asociativo no sentido máis amplo da palabra: asociacións de veciños, asociacións deportivas, de estudantes, comisións de festas; no máis específico, como asociacións culturais ou de lingua, sen esquecer os máis marcadamente ideoloxizados, como os sindicatos. ¿Seguimos coa clarificación?
[quote style=”boxed” float=”right”]Un novo BNG non pode presentarse á sociedade con caras semellantes ás que se presentou no ano 82[/quote]
Sobre a condición do BNG, débese ter claro que o BNG é patrimonio dos galegos e das galegas. En efecto, é en primeiro termo dos seus militantes, mais tamén dos seus simpatizantes e do seu electorado. Nas formulacións políticas e programáticas, non debemos pensar en clave do que “nós” (escasos 3.000 militantes que participan dunha Asemblea Nacional) queremos do BNG, se non tamén o que esperan da organización a nosa base electoral e os nosos e as nosas simpatizantes. A figura de primarias abertas para a escolla de determinadas figuras referenciais reforza este idea de patrimonio compartido e multiplica o potencial electorado do Bloque e, polo tanto, tamén a súa capacidade de transformación do País. Intentar pechar este debate coa frase “escoller entre persoas máis ou menos simpáticas ou de mellor perfil mediático” semella bastante pobre.
Outro punto importante deste novo BNG debe ser o debate das persoas. En primeiro lugar, tan importante é “o que dis”, o “como o dis” é tamén “quen o di”. A credibilidade da túas propostas teñen validez se as persoas que as formulan teñen tamén crebilidade e (volvemos ao punto anterior) teñen un carácter referencial na sociedade galega. O BNG preciso dun novo liderado. En segundo lugar, as persoas que teñan as principais responsabilidades institucionais e orgánicas deben ser dunha nova xeración, comprendida entre os 40 e os 50 anos.
Un novo BNG non pode presentarse á sociedade con caras semellantes ás que se presentou no ano 82, mais, (e engarzamos co terceiro punto), si que debemos por en valor aos nosos referentes históricos. Non ten nome que xente como Camilo Nogueira, Anxo Quintana, Xosé Manuel Beiras ou Encarna Otero, por dicir algúns deles, estean condenados e condenadas ao ostracismo e ocultados sistematicamente nos actos públicos ou na propia axenda. Creo que non erro ao afirmar que non existe unha organización no contexto actual que trate dun xeito tan despectivo ás persoas que no seu día tiveron importantes responsabilidades e que son referentes sociais.
Estas son as condicións necesarias que debemos “clarificar”, non gustando da palabra vaia, para o reaxir do BNG. E aquí, polo menos algúns, non renunciamos á defensa da lingua, nin á autodeterminación, nin “abdicamos” do noso compromiso coa maioría social do noso País como se quere transmitir á base nacionalista de xeito soterrado. Non queremos dun BNG domesticado: o que queremos é un BNG útil. Non hai que ter medo de abrirse á sociedade, a non ser que teñas algo que esconder ou medo da túa incapacidade de implementar o teu proxecto.
Moitos non o temos, o contrario, queremos algún día das nosas vidas ver os nosos obxectivos políticos cumpridos, e para iso poñemos de relevo a necesidade de termos cidadanía detrás. Non hai proxecto político, e moito menos con vocación transformadora, que poida triunfar se nos conformamos co 10% dos votos. Se o BNG adica esta Asemblea Nacional a reflexionar sobre si mesmo, a “clarificarse” só entre os seus militantes sen mirar para fóra, estaremos perdidos. Irremediablemente perdidos. A este BNG fáltanlle moitas cousas. Unha delas valentía. Valentía para mirar de fronte ao País e á súa xente e dicirlle que está preparado para cambiar. Que está preparado para gobernar como tanto teimamos en dicir nós, os e as aperturistas.
Paulo Carlos López é membro do consello de redacción de Tempos Novos e secretario xeral da Mocidade Nacionalista Galega, referente xuvenil de Máis Galiza