Sábado 8, Maio 2021
HomeOpiniónNO VÉRTICE DUN SISTEMA CORRUPTO

NO VÉRTICE DUN SISTEMA CORRUPTO

CINEMA

HASTA EL CIELO 

Dirección: Daniel Calparsoro
Guión: Jorge Guerricaechevarría
Reparto: Carolina Yuste, Miguel Herrán, Asia Ortega, Luís Tosar, PatriciaVico, César Mateo, Fernando Cayo Producción: Vaca Films 2020.

 

por Xan Daniel García

No plano temporal existen reiteradas ocasións nas que se introducen importantes avances no tempo, cara adiante (poñendo por caso, lapsos de dous, tres, cinco ou dez anos). Xa que logo, existe un considerable transcurso de anos entre o tempus inicial e o tempus final. Porén, non só no eido cronolóxico-temporal, senón tamén na faciana xeográfica existen habituais desprazamentos (por mor de diversión, pero algunha vez por “traballo”) entre Madrid e Eivisa. As relacións entre a banda de delincuentes e a banda en si van moi alén dos simples “traballiños” que fan. Daquela, en Eivisa, paisaxe insular e diversión… insular!

Á volta a Madrid dunha viaxe a Balears, Ángel bate nunha discoteca con Sole, unha antiga coñecida do colexio, e asemade coincídelle ver novamente a Estrella discutindo con Poli (o iniciador de Ángel no mundo da delincuencia). Despois deste dobre encontro con Estrella e con Poli, vaise configurando un triángulo erótico-sentimental na vida de Ángel, que Poli non vai saber como resolver ó xeito e con harmonía.

Iter Delictivo

A face, a externalidade da trama argumental desta película está constituída polos problemas nos que se mergulla a personaxe principal (Ángel). Porén, existe unha marxe temporal inicial do filme no que o aventado Ángel leva unha vida normal que non infrinxe a legalidade marcada; nun principio leva unha vida cinguida ás regras de xogo marcadas polas leis, desempeñando o seu oficio de traballador nun taller mecánico. Ángel vive co seu avó nun barrio de chabolas dominado ó lonxe polas chamadas “Torres de Florentino”, que dende hai uns anos son indiscutible teito do sky-line, a liña do ceo, os edificios máis elevados da cidade.

A iniciación de Ángel na delincuencia é fortuíta, e case que obrigada. Unha noite discute con Poli por mor dos celos suscitados neste cando ve a Ángel falando coa que por entón era a súa moza. Chegado o momento, no canto de teren unha liorta, para “dirimir o conto”, Poli “embarca” a Ángel nunha violenta alucinaxe nun escaparate; deste xeito fanse coas máis importantes pezas dunha xoiería de luxo.

Cualificación do xénero do filme

Coido que é unha película de gánsteres. Hai trazos que sempre se repiten neste tipo de filmes. Por caso, toda película de gánsteres adoita ter unha opípara voda, e neste filme unha noiva con traxe de fantasía e diadema. O exemplo por excelencia sería a voda da filla do capo non filme O Padriño, de Coppola. Iso si, hai que puntualizar que ten unha factura light no grao de dureza, e resulta menos violenta, ou mellor dito incluso, a violencia en Ata o ceo é menos intensa e con efectos máis limitados.

Tampouco é homologable a certa filmografía que viu a luz no Estado español do século pasado, coma O Lute, Perros Callejeros, O Vaquilla…, precisamente porque se desenvolven constantemente en ambientes marxinais e os personaxes son hampóns, delincuentes…, pero non son gánsteres. Pola contra, a personaxe de Rogelio é un gánster e Ángel acaba converténdose en tal…, e toda a galería de personaxes asociados a ámbolosdous tamén fan relembrar a Bardem en Ovos de ouro, quizais a algunhas películas de Mario Casas… Robert de Niro, Al Pachino… E teño que confesar que, quizais traizoado pola querencia subconsciente e pola común presencia do pobo xitano, non podo evitar que me veñan flashes do adorable cinema de Emil Kusturica.

