Martes 28, Novembro 2023
HomeOpiniónNon é lugar para soños

Non é lugar para soños

Sara Torreiro

Non. Non lles é lugar para soños. Foi, se cadra. Pode que os mártires de Carral soñaran. Pode que nas Irmandades da Fala soñaran. Pode que Alexandre Bóveda se deixara sacrificar en aras dun soño.

Vivimos na época da medianía. Pero non na áurea mediocritas de Horacio. Non. Na medianía funesta. Na mediocridade. Por iso, tampouco é tempo para soñar.

Como dixo Alonso Montero no enterro de Isaac Díaz Pardo, quedamos sen patrón. Imos quedando sen capitáns ós poucos e semella que os oficiais non queren tomar o relevo.

Agora xa non quedan Derbys. Nin ceadores. Nin ateneos. Nin casinos. Non lles é tempo para o romanticismo. E é que o espírito do Banquete de Conxo perdeuse. A fraternidade. Queda o individualismo.

Semella que quen comezou a ter terra soñada, tempo soñado e ideais soñados teiman en non dalo en herdo ás xeracións que van detrás, nunha sorte de exercicio de irresponsabilidade máis propio da funesta medianía que de mentes brillantes. E nesas andamos.

“Os soños primeiro e as ideias despois, crean feitos históricos. E Galiza xa soñou e pensou de abondo. Non tardará en producirse o gran acontecemento que vai esvaecer o pesadelo da miseria moral e material en que nos ensumeu o Estado”. Isto reflexionaba Castelao no Sempre en Galiza. Pode que o de Rianxo tivera razón. Porque van sobrando as teorías e o hipercriticismo. Se cadra esta nova xeración orfa de soños e de esperanza serán os configuradores do gran acontecemento. Os bos e xenerosos, sobre todo xenerosos, que cada vez están máis fartos de ignorantes, féridos e duros. Fartos do ton da Europa de todos e de tebras. Fartos da falta de sinceridade e de vontade, da mala conciencia que se fixeron donos das almas e dos poucos espíritos vigorosos que fracasan ante a hostilidade do medio, como acertadamente describiu Risco nas Tebras de Occidente. Os configuradores do gran acontecemento. Os pais e nais da Alba de Groria. Da nación.