Nada está asegurado. E non obstante, todos o dan por feito. Mariano Rajoy actúa baixo o amparo dun efecto óptico que amplifica e sobrevalora a vitoria do PP nos comicios do 26X. A españolísima festa –”yo soy español, español, español”, en carpetovetónico nacionalismo– que montaron nos exteriores da rúa Xénova tivo máis de postureo escenográfico que de realismo electoral. O que en realidade festexaron foi a depreciación do voto socialista e podemita, que non daba xa para reproducir o experimento, finalmente fracasado, que capitaneou Pedro Sánchez. Saen por iso, e malia quedar a nada menos que 39 escanos da maioría absoluta, con moral de vitoria. Pero a verdade é que non as teñen todas consigo.
De feito, Rajoy xa abandonou a idea da gran coalición para suplicarlle ao PSOE un acordo de mínimos que o rehabiliten a el, e ao partido da corrupción, na Moncloa. Todo o demais, é de supoñer, pensarao superar botando man dos decretos/leis, aos que tanto se afeccionou, con auténtico descaro, nestes catro últimos e destrutivos anos de mandato. A opción B, neste caso sobre a dinámica esquerda/dereita, tampouco lle asegura a apetecida investidura, porque os nacionalistas vascos e catalás desconfían, con razón, de quen se envolve na bandeira española e arremete contra eles como se dun novo e xusticeiro cabaleiro do anteface se tratase. E tampouco os do partido multiusos, Ciudadanos, estarán polo labor de participar nese bodorrio a cambio das políticas penitenciarias que reclama o PNV e de apalabrar un novo estatus diferencial para Catalunya, algo que ao camaleónico Albert Rivera lle produce urticaria.
Que a batalla pola polarización lle dese ao PP bo resultado, concentrando sobre si o voto do medo e, todo hai que dicilo, tamén o voto do odio contra quen ousaba ir, con ou sen sorpasso, contra os partidos do réxime/78 (o bipartidismo, a favor do que seguen conspirando as familias económicas, políticas e mediáticas que conforman o establishment), só quere dicir que é o máis beneficiado pola paréntese que se abre no proceso de cambio institucional e político que está en marcha no Estado. Ante a posibilidade real de que Unidos Podemos, e as confluencias que tentan asentar novos espazos políticos en Catalunya, Galicia ou Comunidade Valenciana, chegase a gobernar, a única opción que lles quedaba a cantos vían nesa alternativa unha ameaza global foi a de darlle a Rajoy un plus de visibilidade que o forzase a tomar a iniciativa. Unha especie de voto en branco, o procedente dos seus de sempre e dos retornados de Ciudadanos, aínda que supuxera aprobar e alimentar a corrupción e noquear a liña de flotación do Estado de dereito e da democracia –o penúltimo episodio chegou de vésperas, co ministro do Interior, Fernández Díaz, cazado in flagranti cando utilizaba con afán conspiratorio as institucións do Estado para eliminar os seus adversarios políticos de Catalunya.
A outra cara electoral, a de Unidos Podemos e a das súas confluencias –en Galicia, En Marea–, veu determinada pola imposición desa polarización, na que tamén entrou o PSOE, que se deixou levar a ese terreo polo canguelo que colleron coa práctica totalidade das sondaxes converxendo no sorpasso. Non se deu, en parte tamén polo exceso de placidez ao que se entregaron todos –o cumio encabezado por Iglesias e os seus numerosos seguidores– no medio da borracheira demoscópica que lles aseguraba ese ceo . Esa campaña de perfil seráfico, que non abandonaron pese a ser o branco no que todos os demais facían vodú a conciencia, desmobilizou os seus, que se abstiveron a milleiros, e non calmou os mensaxeiros do medo, que botaron os boches para asegurar a mobilización dos seus atemorizados seguidores. Desa polarización foron tamén vítimas as forzas nacionalistas máis clásicas: con maior virulencia o BNG, que volve quedar fóra do Congreso, pero tamén o PNV e Bildu, en Euskadi, ou os cataláns de Convergencia, salvándose da queima ERC.
Máis alá de sortear o sorpasso grazas ao voto do medo que programou o PP e axitaron ao unísono conservadores e socialistas, non foi o PSOE de Pedro Sánchez quen se beneficiou en votos e número de escanos desa movida. Tampouco parece que redibilizase a renuncia de Unidos Podemos a remarcar un discurso de confrontación programática e ideolóxica, que fose capaz de neutralizar a complicidade destrutiva dos grandes medios de comunicación que, convertidos en portavoces das familias do establishment, solemnizaron todo tipo de escatolóxicas e por iso mesmo irreais conxecturas contra a coalición de esquerdas. O Brexit inglés serviulles para rematar a estocada: o ardor que amosan polos referendos pode acabar tanto cunha España rota coma cunha UE descosida. Todo menos poñer o goberno do Estado nas súas mans. Uns confiando en que nunca o cheguen a ter –as xentes que aínda lle dan certa fortaleza ao bipartidismo de sempre–, e outros convencidos de que aínda non lles chegou o seu momento –unha parte importante dese millón e pico de abstencionistas.
A análise das causas que abonaron os resultados do 26X –neste mesmo número de TN– non debera contribuír a reforzar o efecto óptico que sobredimensiona a capacidade de Rajoy e do PP para superar a investidura e formar goberno. Porén, tampouco é prudente desestimar sen máis esa capacidade. Os partidos e as xentes do réxime-78 temen as consecuencias dunha terceira chamada ás urnas. E dentro do PSOE hai representantes do establishment que antepoñen a súa blindaxe á do seu propio partido. É no que confían Rajoy e cantos conforman a arañeira de complicidades políticas, económicas, xudiciais e mediáticas.
Unha desgraza, sen dúbida. No medio da crise que sofre actualmente Europa e no medio da crise institucional, política, social, territorial e moral que segue desfondando a cestería constitucional do Estado, non debería revalidar o poder quen pasou os últimos catro anos abastecendo a súa despensa e a dos seus patrocinadores –entre os que están os máis recoñecidos evasores impostos e os máis preclaros morosos fiscais– á custa de poñer o país das maiorías sociais patas arriba. Un gobernante que non é quen de impedir o saqueo ao que se entregaron varios centos de dirixentes do partido que tamén preside, e que elude con insultante prepotencia e cinismo político toda responsabilidade, non é digno de tal investidura. Nin é quen pode garantir a rehabilitación do Estado de Benestar que con tanta crueldade contribuíu a destruír.
Porén, todo apunta a tapados de nariz, pasando por alto a conspiración e o saqueo, as taxas alarmantes de pobreza e desigualdade, o patrioterismo que indendia territorios, as leis mordazas, a privatización do público e a okupación das máis altas institucións do Estado, acabando por aceptar ese efecto óptico dándolle carta de natureza real –quérese dicir, 137 deputados como se fosen 176– e, taponando o nariz, pasa finalmente por alto a conspiración e o saqueo, as taxas alarmantes de pobreza e desigualdade, o esquilme do peto das pensións, o patrioterismo barato que incendia vidas e territorios e a okupación das máis altas institucións do Estado, que cando menos os aten en curto no Parlamento. Para que nada diso quede impune.