No que atinxe á homologación desta película e á súa inserción no xénero de gánsteres, é significativo que se produce no filme un feito que se repite moitas veces nas películas de gánsteres: refírome ó desbancamento da persoa (Poli) que iniciou ó protagonista Ángel (que pasa a ser o capo); neste caso a ruptura con Poli non se substancia en termos gravemente violentos ou sanguentos. Alén de todo isto, e como mafioso prototípico, detéctase en Vicente unha vontade de artellar unha familia e un clan, absolutamente tradicionais e patriarcais, clásicos e ó estilo do establishment. Un grupo de xente que se é submisa, recibe un trato mesmamente cariñoso; o maltrato, salvo circunstancias excepcionais, fica reservado para ser dispensado ós rebeldes ou a quen estorbe ou ataque economicamente ó clan dentro do tecido social.

A podremia sistémica e a verticalización social

Calparsoro parece vencellar implicitamente estes comportamentos antisociais co carácter fondamente inxusto no que se asenta a sociedade capitalista e desigual, caracterizada polas diferencias nas condicións de vida de cada unha das diversas clases da devandita sociedade. Vencella, en efecto, ambalasdúas cuestións, do mesmo xeito que na súa anterior Salto ó baleiro (na que tamén, por certo, aparece de esguello a cuestión da plena liberación nacional de Euskal Herria e o enfrontamento que, formulado unhas veces dun xeito e outras doutro, conleva este conflito). Xa que logo, penso que a traxectoria cinematográfica de Calparsoro está plenamente mergullada na crítica social (aparte doutros elementos que tamén aparecen na súa filmografía, e asemade a temática da violencia nas relacións entre as persoas; e a soidade).

Porén, son abraiantes os paralelismos existentes entrámbolos dous filmes no eido do tratamento da desigualdade entre as persoas. Estes paralelismos converten nunha constante en Calparsoro problemas como os que afectan a unha franxa socioeconómica de ingresos modestísimos, que recorre á infracción das leis para vivir ou sobrevivir. O director pon en boca de Ángel a caracterización como “formigas” que os ricos e poderosos da oligarquía, ó que miran dende o seu rañaceos, han utilizar quizais para se referiren xa non só ós pobres, senón á maioría, ás clases populares, á xente normal, á xente do común, á maioría social.

Así e todo, podemos falar de paralelismos que non deixan de ser emblemas totémicos que as cidades posúen coma se for inherentemente (salvo o plan de urbanismo) xunguidos a elas, e que as definen como urbe. Así como no Bilbo de antes da fonda remodelación urbanística dos anos 80-90 a icona cinematográfica que Calparsoro utiliza son as ruínas do hipercomplexo industrial onde ficaban factorías coma Euskalduna, en Madrid desempeñaría ese rol (existen ademais alusións expresas antes mentadas) as catro torres “de Florentino” que constitúen o sky-line, a liña do ceo, a máxima altura (e con moita diferencia) de Madrid. Semellase que estas torres son omnipresentes polas numerosas veces que aparecen no filme; mesmo ó remate da película a acción transcorre no interior dunha destas torres. E parece pecharse un ciclo ou bucle cando Ángel verbaliza o seu pensamento de que as persoas que están abaixo semellan “formigas”, considerando que ó principio da película se preguntara nunha conversa con outra persoa do seu barrio, introducindo a cuestión de como os verían a eles, a xente normal, eses potentados que vivían neses edificios… E Ángel dáse a si mesmo aqueloutra resposta: “como formigas”.

E alén disto, como elemento cinematográfico (case que personaxe per se), dentro dun Madrid de chabolas, barriadas, urbanizacións pobres e menos pobres, localidades periféricas… mesmo as zonas onde viven os ricos… Alén disto, as torres teñen un significado mesmamente visual e plástico. Son o vértice, o máis elevado. E son o vértice dun sistema no que a “altura” (en tódalas ordes) actúa como criterio de clasificación entre as persoas; que por moito que o Ordenamento xurídico cualifique como iguais, non o son: a cidadanía igualitaria constitúe unha farsa no capitalismo; quen é desigual non pode ser tipificado como dual, do mesmo xeito que non se poden cualificar como iguais obxectos que son desiguais. Non sería posible que a Forza da Humanidade fixera posible unha auténtica Igualdade, un sistema Horizontal e equitativo?

A división capitalista de clases reflíctese (aínda que isto non sexa interpretable coma unha regra matemática) non diversos tipos de vivenda que ocupa cada unha das personaxes. De tal xeito, don Rogelio, amigo confidente e cómplice dun policía corrupto de elevado rango, ten unha casita con xardín ó estilo “Puerta de Hierro” ou “La Moraleja”, aínda que tamén podería vivir nunha urbanización de luxo ou no barrio de Salamanca. Pola contra, Estrella vive nunha vivenda de protección oficial.

Unha escena que me pareceu dotada dun superlativo grao de violencia (afortunadamente contra as cousas e non contra as persoas) é o rexistro policial con entrada en domicilio ó máis puro estilo militar. Tamén se recolle violencia de xénero mentres Poli e Estrela teñen relacións. Existe conflito con violencia por mor da parella entre Estrella e Ángel por parte dun poli machista e posesivo.

No filme existen tamén conivencias policiais na desaparición de probas e un asasinato por parte dun alto mando policial. A película, quizais porque o argumento e mailo escenario así o esixen, ten vocación de conflito, ou mellor dito, substánciase como conflito. As persoas non viven coa calidade que achega a tranquilidade, e todo parece ter que gañarse usando os puños ou mesmo as armas. En efecto, o filme é moi violento, aínda que non sempre brusco ou convulso; están presentes nel formas máis sofisticadas de violencia, non necesariamente directa. Os conflitos e enfrontamentos trasládanse mesmo ó interior do Aparato Represivo do Estado no tocante a quen asume un caso determinado.

Riqueza musical e contexto sociourbanístico

É un filme rico en case todos os aspectos, mesmo nas músicas que nel aparecen: hip hop, tecno, maquinera, electrónica, flamenco (segundo cada ocasión con máis ou menos percusión)…, mesmo é posible escoitar neste filme algo semellante ó reggaeton brasileiro. Existe tamén heteroxeneidade (e contradición), afirmadas pero non dogmáticas, nas identidades e roles das diversas personaxes. A riqueza de matices fai complicada e incluso, de veces, de difícil interpretación esta película, pero tamén fai dela unha boa e divertida película, de recomendable visión.

Calparsoro ofrece reiteradamente imaxes dende arriba, tomadas en helicóptero, quizais simplemente para ofrecer unha visión global de Madrid, quizais subxace unha certa filosofía de Madrid coma personaxe per se.

No que podería ser cualificable coma unha auténtica “pintura de urbanismo”, diversas, moi diversas áreas da cidade son obxecto e soporte da actividade de Calparsoro. Neste sentido sería tamén unha “pintura de ambientes” das zonas comúns das cidades; descrición definitoria na medida na que nos arrabaldes concorren diversas características socio-etno-lingüísticas.

Os arrabaldes da cidade son contexto ab initio (e pasan a ser logo unha constante reiterada). Hai unha homenaxe implícita desas zonas de fusión nas que se enguedellan o acento calé, os acentos doutras nacións da península que chegan á urbe capitalina, os acentos latinoamericanos, os acentos de certa emigración europea como é o caso de Europa do Leste.

Só unha ou dúas veces saen rúas do Madrid burgués acomodado. Estamos máis ben sempre nos extremos do baremo socioeconómico: zonas de ricos e zonas populares.


 

[td_block_7 f_header_font_transform=”uppercase” ajax_pagination=”next_prev” sort=”” category_id=”” custom_title=”Novidades”]